Os relatos do corpo
| Ana Abad de Larriva |
| Foto: David Rodas |
“Un corpo bailando e unha voz en off que mira e analiza o corpo que se move”. Así se presenta Fäustino VI o 126 caballos, unha peza sobre a exploración do propio corpo e o relato que xorde del. Sobre o seu movemento; as súas posibilidades, as súas limitacións. Sobre as marcas, as cicatrices que lle deixa a historia, o vivido.
En escena está Sergi Fäustino, que investiga diferentes movementos no espazo sen deixar de bailar, mentres esa voz en off feminina que se refire a el como “un corpo estándar” vai facendo un percorrido explicativo polo corpo do bailarín, pola súa cartografía, e vai relacionando a súa funcionalidade e particularidades coas experiencias vitais que as conformaron. Hai tamén unha reflexión sobre o paso do tempo e os efectos que este deixa ou podería deixar no corpo.
O discurso emitido oralmente está baseado nos recursos da repetición, da acumulación e da repetición con variación de elementos, o que reforza a atención, en canto a que se espera que detrás da nova repetición xurda, de súpeto, un elemento novidoso; aínda que, por veces, a reiteración chegue a xerar certa saturación. O xogo co horizonte de expectativas do espectador, da espectadora, é bastante baixo; reside aí, sobre todo, neses elementos novidosos que resignifican a mirada sobre ese corpo que se amosa, e tamén nalgúns movementos que, de socato, rachan co ritmo ou calidade anterior, especialmente cando o corpo se pon en situacións difíciles, cando comeza a notar o cansazo ou cando desenvolve un atraente xogo coas luces deseñadas por Pedro Fresneda e con varios efectos que estas lle producen.
O propio bailarín explica ao remate da peza que, aínda que Fäustino VI o 126 caballos se poida entender como unha proposta escénica pechada, é interesante vela como unha parte dun proceso de investigación e creación en continuidade que leva desenvolvendo dende hai oito anos. Este céntrase no estudo do corpo e das súas posibilidades, a partir de diferentes preguntas que se fai o bailarín e que adoitan estar moi relacionadas con analizar como responde o corpo cando se pon en situacións de dificultade. As espectadoras e espectadores fomos convidados a quedar despois da mostra da peza para que nos falase do contexto vital e creativo que o levou ata esta proposta, así como a facermos un pequeno percorrido de descuberta de varios materiais (vídeos, fotografías…), dispostos a xeito de pequenas instalacións, que documentaban e completaban o achegamento ao seu traballo.
Fäustino VI o 126 caballos, de Sergi Fäustino
Creación/dirección/en escena: Sergi Fäustino.
Iluminación: Pedro Fresneda.
Festival Isto Ferve. Teatro Ensalle. Vigo. Domingo 1 de marzo de 2020.