O filme Manoliño Nguema gañou esta fin de semana o premio do público na edición númeo trece do festival MiradasDoc de Canarias.
A película dirixida por Antonio Grunfeld, que está tamén nomeada para o Premio Mestre mateo ao Mellor Documental, conta a historia de Marcelo Ndong –un sexaxenario artista africano formado en Galicia e que agora rexenta unha pequena gardería en Malabo (Guinea Ecuatorial)–, que recibe unha inesperada proposta: como en tantas outras ocasións deberá montar unha obra de teatro, pero esta vez, o argumento será a súa propia vida.
Marcelo Ndong, tamén coñecido como Manoliño Nguema, naceu en Malabo cando o país aínda era unha colonia de España. En 1968 viaxou a Galicia grazas a unha bolsa de estudos que lle permitiu formarse no Circo dos Muchachos de Bemposta. Despois de moitas xiras e actuacións por todo o mundo, volveu a Guinea co obxectivo de axudar na reconstrución dun país arrasado primeiro pola colonización e logo pola ditadura de Macías.
Marcelo Ndong acabou creando a primeira escola de circo de Guinea Ecuatorial e converténdose no “pai do teatro de Guinea Ecuatorial”. Unha obra teatral creada sobre a súa vida visitou varias localidades de Galicia en 2018.