in

A Xunta pídelle ao Goberno central ampliar as desgravacións fiscais do Xacobeo en beneficio do sector cultural e turístico

RomanRodriguez04 |
O conselleiro de Cultura formula, na videoconferencia mantida co Ministerio, o resto das Comunidades Autónomas e a Federación Española de Municipios e Provincias, unha serie de medidas de ámbito fiscal e financeiro, laborais e de fomento do consumo. O ministro pide “vontade para crear un pacto de Estado. Euskadi e Cataluña defenden a diversidade cultural e lingüística e a exclusividade das competencias en materia de cultura, e poñen en marcha plans de urxencia. | Manuel Xestoso |

 

No marco da reunión que mantiveron onte o Ministro de Cultura, os representantes das Comunidades Autónomas e a Federación Española de Municipios e Provincias (Femp), o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, solicitoulle hoxe ao Goberno central que amplíe ata o ano 2022 as desgravacións fiscais previstas para o Xacobeo 2021 como acontecemento de excepcional interese público, unha medida que polo de agora abarca só ata o 30 de setembro de 2021.

Rodríguez declarou que a ampliación permitiría “seguir estimulando as achegas privadas e captar máis recursos”, o que repercutiría no desenvolvemento de proxectos culturais e turísticos. “O Xacobeo, como elemento de reactivación económica, é unha oportunidade única para a cultura”, salientou. O titular de Cultura lembrou tamén a petición xa formulada de convocar un Consejo Jacobeo extraordinario “para avaliar a situación do Camiño de Santiago” que, ante a proximidade do primeiro Ano Santo nunha década, “debe actuar como un motor de reactivación económica para as industrias creativas e a dinamización das zonas rurais”.

 

Propostas da Consellería

Román Rodríguez adiantou que Galicia está a traballar nun plan de reactivación, para o que se prevén 25 millóns de euros no conxunto do seu departamento, co obxectivo de reducir o notable impacto que a crise sanitaria do coronavirus está a deixar na industria cultural. “A nosa prioridade é manter o emprego ante o parón experimentado”, reflexionou.

Entre as propostas que presentou o conselleiro, atópanse unha liña de financiación para as industrias culturais e creativas e un fondo que mellore a competitividade, innovación e transición dixital das empresas. Tamén solicitou reducións progresivas do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) en edificacións privadas dedicadas ao uso cultural e no Imposto de Sociedades, así como una nova lei de mecenado, que favoreza a participación de particulares e empresas privadas no finaciamento de accións culturais vencellado a un programa de beneficios fiscais.

Rodríguez pediu atender a situación particular de traballadores sen contrato estable, que precisan dun marco regulatorio, e o incentivo do consumo a través de iniciativas como un bono cultural –en cuxo deseño xa traballa Galicia– e campañas de fomento.

 

Diversidade cultural e lingüística e competencias exclusivas

As comunidades autónomas esixiron, sobre todo, medidas urxentes e fondos para implementalas. Sen rexeitar as propostas do Ministerio –que avoga por un gran pacto pola cultura que protexa o sector, que o relance despois da pandemia e que recoñeza a cultura como un ben de primeira necesidade para “preservala de cara a futuras crises– os diferentes representantes autonómicos pediron concreción no curto prazo.

No que parece que están de acordo todas as comunidades é en declarar a cultura “ben de primeira necesidade” e na necesidade de fondos para poñer en marcha un plan de choque que axude ao sector a superar a crise provocada pola pandemia, aínda que os pasos a seguir distinguen diferentes prioridades.

O conselleiro vasco de Cultura e Política Lingüística, Bingen Zupiria (PNV), prefire que o pacto pola cultura forme parte do Pacto de Reconstrución Social e Económica. “Cremos que a cultura debería ter un espazo e un apartado propio alí, xa que lle outorgará maior importancia”, sinalou. Igualmente, subliñou que calquera acordo de Estado ten que ter en conta a diversidade cultural e ligüística.

A representante da Generalitat de Cataluña, Mariàngela Vilallonga (Junts per Catalunya), esixiu un fondo de continxencia o plan de choque económico urxente transferido ás autonomías para a súa xestión, con fondos procedentes de Europa para “favorecer a creadores, autores e artistas, autónomos, entidades e o sector empresarial da cultura, respetando siempre las competencias que tiene Cataluña en esta materia”.. Vilallonga defendeu as competencias exclusivas en materia de cultura e lembrou que o Govern xa elaborou o seu propio plan de rescate.

 


Publicidade

Vontede para crear un pacto de Estado

O ministro de Cultura, José Manuel Rodríguez Uribes, pola súa parte, pediu “vontade para crear un pacto de estado, e comprometeuse a manter un diálogo “aberto”, como o que mantén con representantes do sector da cultura, e a ter reunións periódicas cos conselleiros de Cultura e coa FEMP, para consolidar un “espírito de lealdade e colaboración”.

O ministro salientou que, no marco do pacto, se deberá actuar en todas as fases da crise: “a presente, a desescalada ou reconstrución e a consolidación futura”, e transmitiu que o seu Departamento está “aberto a favorecer todas as iniciativas, públicas e privadas, que veñan tanto das grandes empresas, do sector ou de sectores próximos para que axuden neste momento de difícil resistencia”. Rodríguez Uribes puxo como exemplo a iniciativa da achega de un millón de euros por parte de Netflix para destinar aos profesionais más vulnerables do mundo do cine.

Tras a vaga de indignación causada pola súa primeira comparecencia dende o inicio da crise ante os medios, na que anunciou que non habería ningunha medida específica para o sector, o departamento de Cultura non só se viu obrigado a rectificar, senón que acelera o deseño de iniciativas. Así, Rodriguez Uribes anunciou un pacto pola cultura que protexa o sector, manifestou a súa intención de declarar a cultura ben de primeira necesidade e activou reunións como a que mantivo onte e como a que manterá hoxe cos representantes das asociacións profesionais.

 

Euskadi e Cataluña poñen en marcha plans de choque 

Máis alá das negociacións cos representantes do Estado, Euskadi e Cataluña xa anunciaron a posta en marcha de plans de urxencia para loitar contra as consecuencias da pandemia no sector cultural.

En Euskadi, os conselleiros vascos de Emprego e Políticas Sociais, Beatriz Artolazabal, e de Cultura e Política Lingüística, Bingen Zupiria, presentaron o mércores unha nova liña de axudas ao sector cultural, dotada de 2,5 millóns de euros, aínda que non se descarta ampliala segundo o número de solicitudes recibidas.

Os creadores vascos afectados pola suspensión da actividade cultural recibirán axudas de até o 70 % dos seus ingresos medios, cun máximo de 1.200 euros ao mes, que quedarán no salario mínimo interprofesional (950) no caso de creadores novos que empezasen a traballar este mesmo ano.

En Cataluña, a portavoz do Govern, Meritxell Budó, anunciou o martes un plan de rescate para minorar os efectos da crise no sector da cultura, que contará con 31 millóns de euros. Budó explicou que o plan comprende varias liñas de axuda como o crédito do Institut Català de Finances (ICF) dotado con 10 millóns de euros, que xa anunciar o president Torra o 20 de marzo, e outra de 8 millóns para facer fronte ao “impacto inmediato” da crise sanitaria polo feche da actividade cultural, que axudará a financiar os gastos xerados durante o período de crise desde o día de feche e inclúe gastos de estrutura, servizos, alugueiros ou pagamento de cotas.

O Govern tamén prevé 3 millóns de euros para entidades culturais sen ánimo de lucro, para compensar os gastos asumidos polas restricións do estado de alarma, e 2 millóns máis destinados á reducción de ingresos polas cancelacións de actividades culturais e a suspensión de contratos.

 

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Gregory Vuyani

Mensaxe do Día Internacional da Danza 2020

Carlos Rebolo

No confín de… Carlos Rebolo