in

Jerk

Jerk brancoenegro |

O punto de vista

| Manuel Xestoso |

 

Non se aforran detalles truculentos: tortura, violacións, fist-fucking, mutilacións, orxías… A clásica narrativa sobre o asasino en serie que tanto fascina aos medios de comunicación de masas prescinde aquí de calquera lenitivo para amosar en toda a súa crueza iso que os lectores de Sade e Bataille coñecen como “a persistencia do mal”. Jerk é un longo monólogo no que David Brooks –interpretado maxistralmente por Jonathan Capdevielle– explica a súa participación, xunto con Dean Corll e Wayne Henley, no secuestro, tormento e asasinato de, polo menos, vinte e sete mozos. Que a historia estea baseada nun caso real tanto ten, pero engádelle o seu plus de grima ao asunto.

O primeiro que impresiona –por dicilo dun xeito suave– é que o relato está construído exclusivamente dende o punto de vista dos protagonistas. Asistimos a unha charla que Brooks lles ofrece a unha serie de estudantes: estamos ante a representación dunha representación autobiográfica, ante o show de David Brooks. E o seu espectáculo xa propón algunhas cuestións sobre os límites da representación e sobre a representación dos límites: toda esa parafernalia gore transmíteselle ao público cunha insoportable sensación de realismo, aínda que, en realidade, a primeira parte da función só utiliza monicreques para contar a súa historia e, na segunda, prescíndese mesmo dos bonecos: todo se expresa a través das voces “non pronunciadas” (Capdeville é tamén ventrílocuo) dos personaxes.

A mesma representación de horrores parecidos en Os 120 días de Sodoma, de Milo Rau –por poñer un exemplo recente– aseméllase a unha función infantil a carón da obra de Gisèle Vienne. A clave está nesa identificación cunha perspectiva ética: os valores morais da narración son os duns criminais implacablemente minuciosos no seu labor de martirizar as súas vítimas. E ante iso, non hai efectos especiais que resistan a comparación.

Pero hai máis: a función comeza mostrando un problema existencial de Dean Corll: decátase de que ignora todo o que pasou polas cabezas dos mozos mentres eran torturados e asasinados e de que polo tanto, “xa non lle pertencen”. Ao que Wayne contesta que “matar é unha cuestión de poder” e que ese poder “permíteche construír a personalidade do corpo que tes diante”.

En consecuencia, a banda comeza a dotar aos rapaces asasinados de novas identidades: Luke Halpin, o actor protagonista da serie de televisión Flipper ou, por que non, Jimmy Page. Como Wayne lle explica a David, estes personaxes non teñen máis identidade que a que ves na pantalla: non teñen vida interior a diferenza dos seres humanos reais, “que son imposibles de entender”. E explicita: “Se imaxinas que a vítima é Luke Halpin ou Jimmy Page, sabes exactamente a quen matas e logras que esa morte sexa máis significativa e completa”.


Publicidade

Se cambiamos Luke Halpin por “xudeu” ou Jimmy Page por “inmigrante”, descubriremos unha sinxela ecuación que permite descubrir a pertinente lectura política dunha obra que, a primeira vista, pode parecer unha gratuíta exhibición de horrores: de gratis nada.

 

Jerk, de Gisèle Vienne, Dennis Cooper e Jonathan Capdevielle

Dirección: Gisèle Vienne
Dramaturxia: Dennis Cooper
Música: Peter Rehberg (música orixinal) e El Mundo Frio of Corrupted
Iluminación: Patrick Riou
A partir dunha novela de Dennis Cooper
Interpretada e creada en colaboración con: Jonathan Capdevielle
Voces gravadas: César Bernard e José Enrique Oña Selfa
Estilismo: Stephen O’Malley e Jean-Luc Verna
Monicreques: Gisèle Vienne e Dorothéa Vienne Pollak
Maquillaxe: Jean-Luc Verna e Rebecca Flores
Vestiario: Dorothéa Vienne Polak, Marino Marchand e Babeth Martin
Mestre de ventriloquía: Michel Dejeneffe

Festival Escenas do Cambio, Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2020.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ManoliñoNguema |

‘Manoliño Nguema’ gaña o Premio do Público no festival MiradasDoc

Andrea Dunbar

Galaxia publica a ‘Obra dramática’ de Andrea Dunbar