En plena crise, mais sen esquecer que xa se cheira, coma un bálsamo, a primavera, facemos balance da 29ª Edición de FETEN, Feira Europea de Artes Escénicas para Nenos e Nenas, excelente vacina para todo os males do corpo e o espírito. | Xurxo García Avendaño |
Do 9 o 14 de febreiro pasaron por Xixón noventa compañías seleccionadas entre as 860 propostas chegadas dende toda a península ademais de Reino Unido, Italia, Francia, Bélxica, México, Brasil, Arxentina, Quenia e Canadá; para estas pezas chegadas de fóra créase este ano o premio “Nos visitan”. Dezasete estreas absolutas e 250 funcións representadas nos espazos habituais: Teatro Jovellanos, Centro Pumarín Sur, Escola de Comercio, Antiguo Instituto, rúas e prazas, recuperándose tamén a Colexiata de San Juan Bautista onde tiveron lugar os espectáculos para a primeira infancia, marco ideal onde poder gozar de traballos tan fermosos como LÙ da compañía Valenciana Maduixa.
Continúan baténdose récords e superándose cifras de asistencia, tanto de profesionais coma de escolares e publico en xeral; resulta frustrante ás veces ficar ás portas en espazos de aforo reducido, unha perda asumible e asumida con calma e filosofía. Para os escolares e demais rapazada que teña asistido a algunha función segue aberta ata o 27 de marzo a convocatoria do 19º Premio da crítica, podendo participar cun debuxo os menores de sete e cun texto os maiores, dos sete aos doce anos.
FETEN non deixa de ser unha feira onde, como en toda feira que se prece, vense a mercar e vender: distribuidoras, programadores e compañías pululan inquedas, haiche nervios e ansiedade, mais tamén a sensación de estar en familia, unha gran familia; consolídanse apegos e o vínculo humano medra cos anos. Realizamos un repaso por algunhas actividades e os espectáculos programa.
Actividades paralelas e complementarias
As actividade paralelas e complementarias son múltipes e variadas. Entre elas destacamos:
- II Xornadas de Dramaturxia para a Infancia e a Xuventude, organizadas por ASSITEJ e TTP, a celebrar na Escola Navarra de Teatro, en Pamplona, do 21 o 25 de Xullo. Punto de encontro para dramaturgos e dramaturgas con cinco mesas de debate dedicadas aos seguintes temas: Que é a dramaturxia, A figura do autor na compañía, Dramaturxia de diferentes disciplinas, A adolescencia creadora, A investigación.
- A convidada nesta edición é a dramaturga Maribel Carrasco, “a Suzanne Lebeau de México” que vai impartir un obradoiro de 16 horas para o que están dispoñibles 15 prazas.
- 19 Escola de verán UNIMA terá lugar en Avilés do 27 de Xuño o 5 de xullo. No marco da Factoría Cultural ofrece catro obradoiros: “El alma de las cosas. Taller de sombras”, impartido por Fabrizio Montecci da compañía Giocco Vitta; “Teatro de objetos. Dando vida a la metáfora” impartido por Rene Baker; “Irse de casa. Mapa poema para las niñas que se portan mal” por Lola Fernández; “Dramaturgia para títeres”, con Luís Fernández de Julián. O prazo está aberto ata o 14 de maio. Pódese obter máis información no web unima.es
- Presentación da 31 Mostra de Igualada con unha do 26 o 29 de Marzo. Interesantísima programación coa ollada posta no público adolescente.
- Proxecto Kitui County en Quenia: presentado por Faith Kiema, coordinadora e Ana Villa da ONG Creatividad Solidaria. O obxectivo é potenciar a longa relación da cultura Kamba coa danza e as artes escénicas, traballando coa mocidade máis desfavorecida. Búscase atraer patrocinadores e artistas que queiran implicarse na creación dun novo festival, escola de circo e programación estable.
- A compañía Mighty Jambo que formaba parte da delegación, ofreceu a obra El cazador no paseo de Begoña: mestura de tradición e modernidade, danzas e acrobacia e acadou o Premio FETEN ao Mellor espectáculo de rúa.
- Camiño Escena Norte: balance da primeira edición e avance da segunda. Máis da metade dos espectáculos vanse realizar en espazos patrimoniais e búscase estender o circuíto a Portugal e Francia. Participan: Escena galega, Escena Asturies, ACEPAE e Eskena.
- Presentación do Nodo Asturias: a Federación Estatal de Teatro e Drama en educación quere crear asociacións, nodos, en cada lugar seguindo o exemplo e o lema do proxecto arxentino DramaTiza: “nadie sabe más que todas las personas juntas”.
Exposicións
40º aniversario de Monicreques de Kukas. Prototipos, mecanismos innovadores dun gran construtor, bonecos e decorados de vinte das súas obras mostráronse en FETEN ofrecendo con ese toque irreverente que o caracteriza o traballo de Marcelino de Santiago e a súa xente que son historia viva do teatro galego.
Rosa Díaz: 40 anos de Teatro. Emotivo paseo ao longo da súa traxectoria vital e artística, dende os seus comezos na efémera Escola de Teatro de Albacete, pasando por Teatro Fénix, Cambaleo, Lavi e Bel… ata a actualidade con La Rous, fundada por ela un 8 do 8 do 2008, con un percorrido a través de fotografías, figurinos, escenografías e anacos de vida.
Presenza galega
Abundante e gorentosa foi a presenza galega neste 2020:
PISTACATRO PR0DUCTORA DE SOÑOS con Mezzo, o fantástico circo de insectos xigantes do Doutor Mezzo. Autoría: Pistacatro. Dirección: Antón Coucheiro. Peza de rúa de gran formato con criaturas do máis espectacular e boas doses de circo.
XANPATITO PATO. Só. Autoría: Jesús Velasco. Dirección: Arturo Cobas e Jesús Velasco. Espléndido traballo de malabares tan ben planificado como executado por un personaxe maniático e entrañable.
OS MONICREQUES DE KUKAS. Arlequina. Autoría: Kukas. Dirección: Isabel Rey e Kukas. Trasunto do clásico Pinocho ao estilo Kukas. Ambiciosa aposta con titiriteiras de tres compañías distintas e música en directo do quinteto Zoar.
EME2 PRODUCIÓNS. Titiricuentos. Autoría: Ricardo Combi. Dirección: Alex Díaz. Catro contos marabillosos e populares contados con títeres de mesa e técnicas diversas. Elegancia e solvencia no traballo das actrices.
Premios
A ASSITEJ (Asociación Internacional de Teatro para la Infancia y la Juventud) outorgou dous galardóns:
- Premio Nacional de Teatro a Rosa Díaz: un premio que recoñece o traballo dunha muller creadora comprometida e sincera e que foi entregado pola súa amiga e dramaturga Itziar Pascual.
- Premio de investigación Juan Cervera de investigación sobre Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud para o investigador e dramaturgo mexicano Hugo Salcedo polo traballo: La migración en el teatro para niños y jóvenes de México. Contexto, estrategias y recursos dramáticos.
Espectáculos
Nesta edición do FETÉN o títere tivo máis presenza que en anteriores feiras. Ben de luva, mesa, fíos ou outras técnicas, un amplo abano de xeitos de darlle vida e emoción á materia foi presentado en Xixón. Presenza tiveron tamén compañías de recoñecido prestixio que non sempre están á altura das expectativas xeradas polos traballos anteriores, unha tiranía coma outra calquera. Deteñámonos en apostas que nos remiten aos catro elementos: terra, mar, aire e lume.
Terra: Úniko, de Teatro Paraíso (País Vasco) con autoría e Dirección de Iñaki Rikarte.
A crúa realidade dos celos infantís contada sen pelos na lingua. Que acontece cando ao mundo ideal do fillo único, onde vive e reina como deus omnipotente chega un intruso, un irmanciño? Tremen ata os cementos da casa, treme ata o osiño de peluche, confidente e sparring do cativo destronado. Unha parella de bos actores nos papeis de nai, pai e tamén de aboa e profe, mentres Úniko é un títere de tamaño natural que comeza presentando a rapaza que o manipula e ás veces interpela o público: “Soy un niño malo?” “Noooo”. Con ritmo, cambios de escenografía limpos, efectivos e unha dramaturxia áceda, cotiá e divertida. Nestes tempos de parvada politicamente correcta agradécese o risco. Un espectáculo para mirar en familia.
Premio FETEN á mellor interpretación femenina para Maite Bayón.
Mar: Nautilus; 20000 Leguas De Viaje Submarino, de La Negra (Comunidade Valenciana). Autoría: Diego Guille e Xavo Giménez. Dirección: Xavo Giménez e Toni Agustí.
Dous actores e un acuario abondan para darlle unha sorprendente volta ao clásico de Verne. Un deses casos en que todo conxura para atraparte dende o minuto un. Orixinal a posta en escena, intelixente a dramaturxia, hábil o emprego do son e a luz. O misterioso capitán Nemo convida ao profesor Aronax a bordo da súa nave para percorrer xuntos os océanos. Unha gran complicidade nace entre eles e pouco a pouco o profesor vai descubrindo cal é o verdadeiro monstro que ameaza con destruír un mar tras outro. Sen nomealos en ningún momento, mostra como os plásticos comen o mundo.
Premio FETEN á orixinalidade na defensa dos valores medioambientais.
Aire: Áureo, De Up Arte ( Rexión De Murcia). Autoría: Uparte. Dirección: Herminio Campillo.
Tomando como referencia o número áureo e a divina proporción, a obra convértese nun xogo constante de circo, equilibrios e acrobacias imposíbeis. Se na anterior peza estas sete mozas e mozos voaban como plumas entre caixas, agora son listóns de aceiro e pranchas de madeira as utilizadas para crear no espazo a figura perfecta.
E o lume? Que dea caloriño nas mans e no corazón de quen o precise, que ilumine o camiño para o FETEN 2021.