in

A oposición rexeita no Parlamento o Plan de Reactivación da Cultura impulsado pola Xunta

Parlamento20200513 |
Os grupos da oposición criticaron que cultura e turismo se traten conxuntamente, a falta de consenso co sector e co resto das forzas políticas e que o Plan sexa só unha reestruturación do gasto xa orzamentado no que non se formulan medidas novas. A inconcreción e o papel excesivo do Xacobeo na recuperación foron tamén censuradas nas diferentes intervencións parlamentares, que se fixeron eco da insatisfacción e a preocupación do sector ante o Plan anunciado pola Xunta. | Manuel Xestoso |

 

O Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, compareceu onte no Parlamento, a petición propia, para presentar o seu Plan de Reactivación da Cultura e o Turismoante a cámara. Rodríguez, sinalou que a celebración do Xacobeo do próximo ano debe “repensarse e reorientarse” para servir como motor da “reactivación económica e emocional” de Galicia apoiándose nos sectores do turismo e a cultura.

O títular de Cultura comezou lembrando que o sector “foi o primeiro que pechou e vai ser un sector con moitas dificultades para arrincar”. “O principal obxectivo é axudar as familias que viven da cultura e do turismo”, sinalou Rodríguez na súa intervención, para logo debullar a cincuentena de medidas de que consta o Plan da Xunta, un plan baseado en actuar na oferta e a demanda e na reestruturación dos fondos do seu departamento. Rodríguez declarou que o plan “activará a cultura galega” e que as prioridades son o mantemento do emprego cultural, o fomento do consumo e a mellora da competitividade.

O Xacobeo 2021 mantense coma un eixo transversal que vertebra cultura e turismo e, segundo o conselleiro, foi “readaptado” para actuar como impulso económico. O Conselleiro defendeu que as medidas da Xunta impulsarán a cultura reactivando o turismo e que se poñerá o foco na cultura galega.

Precisamente o feito de que a Xunta trate Cultura e Turismo como un feito indiferenciado foi un dos brancos da crítica da oposición. Gonzalo Caballero, polo PSdeG, declarou que é “unha desfeita” que vaian xuntos os apartados de cultura e turismo e que exista unha soa consellería para dúas áreas que, prometeu, estarán separadas se se produce un cambio na Xunta. “O modelo do PP de confundir áreas amosa a incapacidade para ter iniciativas para o país”, indicou.

Caballero cre que o plan carece de contido e “que nace fracasado” “pola súa falta de orientación, pola súa insuficiencia, polo listado de medidas xenéricas que non se concretan e polo listado de medidas no que o que se cambian son as datas pero non o sentido. Criticou que a Consellería se dedicase a “entreter aos actores involucrados en distintas xuntanzas sen darlles satisfacción” e salientou que non achega medidas novas, senón unha adaptación de partidas que xa existían. Así mesmo, Caballero declarou que os socialistas defenden un gran acordo de país que podería artellar medidas para os ámbitos da cultura e o turismo.

A deputada de Común da Esquerda, Ánxeles Cuña, comezou a súa intervención recoñecendo que aínda que a situación “é tráxica”, tamén supón unha “oportunidade” para “cambiar a paradigma”. Tamén destacou que o plan presentado é unha reestruturación, e lamentou que o plan o fíe todo ao Xacobeo, un evento que estará moi condicionado pola pandemia da Covid-19. Pediu un «plan real de continxencia», solicitando que se escoite ao sector –“esperabamos máis empatía”, afirmou– que maioritariamente se manifestou en contra do Plan da Xunta, e que se trate a cultura como un eixe vertebrador da sociedade democrático.

Cuña lembrou que no sector cultural poderían perderse un de cada tres empregos, once mil postos de traballo en total e criticou a falta de transparencia do Plan: “vinte e sete medidas do plan executaranse mediante convenios” afirmou, “o cal se presta a unha grande opacidade. Ademais, dixo, “non se especifican os destinatarios nin os criterios de adxudicación das axudas”. Igualmente, lembrou que non hai un euro máis do xa orzamentado para o sector.

Ana Pontón, polo BNG, cualificou de “enganoso” o plan presentado polo conselleiro Román Rodríguez e carente de medidas de alcance. “O plan presentado hoxe”, dixo, está trufado de “enganos e propaganda,” presenta un orzamento que “non é novo” e medidas excepcionais que na practica son a activación de medidas xa previstas. Pontón, ademais, recriminoulle ao Conselleiro que o Plan chegase ao Parlamento case quince días despois de ser presentado, e destacou que non foi consensuado nin cos grupos parlamentares nin co sector. O sector xa  amosou a súa  “decepción, indignación e preocupación” ante un plan insuficiente para paliar a crise, apuntou.


Publicidade

A portavoz nacional do BNG lembrou que as propias cifras achegadas pola consellería confirman que, no sector da cultura, nos meses de marzo e abril, se perderon 2.500 empregos, que poden chegar até os 11.000 das 30.000 persoas ocupadas, e unha caída de 132 millóns de euros. Reclamou “diálogo” co sector e liñas de axudas para gastos estruturais, compensar as cancelacións e apoio económico para os creadores e creadoras, “os máis desprotexidos pola precariedade”.

Davide Rodríguez, representando ao Grupo Mixto, tamén salientou o rexeitamento que o Plan provocou en artistas e asociacións profesionais do sector da Cultura ao tempo que lle demandaba á Xunta que cambie a súa forma de operar no mundo cultural, deixando de lado a asociacións e colectivos.

 

O sector, defraudado

Diferentes entidades e asociacións do sector cultural xa criticaron o plan de reactivación cultural presentado polo conselleiro de Cultura. A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), a Asociación Profesional de Artistas de Galicia (A Colectiva), a Asociación de Produtores Técnicos de Espectáculos de Galicia, a Asociación Sindical Galega de Guionistas, a Asociación Galega de profesionais da Dirección e Realización ou a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema xa fixeron público o seu malestar e decepción polo Plan de Reactivación da Xunta.

Varios profesionais das artes escénicas consultados pola erregueté | Revista Galega de Teatro confirmaron sentirse defraudados por un plan que, na súa opinión, non lle dá resposta á crise á que se enfronta o sector por mor da pandemia da Covid-19.

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

FugasInterferencias008 |

O V Congreso Fugas e Interferencias abre o prazo para o envío de traballos

stage |

A AAAG amosa a súa decepción ante do Plan de Reactivación para a cultura da Xunta