in

No confín de… Carlos Labraña

Carlos Labraña
O dramaturgo galego Carlos Labraña.
Carlos Labraña é un dos autores de teatro infantil e xuvenil máis prolíficos da literatura dramática galega. A pequena compaña, Estrelecer (publicada por Galaxia), A fada pirata, Moito Morro Corporation Sociedade Limitada ou O Valo (IX Premio Manuel María de literatura Dramática Infantil) son algunhas das súas pezas máis destacadas. Parte activa da Asociación de teatro infantil e xuvenil de España (ASSITEJ) e da Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil (GALIX), o dramaturgo cedeirense dirixe e interpreta na compañía Os Furabolos as súas pezas. | Foto: Fausta Cardoso |

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

Este foi para min un tempo de mudanzas que me colleu coa casa a medio armar, pero na miña mesa de noite nunca falta un libro. Fixen lecturas que tiña pendentes, como o libro conxunto de DramaturXa, que recolle unha gran selección da dramaturxia galega actual. Tamén tirei de pezas de Juan Mayorga, de Alberto Conejero ou Sanchis Sinisterra. E no 77 aniversario da súa publicación, aproveite para reler unha vez máis un dos meus libros máis queridos, O principiño de Antoine de Saint-Exupéry.

 

A túa banda sonora destes días.

Os primeiros días de confinamento houbo moito ruído da televisión, da radio, da rede, dos políticos, da xente… Pero co paso dos días os decibelios foron baixando ata que o silencio encheu o espazo. Así puidemos escoitar os sons pequenos, case murmurios,  procedentes de todos os recunchos, incluso do noso interior, que co mundo en marcha non podemos apreciar habitualmente. Foi unha sensación moi desacougante. Pero penso que é unha experiencia que sería necesario revivir de cando en vez.

 

O último filme que te impresionou.

Arrival (A chegada) de Denis Villeneuve, baseada nun relato de Ted Chiang. Cada vez que a vexo, e neste confinamento fíxeno dúas veces, gústame máis. A beleza das imaxes, o ritmo no que está rodada, a magnífica banda sonora e, sobre todo, a historia que conta me engaiolan. Eu como seguidor da ciencia ficción –que esta película é moito máis que iso– o que lle pido ás obras deste xénero é que me fagan reflexionar, e esta consígueo. Ademais, conta cunha das declaracións de amor máis fermosas da historia do cine, que me encantaría ter asinado eu: “Levo toda a miña vida mirando as estrelas, e sabes que foi o que máis me sorprendeu? Non foi atopalos a eles (aos extraterrestres), foi atoparte a ti…”

 

A obra de arte na que te perderías agora.


Publicidade

Neste confinamento síntome coma un dos personaxes dos cadros de Edward Hopper, vivindo unha soidade forzada e chegando ao luscofusco coa mirada perdida nesas xanelas que amosan paisaxes inalcanzables. Paisaxes que poderían ser coma esas arquitecturas enigmáticas e baleiras dos cadros de Giorgio de Chirico.

 

A peza que che gustaría asinar.

Hai unha peza que me impresionou desde que era novo, Calígula de Albert Camus. E penso que nestes momentos volve ser tremendamente actual. A vida é incerteza, e con está pandemia xa non podemos agochar este feito tras as pantallas do móbil, do ordenador, do consumismo, desta sociedade que nos desfai por dentro. Esta inseguridade está facendo que as persoas se obriguen a pensar que quizais a vida tal como a estabamos levando non ten sentido. Non sei se despois desta experiencia  comezaremos a dar pasos para cambiar as cousas ou volveremos ao mesmo.

 

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

Gustaríame compartir voo con Antoine de Saint-Exupéry cando abría as liñas de correo a través nun ceo aínda virxe e con aqueles avións que hoxe dubidariamos que puidesen voar. E aterrar no Sáhara para tomar unha caña mentres agardamos a chegada dun neno que nos fale do amor, da amizade, da vida…

 

Se non foses dramaturgo, serías…

Non me imaxino a vida afastado do teatro. E se hai algo que me gusta máis que escribir, é interpretar. Agora fágoo de maneira amadora, pero encantaríame ter a capacidade de meterme nun personaxe e desenvolver todo o seu potencial. Ser por uns intres outra persoa.

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Noelia Castro

No confín de… Noelia Castro

Ailén Kendelman

No confín de… Ailén Kendelman