No confín de… Javier Martín

Coreógrafo e investigador. Javier Martín é un dos máis destacados profesionais das artes do movemento. SOMA xunto co escultor Joaquín Jara e coproducida polo CDG, Método Negro, Metopio, El estado crudo ou La exforma son algunhas das pezas coas que o coruñés xirou por Galicia, gran parte do estado, Portugal, Uruguai, Rusia ou México, entre outros lugares. | Foto: Carlos Bernar |

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

El sexo y el espanto de Pascal Quignard. Referencia e recurso fundamental no meu actual proceso de obra teorema: “Falar vela de inmediato a fascinación. O conto moderno. O traxe novo do emperador resume esa regra. O neno, o infans, o que aínda non accedeu á linguaxe, aínda non accedeu ao velo do disimulo: aínda ve a nudez primixenia. Os adultos, é dicir os cortesáns da linguaxe, sen que por iso demostren a menor hipocresía, ven sempre un fascinus xa velado a través da lenguaje que os fai homes. Dado que enseguida hai dous corpos en aquel que empeza a falar e que se converte en linguaxe: un corpo sublime posado «ortograficamente» sobre un corpo obsceno”.

Ou, pensando na crise psicosanitaria que estamos a vivir: “Haberá que esforzarse, haberá que calar, porque se ata aquí ninguén nos necesitou, agora as cousas cambiaron. Xa non formular preguntas, aprender o silencio, aprender a aprender. Pois a liberdade é unha forma de disciplina”. Tiqqun, Tesis sobre la comunidad terrible.

Tamén https://lavoragine.net/pandemia-ivan-illich. Non hai política que non sexa unha política dos corpos.

A túa banda sonora destes días.

Who knows where the time goes, de Nina Simone, en bucle para temperar a respiración e non sentir o tempo desde fóra. O tempo non se explica ou relata, senón que é intrínseco á acción. Tamén The Caretaker para as rutinas coa barra de ballet e as aporías co espello destes días no meu estudo.

O último filme que te impresionou.

Paralelo 10, película do estupendo cineasta Andrés Duque. Para min, un dos seus mellores traballos. Medir é un acto poético.

E volvín ao Calígula de Tinto Brass porque está empapada da atmosfera de teorema. Tamén por Malcolm McDowell, que sempre me recorda a necesidade de estar en comunicación coa escuridade propia para espelirse.

A obra de arte na que te perderías agora.

Estou a estudar o traballo do filósofo belga Marc Richir: palpebral fenomenolóxico, figuras da ausencia, espazo-tempo arcaico, o movemento sen corpo móbil nin traxectoria (chôra)… É moi bo, síntoo coma un compañeiro de batalla e discuto con el a distancia nos meus adentros. Pensar o movemento é dos asuntos máis difíciles que hai. O movemento é acontecemento, e a súa capacidade perceptiva, a cinestesia, participación.

A peza que che gustaría esmiuzar.

Imprenta acústica de Mónica Valenciano. É unha peza tremendamente complexa da que gustaría facer unha análise crítica con máis calma. O intersticio, eses territorios de baleiro, a tensión nas interaccións entre fluxos: así penétrase a forma e o silencio. Como palpitación, apertura, peche, despregue, contracción e tracción. E alteración, repetición, reposición e cambio ou translación. Movemento que imprime forza contra o baleiro provocando o seu colapso. Da quietude desborda movemento, base de todas as formas; e cada ritmo despregado implica unha singular condensación na forma. Aínda que pareza abstracto non é tal, pois estou a falar dos labirintos do corpo no espazo.

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

O 21 de xaneiro de 1793, o rei de Francia Luís XVI foi executado na guillotina por conspirar contra a liberdade da nación e tras un intento de fuga. Segundo as crónicas que se conservan da época, foron moitos os cidadáns que subiron ao cadafalso a mollar os seus panos no sangue do monarca para ter un recordo do histórico acontecemento. E bailaron. Tomaría un viño con Joseph-Ignace Guillotin, cirurxián e deputado da Asemblea Francesa que deu o seu nome a esta famosa ferramenta, promovéndoa algúns anos antes. Saúde e República.

Se non foses coreógrafo, serías…

Cociñeiro, actor porno –feminista–, filósofo da Ciencia –que fai moita falta desarticular a hexemonía das súas metáforas–, apicultor no Courel, político no eido cultural –sería bo, penso–, químico –pero nunha universidade– ou médico no rural. Non sei, unha morea de cousas coma todas.

 

Ernesto Is
Latest posts by Ernesto Is (see all)

Máis sobre Ernesto Is

É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no VI Programa Dramaturgias Actuales, no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG e na bolsa de creación de Nuevas Dramaturgias de Euskadi. Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que ten estreados os espectáculos 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro e colaborador da Revista Grial.

Deixar unha resposta