Un total de dezasete asociacións profesionais traballan de xeito colaborativo na elaboración dunha proposta na que se demandan distintas medidas específicas dirixidas ao sector cultural polas consecuencias do COVID- 19.
A iniciativa da creación desta mesa xurdiu desde a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) a partir do seu comunicado onde manifestaban a súa gran preocupación polo impacto que está tendo no sector cultural as medidas de contención do coronavirus.
Desde a AGPXC elaborouse un borrador no que se incluían algunhas medidas específicas dirixidas ao sector cultural entre as que se inclúen a suspensión das cotas a profesionais autónomas, baixada do IVE cultural, modificación das bases de convocatorias das subvencións que están en trámite de resolución para se que contemplen os anticipos e pagos a conta, redeseñar o Xacobeo para favorecer o sector cultural galego, axilizar e reducir o período de pagamento aos provedores das Administracións Públicas, garantir o dereito de acceso á cultura a través da creación dun bono cultural, etc.
Pilar Portela, presidenta da AGPXC, resaltou que “unha das liñas de traballo da AGPXC é a interlocución cas diferentes administracións para defender os nosos intereses sectoriais. Este é un momento crucial para tomar esta postura e así o estamos facendo, desde a publicación do noso manifesto ata intentar coordinarnos coas outras asociacións do sector para redactar as nosas demandas”.
Desde a AGPXC fixeron chegar este primeiro borrador de medidas á Xunta de Galicia e á Federación Estatal de Asociacións da Xestión CulturaL (FEACG), e que durante estes días será ampliado coas achegas dos seguintes colectivos: Academia Galega de Teatro (AGT), Asociación de Escritoras, Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Empresas Musicais AGEM, Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos, Asociación Produtores Técnicos Espectáculos de Galicia (APTEGA), Asociación Profesional de Artistas de Galicia (A Colectiva), Asociación Empresarial de Festivias de Galicia, Culturgal, Clubtura, Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, EGANET, Escena Galega, Músicas Ao Vivo, Plataforma Afectadas CCG e Unión de Cooperativas Galegas Espazo Coop.