O Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana continúa coa serie de conferencias que iniciou neste mes de maio sobre o tema “Teatro pospandémico” e que se inclúen dentro do espazo Ensaio de Mesa. O actor e director artístico da Companhia de Teatro do Algarve, Luis Vicente, será o convidado que este xoves 14 de maio ás 19.30 horas (portuguesas) compartirá as súas reflexións sobre o teatro.
A compañía vianense estreou este espazo dentro da nova programación do Teatro do Noroeste em Sua Casa coa presenza de Isabel Craveiro, directora artística da compañía O Teatrão, de Coimbra. Para este segundo episodio, Ensaio de Mesa achega as reflexións do director luso Luis Vicente ao redor do teatro despois da crise provocada pola Covid-19.
A conversa será realizada na plataforma Zoom, con transmisión para o Facebook da compañía de Viana do Castelo este xoves 14 de maio ás 19:30 (20:30 horas galegas) e con duración de 30 minutos.
O director artístico do Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana, Ricardo Simões, é o moderador da conferencia, que inclúe tamén un espazo para resposta e comentario por parte do convidado ás cuestións dos espectadores.