in

Segunda carta á profesión desde o confín, por Chiqui Pereira

confin2 |
Chiqui Pereira, da compañía Berrobambán, continúa ofrecendo novos puntos de vista sobre as consecuencias que pode ter a crise derivada do confinamento colectivo sobre as artes escénicas.

 

Hai exactamente dúas semanas comezabamos a escribir a anterior carta e parece que pasaron meses. Paradoxalmente, neste confinamento acontecen demasiadas cousas demasiado rápido, así é que, ao tempo que escribimos as palabras e as ideas, estas desactualízanse. Esa especie de ansia do pasado por converterse en presente ou do presente por tornarse pasado, impregna a nosa reflexión, arrastrándoa, ao igual que á anterior, a un abismo do efémero desde o cal poderiamos contemplar unha excepcional panorámica da época na que vivimos, se non fose porque o teléfono non deixa de soar.

O outro lado continúa a pedir novos contidos. Malia a que as cuestións que levanta esta práctica xa foron sinaladas no anterior escrito, queremos patentizar as que nos parecen máis necesarias. No caso de ser remunerado, é fundamental reivindicar as condicións artísticas e técnicas que dean valor ao noso traballo e nos distancien do voluntarismo. Se o contido non contempla unha remuneración é, simplemente, un insulto. Por mais incrible que pareza, estas ofertas continúan a ser feitas por espazos públicos de exhibición, hoxe mesmo coñecemos a denuncia da Federación de Compañías de Danza (FECED).

Na súa cualidade de aparello intelixente, o teléfono informounos da presentación por parte de asociacións e partidos políticos das súas propostas específicas para o sector. Destacamos as 52 medidas elaboradas por máis de 20 asociacións de ámbito estatal por ter incorporado algunha intervención orientada a paliar a situación das persoas traballadoras. Porén, parécenos preocupante que se eluda a medida máis obvia -e que apuntabamos na carta anterior-, a de buscar fórmulas para continuar coa programación ou, en todo caso, impedir a extinción dos contratos baixo a cláusula de forza maior.

Adiar as actuacións significa reducir a temporada en catro meses. Se as actuacións que ían ter lugar agora pasan ao outono, é pertinente preguntarse cando se farían as que estaban previstas para esa época. Só hai tres respostas posibles: facemos crónico o aprazamento, sobreprogramamos ou optamos por unha mistura das anteriores. A primeira é unha solución que non é tal. A terceira levaríanos cara ao mantemento da situación de excepcionalidade ata o ano 2022. A opción de duplicar a oferta escénica suporía alterar as dinámicas establecidas polos espazos despois de anos de experiencia, o que probablemente, afectaría á participación do público. Estes riscos tornan esta hipótese un pouco extravagante, tanto ou mais que outra moito máis simple: a de pagar por un espectáculo que non se puido levar a cabo pola crise que estamos a vivir.

Pensemos logo en que beneficios podería traer esta última opción. Por sorte ou por desgraza, os clientes maioritarios das empresas do sector son administracións públicas, o que nos dá unha vantaxe nesta situación. Se esas entidades asumen os pagamentos dos compromisos adquiridos, a maior parte das compañías non se verían obrigadas a acollerse a medidas excepcionais como liñas de préstamo, compensacións parciais do lucro cesante, etc. Isto alixeiraría a presión sobre o crédito extraordinario que as administracións van ter que dedicar a outros sectores. Convén tamén lembrar que as partidas orzamentarias para esas funcións (agora sen poder facerse) xa están aprobadas. Polo tanto aliviaríase tamén a burocracia, tanto para as compañías como para a administración, ao non ter que anular remesas para desvialas a novos asentos contables. Deste xeito, tamén asegurariamos que os orzamentos destinados ao sector, de por si escasos, non sofren recortes.

O funcionamento sería tan simple, ou complexo, como o foi ata o de agora. Despois do día da representación, remítese a factura xunto coa documentación correspondente á alta das persoas que traballan nesa montaxe. Evidentemente, precisaríase dunha disposición que impedise a extinción dos compromisos adquiridos por parte de calquera administración pública, que contemplase un prazo alternativo – dentro desta temporada – para aquelas funcións que deberan terse desenvolvido durante o tempo anterior á implantación da medida, ou que establecese unha eventual redución dos cachés, polos gastos de dietas, que poderían destinarse a un “fondo solidario” para dar satisfacción a outro tipo de situacións que non se puidesen acoller a este sistema. Porque efectivamente existen casos para os que esta solución non é todo o satisfactoria que debera. As estreas anuladas, por exemplo, ou aquelas empresas que tiveron que rescindir contratos co sector privado.


Publicidade

Non acertamos a comprender por que esta hipótese non foi posta enriba da mesa no encontro virtual mantido coa Xunta. En Portugal existen varios movementos solicitando a adopción desta proposta. O día 8 de abril, a petición do Bloco de Esquerda, foi aprobada na Assembleia da República unha modificación das medidas específicas para a cultura que obrigará a pagar ás entidades públicas pola anulación dos espectáculos. Isto quere dicir que non é imposible. A administración está a tratarnos como a calquera outro sector produtivo, como se fose igual facer unha obra de teatro que unha obra de construción civil, na que unha vez rematada non se volve actuar sobre ela ata anos máis tarde. Aí si que se pode adiar “sen consecuencias”. No noso caso, non. Despois da nosa actuación, viría outra e outra e outra máis. Que as institucións obvien que o efémero é inherente ao noso traballo non é novo, que o fagan os profesionais é perturbador. Se cadra o oxímoro das industrias culturais callou tanto nas nosas cabezas que nos impide ver a poética resultante da situación: a mellor maneira de saírmos da crise é que a administración imite o traballo que nós facemos, levantar unha ficción, a de que todas as funcións sen realizar foron feitas.

Pero non son bos momentos para a lírica, e o teléfono interrompe para alertarnos dun novo medo que se instala no sector: quizais non só perdamos o que queda de temporada, senón que a parálise pode estenderse ao inicio da seguinte. O pánico desatouse a través do anuncio informal de que certas bibliotecas ían adiar a súa programación ata o 2021, alimentando sospeitas sobre o futuro do programa da Xunta, Ler Conta Moito. Abrimos aquí e agora unha nova caixa de Pandora, facendo nosa temporalmente a frase do primeiro ministro portugués António Costa:“preparar-nos para o pior, desejando que aconteça o melhor”.

Nestas dúas semanas vimos algúns sinais que apuntan cara á posibilidade de que o noso sector tarde moitos meses en volver á súa actividade normal. As mais obvias son o adiamento do estado de emerxencia – e a súa probable extensión no tempo – e a gradación necesaria para volta á normalidade. Tamén as novas que coñecemos sobre Singapur ou Xapón que, se as sumamos á aparición de informacións relacionadas coa posibilidade dunha segunda onda en setembro ou outubro, fainos sospeitar que a permanencia de certas precaucións instaladas nese novo cotián poida dificultar a nosa actividade. Pero, de todas elas, a que nos indica que estamos ante unha posibilidade real é a cantidade de festivais musicais que xa renunciaron á súa edición neste ano.

Temos que recoñecer que todo isto colleunos por sorpresa. Por iso é que neste tempo temos un dobre traballo: emendar os erros e tentar anticiparnos. Podemos pensar como posibilidade a redución da capacidade dos espazos? É viable a celebración de festivais como a MIT ou a MITCF de Cangas nesas condicións? E as salas privadas? Que actuacións teriamos que adoptar para que un eventual novo brote non nos obrigue a parar a nosa actividade?.

Estas son algunhas das preguntas que cabe facerse. Mentres continúen a morrer máis de 600 persoas ao día, mentres a xente non poda saír da súa casa, mentres a situación non se calme, debemos ser prudentes. Isto non quere dicir calar, agardar ou conformarse. Significa simplemente facer as reivindicacións polas canles adecuadas. Deixémonos de hashtags, agora non caben as mensaxes sinxelas e moito menos os enfrontamentos por elas. As redes sociais non son só o lugar onde os polos descabezados andan as carreiras, son tamén o espazo onde as cabezas xacen, ollando perplexas o movemento sen control dos seus troncos. Atrevámonos a usar a tecnoloxía para unir eses corpos. Arrisquémonos a pensarnos no común. O desafío segue vixente: por que non organizar neste tempo unhas mesas redondas telemáticas e abertas ao público, nas que poder falar sobre o noso futuro?

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Santi Cortegoso

No confín de… Santiago Cortegoso

290320 Consejo4 |

A reacción da cultura obriga ao goberno do Estado a rectificar e atender as súas demandas