O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo unha videoconferencia con representantes do sector escénico galego para analizar a situación derivada do COVID-19 e avanzar nas accións específicas que a Xunta de Galicia está a deseñar para minimizar os efectos da crise sanitaria neste colectivo.
Seguindo a dinámica de anteriores encontros sectoriais, nos que a Consellería convocou xuntanzas similares para afondar nas consecuencias do actual estado de alarma na música, no audiovisual ou no libro, a reunión centrouse nas especiais particularidades laborais e artísticas do teatro, a danza, a maxia e o novo circo.
Participaron nela Juan Rodríguez, presidente da asociación de compañías Escena Galega; Mónica García e Alberto Blanco, por parte da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, así como Pedro Fresneda, de Teatro Ensalle, e Alberto Sueiro, do Festival Outono de Teatro de Carballo, estes dous últimos para achegar unha visión sobre os espazos privados de exhibición escénica e dos certames, mostras ou festivais que tamén se están a ver prexudicados polos peches de recintos e polas suspensións de eventos. Ademais do conselleiro de Cultura e Turismo, pola Xunta interviñeron o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo;o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez.
Liquidez e mantemento de funcións
Entre as cuestións tratadas, Román Rodríguez marcou como prioridade dotar de liquidez as compañías, para o que se axilizarán todo o posible os pagamentos das subvencións á creación escénica 2019-2020 e se están a preparar novas medidas de apoio que serán concretadas ao remate do estado de alerta. Segundo a Consellería, “estas accións terán en conta os documentos de traballo xa trasladados á Xunta por parte de distintos colectivos do sector, como os dous informes realizados por Escena Galega, entre outros. Neste sentido, prestarase atención tanto ás demandas de políticas que fortalezan o tecido produtivo como ás que incentiven o consumo cultural”.
Ademais, nos casos de actuacións suspendidas con contratación compartida entre a Xunta e as entidades locais, como as da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o obxectivo é flexibilizar a normativa vixente para facilitar ao máximo a reprogramación de funcións, prioritariamente xa no segundo semestre deste ano, coa finalidade de recuperar canto antes todas as citas previstas e executar por completo o orzamento anual adxudicado a este circuíto profesional de espectáculos.
Este mesmo compromiso aplícase ás coproducións de espectáculos e residencias artísticas do Centro Dramático Galego e Centro Coreográfico Galego, que manterán os contidos das súas carteleiras mediante novas asignacións de datas para todos os proxectos en curso.