A Oficina de Guimarães presenta unha programación diversa inclusiva para os últimos meses do ano. Teatro, danza, música, formación, exposicións, conferencias e instalacións artísticas combínanse a partir deste mes de setembro no que o Centro Cultural Vila Flor conmemora quince anos de actividade desde a súa inauguración o 17 de setembro de 2005.
Debido a que o espectáculo Catarina ou a beleza de matar fascistas esgotou as localidades o sábado 19 de setembro, a obra de Tiago Rodrigues coa que o teatro regresa ao CCVF ofrece unha nova función o domingo 20 de setembro ás 17.00 horas.
O día 12 de setembro indica especialmente o aniversario do CCVF coa exposición Observatório Natural que transformará os seus xardíns nun observatorio da biodiversidade urbana de Guimarães nun proxecto de A Oficina en colaboración coa Cámara de Guimarães, a Fundação Serralves e o Laboratório da Paisagem. Ese mesmo día, a partir das 21.30 horas, o palco do Grande Auditório será testemuña do reencontro con Teresa Salgueiro, a voz que o inaugurou, nun concerto especial coa Orquestra de Guimarães.
Na fin de semana seguinte, o 19 de setembro, Tiago Rodrigues desembarca no CCVF coa estrea absoluta do seu último traballo: Catarina ou a beleza de matar fascistas. A peza, que aborda a violencia como arma política e se cuestiona se existe lugar para a violencia na loita dun mundo mellor, é unha coprodución na que participa A Oficina e coa que o teatro regresa a este espazo da cidade vimaraniense.
Por outra banda, outubro recibe a VII edición do Westway Lab, que terá lugar os días 14, 15, 16 e 17. Situado excepcionalmente no outono, o Westway Lab 2020 presenta unha nova configuración que conxuga a experiencia presencial co acceso dixital a diferentes contidos. Así, ante imposibilidade de reunir en Guimarães a artistas locais e estranxeiros para procesos de creación sen barreiras, esta plataforma celebra o legado das últimas seis edicións das residencias artísticas con algúns das súas intervencións e colaboracións.
Despois do concerto de Camané & Mário Langinha previsto para o 24 de outubro, a danza volve tomar o Grande Auditório co Romeo e Julieta creada pola Útero a partir de Prokofiev – Romeo and Juliet – The Three Suites. Con ela, Miguel Moreira convida ao público a “entrar en contextos distantes, perspectivando a historia da danza en confrontación co mundo contemporáneo, a sociedade e todas as súas iconas e valores”.
Xunto co concerto de Alfonso Cabral o día 7, o mes de novembro está reservado para a música no CCVF coa celebración da 29ª edición do Guimarães Jazz do 12 ao 21. Así, unha vez iniciado o mes de decembro as novas dramaturxias toman Guimarães co Laboratorio de Investigação, Formação e Criação Artísticas (LIFCA), baixo o tema Processos de criação literária para palco: dramaturgia, teatralidade e materialidade que terá lugar os días 15 e 16 de decembro. Con dirección artística e científica de Mickaël de Oliveira, o laboratorio desenvólvese en 2020 e 2021 no marco do END+, extensión de formación do Festival Encontros de Novas Dramaturgias que este ano celebra dez anos de actividade.
Finalmente, o 18 de decembro ás 21.30 horas, o Grande Auditório do CCVF acollerá o espectáculo Aurora Negra de Cleo Tavares, Isabél Zuaa e Nádia Yracema. Trátase do proxecto vencedor da Bolsa Amélia Rey Colaço 2019 e que reclama “uma maior representatividade na esfera artística que corresponda à diversidade dos corpos e das falas que habitam Portugal”.
Na imaxe: Catarina ou a beleza de matar fascistas, de Tiago Rodrigues | Foto: Pedro Macedo