in

‘Somos Criminais’, con Carlos Blanco e Touriñán, volve nunha función única para ver na casa

somos criminais | Touriñan e Carlos Blanco
É a primeira vez en Galicia que un espectáculo teatral chega ás pantallas a través dunha emisión na rede na que os espectadores pagan unha entrada polo seu acceso. A cita será o 6 de xuño, ás 22:30, e as entradas están xa á venda a través de Ataquilla.com, que colabora na iniciativa.

 

O tempo da corentena e o confinamento non foi tempo desaproveitado para Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán. Os actores e cómicos máis populares do noso país veñen de anunciar unha experiencia inédita en Galicia: a primeira función teatral emitida a través da rede, con aforo limitado e accesos que os espectadores deben mercar previamente, cun prezo de 5 euros.

Trátase de Somos Criminais, o espectáculo que máis entradas vendeu ata o momento na historia do teatro galego, nas dúas xiras que nos anos 2018 e 2019 levaron o espectáculo por todas as cidades do país, enchendo en todas e cada unha das funcións.

As dificultades de Carlos Blanco e Touriñán para manter os seus espectáculos coas limitacións de aforo previstas nas medidas para facer fronte á COVID-19 levaron ás súas produtoras a reinventarse, con novas fórmulas coas que seguir achegando o seu traballo ao público durante estes meses.

Somos Criminais emitirase o 6 de xuño ás 22:30 a través de somoscriminais.gal, como se dunha función ao uso se tratara: á hora prevista dará comezo o espectáculo, e os espectadores deberán acceder a tempo se non queren collela empezada. Para facelo, disporán dun usuario e un contrasinal que recibirán por correo electrónico logo de facer a compra do seu pase en Ataquilla.com, a plataforma de venda de entradas líder en Galicia, que colabora nesta iniciativa.

O aforo será limitado: a función está prevista para 5000 pases. Cada usuario só poderá acceder nun dispositivo á emisión, que poderá ser un teléfono móbil, tablet, ordenador ou SmartTV, sempre con conexión a internet. Non está previsto que o espectáculo poida ser visto de novo unha vez rematada a emisión do 6 de xuño.


Publicidade

O espectáculo co que desfrutarán os espectadores será inédito. Estará gravado desde poucos días antes, sen público, e aínda que conservará o texto orixinal de José L. Prieto, incluirá algunhas referencias á actualidade.

Ainé Producións pon a disposición dos espectadores o correo electrónico [email protected] e o teléfono 881 946 972 para a resolución de todas as dúbidas dos espectadores sobre a emisión.

 

A emigración galega aplaude a iniciativa

Desde o anuncio da función online deste sábado sucedéronse decenas de comentarios nas redes sociais desde diferentes puntos do mundo. Logo de seguir desde a distancia o éxito dos espectáculos teatrais de Carlos Blanco e Touriñán a través de noticias e comentarios, por primeira vez centos de galegos na emigración poderán asistir, desde o outro lado da pantalla, a unha función completa. O próximo luns, na avaliación da iniciativa, desde as produtoras estudarase con detalle desde que paises se realizan as conexións, para traballar  con estes datos noutros proxectos para achegar a cultura a galegas e galegos con residencia en diferentes lugares do mundo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Javier Martín

No confín de… Javier Martín

Entrega Refeição ao Domicilio |

Viana do Castelo ofrece un servizo de comida a domicilio con arte