AFEARTE, a asociación que agrupa os festivais de artes escénicas de Galicia, reivindican unha serie de medidas e protocolos de actuación ás administracións públicas ante a crise sanitaria provocada pola Covid-19.
Os festivais de artes escénicas de Galicia acordaron facerlle chegar ás administracións unha serie de medidas e protocolos que consideran de especial relevancia para superar a crise sanitaria da COVID-19.
Solicitan coordinación e consenso entre as Administracións públicas e estar á altura das necesidades neste momento. Igualmente, pidenlles a todas as administracións, dende o ámbito local ao autonómico, “que no exercicio das súas competencias, cando sexa posible retomar as actividades culturais, faciliten tanto ao público como á organización dos festivais os recursos, a seguridade, a flexibilidade burocrática e o estímulo para poder tender a certa normalización”. Tamén piden “transparencia e ecuanimidade” aos departamentos de Cultura da Xunta de Galicia, e prega un mellor trato inclusivo e de representatividade nas reunións que se poidan levar a cabo para xestionar esta crise e dilixencia nos trámites.
AFEARTE considera que os festivais serán “un ben moi construtivo e desexado para a sociedade e a economía despois desta crise, como motor de reactivación”.
Ante a situación de incerteza, AFEARTE recomenda unha serie de medidas “que poden guiar o rumbo das políticas culturais con respecto aos festivais escénicos:
- Manter os orzamentos destinados aos festivais e no caso de non poder levarse a cabo en 2020, incrementar en 2021 o orzamento para estas actividades estratéxicas e de estímulo diverso.
- Adaptar tecnicamente e flexibilizar a convocatoria de axudas a festivais escénicos ás circunstancias sobrevidas por esta crise sanitaria e ser dilixentes na tramitación.
- Ampliar o prazo de execución das axudas máis alá do exercicio económico de 2020 para ter en conta posibles aprazamentos ou modificacións do plan de actividades.
- Axudar ou prover do marco sanitario, persoal e material, para poder desenvolver os protocolos de limpeza e sanidade necesarios para o seguro desenvolvemento da actividade mentres sexa necesario.
Os festivais que forman parte de AFEARTE son: MITEU Ourense; FIT Redondela, Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Corpo (a) terra, MIT Ribadavia, Festaclown, Mostra de Teatro Galego de Cariño, Fetega Carballiño, Galicreques, FITO Ourense, FIOT Carballo, MOTI Ourense, Festival Núbebes, Manicómicos.