Aseguran que levarán as primeiras medidas de urxencia ao Consello de Ministros do 28 de abril. | M. X. |
Durante máis de cinco horas, o ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, e a ministra de Facenda, María Jesús Montero, mantiveron onte unha reunión telemática de traballo cos sectores que integran a Cultura para identificar medidas de apoio viables en medio da pandemia do coronavirus. Montero impúxose un prazo de dez días para estudar as propostas do sector e poder levar ao Consello de Ministros un primeiro paquete de medidas de apoio urxentes para o sector da Cultura.
Ambos ministros indicaron que traballarán nunha “estratexia de actuación a dúas velocidades”: unha, con propostas de aplicación urxente e inmediata que ofreza unha rede de protección ao sector, e outra, a medio prazo, con reformas que permitan a reactivación do mesmo unha vez superado o Estado de Alarma e a crise sanitaria. A ministra de Facenda advertiu de que todo o relacionado coas accións a longo prazo será estudado máis adiante porque existen moitas necesidades e non hai diñeiro más que para o urxente.
Tras a vaga de indignación causada por unha primeira comparecencia ante os medios na que Uribe anunciou que non habería ningunha medida específica para o sector, a reunión mantida onte parece, en principio, ter calmado os ánimos, tras o anuncio de que o Consello de Ministros do 28 de abril se aprobará un primeiro paquete de medidas. Porén, non se definiron prazos nin orzamentos.
Jesús Cimarro, presidente da Federación Estatal de Asociaciones de Empresas Productoras de Teatro y Danza de España (FAETEDA), declarou tras a reunión que “por primeira vez na historia un ministro de Facenda reúnese col sector das artes escénicas e da música, e iso é realmente relevante”. FAETEDA entregoulle á titular de Facenda o documento coas 52 medidas extraordinarias que xa se lle entregara a Uribes e Montero comprometeuse a traballar sobre esa guía a través do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música.
Iñaki Guevara, secretario xeral da Unión de Actores e Actrices, mostrouse “esperanzado pero con dúbidas”. «Temos o compromiso de que van traballar sobre o documento e que haberá medidas urxentes, pero a verdade é que non se concretou nada”, declarou.