Onte comezou en Compostela a primeira edición do festival de artes performativas Plataforma, un proxecto que baixo o fío da performatividade quere tender pontes entre as artes visuais e as artes vivas, a música, a arquitectura e o deseño.
Dirixido por Performa S. Coop. Galega, Plataforma nace coa intención de traballar en rede e complicidade co maior número de axentes, institucións e espazos posibles dunha cidade referente cultural como Santiago de Compostela. Este é un festival de cidade, transversal, comprometido co urbanismo e a riqueza patrimonial material e inmaterial de Compostela, coa súa diversidade, coa igualdade, coa tradición e coa innovación cultural, preocupado pola sustentabilidade e por proxectar o talento local.
Para os directores do festival -David Barro, Mónica Maneiro e Iñaki Martínez Antelo- Plataforma é “un festival ideal para este momento de reactivación cultural pola súa transversalidade e a descentralización das súas localizacións, pola súa escala, pola súa programación pensada para espazos singulares e pola posibilidade de seguir con facilidade os debidos protocolos de sustentabilidade e de seguranza para a saúde nas súas accións e propostas”.
Mercedes Rosón amosou a súa satisfacción polo feito de que Santiago sexa a súa sede “estamos moi orgullos de que escollerades Santiago para a estrea de Plataforma, para esta primeira edición, unha cidade consolidada xa, desde hai moitos anos, como un referente cultural a nivel nacional. Porque este é un festival de cidade, que como ben se dixo na anterior presentación, caracterízase por ser transversal, comprometido co urbanismo e comprometido coa riqueza patrimonial material e inmaterial de Compostela”.
Unha das singularidades do festival é a programación de catro exposicións que expanden a súa temporalidade máis alá das datas do festival, contribuíndo á programación dos espazos que as acollen. Tamén que algunhas das súas actuacións soamente serían posibles nun contexto de festival, porque habitualmente non teñen espazo nas programacións museísticas ou nas programacións estables de ámbito cultural. Por outra banda, Plataforma fomenta a colaboración entre artistas de diferentes disciplinas, o que favorece o cruce de públicos diversos e singulares conexións creativas.
Plataforma é ademais un festival responsable, seguro, comprometido coa igualdade, coa diversidade cultural e coa sustentabilidade. Cunha importante representación feminina e cunha decidida aposta polo talento galego, Plataforma reúne performances, concertos, danza, poesía, deseño e arte contemporánea en exposicións, accións e conversas capaces de ligar a protagonistas galegos con valores de grande recoñecemento internacional como La Ribot, Premio Nacional de Danza e recentemente galardoada co León de Ouro da Bienal de Danza de Venecia, que pechará o festival cunha conversa, cunha performance e cunha exposición no CGAC.
No festival haberá estreas absolutas de pezas de artistas como a de hoxe de Paula Quintas -coa dirección de Rut Balbís-; performances creadas especificamente para o festival, como é o caso das de María Roja, Alejandra Pombo e Berio Molina e Juan López; accións poético-musicais inéditas de Olalla Cociña e Menina Arroutada; estreas en España como a peza de Pablo Fidalgo e a estrea de pezas en Galicia, en galego e coa colaboración de artistas galegos, de artistas doutros ámbitos estatais como Marta Fernández Calvo -que traballará con Su Garrido Pombo, Paulo Pascual ou Faia Díaz- ou Cabello/Carceller -que o farán con Menina Arroutada, García MC, Rendi Nue e Dj Mill-. No ámbito da música destaca a estrea e presentación do proxecto da Orquestra Galega de Liberación, conformada por dezaseis coñecidos músicos galegos que farán o seu primeiro concerto no Teatro Principal.
Por último, destacar as catro exposicións programadas no contexto do festival: a citada de La Ribot no CGAC; Christian García Bello na Fundación DIDAC; Manuel Eirís na Fundación Eugenio Granell e Mirar o son. Notación gráfica na música contemporánea no Auditorio de Galicia.