in

A segunda edición de Camiño Escena Norte comeza o domingo en Compostela con ‘Quitamiedos’

Kulunka | Quitamiedos
Este domingo 13 de setembro estréase en Compostela a primeira función da segunda edición de Camiño Escena Norte, unha ambiciosa iniciativa de intercambio promovida polas asociacións de produtoras escénicas de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, que nos traerá varios espectáculos destas comunidades a territorio galego, e levará obras galegas a estoutras rexións seguindo o ronsel do Camiño Norte.

 

A función que se poderá ver en Santiago é Quitamiedos, unha produción dos vascos Kulunka Teatro, que expón que desde que unha persoa morre ata que o seu corpo arrefría e se funde coa temperatura ambiente, está a producirse un encontro: o do falecido co seu anxo da garda. A función ten a duración dese encontro, onde o tempo se mide en graos centígrados. Unha curva dunha estrada comarcal, cunha varanda rota despois dun accidente de tráfico, é o contexto para descubrir unha visión singular da morte, poética e desacralizada, e os datos dunha biografía (a do accidentado) cuxas pezas non acaban de encaixar na versión oficial do accidente. Todo isto para confrontar en clave de traxicomedia a dous amantes -un ideal e outro humano- e reflexionar arredor do amor e as súas contradicións.

Esta é a cuarta creación de Kulunka Teatro, compañía que xirou por máis de 30 países recibindo ademais numerosos premios e candidaturas por cada un dos seus diferentes espectáculos e, entre eles, o Premio Ojo Crítico de Teatro que outorga RNE. Con Quitamiedos a compañía aspira a continuar na liña do compromiso co teatro contemporáneo.

A entrada é libre ata completar capacidade (máximo 60 persoas), con butacas preasignadas. Previa retirada de convite na billteira desde dúas horas antes do comezo do espectáculo (máximo dous por persoa).

O proxecto bota a andar o vindeiro 13 de setembro en Compostela para rematar tamén alí o 11 de outubro. Mentres, a caravana Escena Norte pasará tamén por Mondoñedo (19 setembro), Lugo (20 setembro), Ribadeo (25 setembro), Sobrado dos Monxes (27 setembro), Vilalba (4 outubro) e Arzúa (10 outubro).

Son oito funcións e seis espectáculos: Quitamiedos, de Iñaki Rikarte (Kulunka Teatro, Euskadi); Tal vez soñar, de Sandro Cordero (Hilo Producciones, Cantabria); La loka historia de Frankenstein, de Pep Vila, Anacelia Álvarez y Roca Suárez (ACAR Teatro del Mundo, Asturias); Amarillo caído del cielo, de Juan Carlos Fernández Izquierdo (Ruído interno, Cantabria); Celeste, de Chantal Franco e Patricia Toral (Luz, Micro y Punto, Asturias); e Basoa (Dantzaz, Euskadi). Todos de balde, ver condicións de acceso de cada espectáculo na web.

Mentres en Galicia poderemos ver estes espectáculos astures, cántabros e vascos, dúas compañías galegas amosarán as súas últimas producións nestes territorios: elas son La Macana, con Pink Unicorns, que poderá verse en Gijón, Villaviciosa, Torrelavega e Mutriku; e La Quintana Teatro, con Desde lo invisible, en Navia, Oviedo, Laredo e Castro Urdiales.

O programa para Galicia pódese descargar aquí.

 

Encontro profesional en Lugo do 15 ao 17

Outro dos eixos fundamentais desta edición será o encontro profesional Habitación Peregrina PRO, que terá lugar no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo do 15 ao 17 de setembro (inscricións ata o 7 de setembro). Esta actividade, dirixida a compañías de artes escénicas e axentes profesionais do sector de calquera das catro comunidades implicadas na iniciativa (Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi), comparte o obxectivo xeral de crear un novo corredor cultural artellado por medio deste novo territorio compartido, neste caso aplicado aos profesionais, pretendendo fomentar a interrelación e as sinerxias entre compañías deste sector.


Publicidade

Habitación Peregrina PRO pretende ser un espazo de convivencia profesional onde o cento de compañías que abarcan as asociacións promotoras (Escena Galega, EscenAsturias, Acepae e Eskena), máis todas aquelas do sector que queiran unirse á actividade, poidan entrar en contacto, coñecer as súas liñas de traballo e propostas estéticas, coñecer a realidade dos distintos circuítos de programación, explorar vías de coprodución e traballo conxunto e acceder a propostas de formación que sexan de interese para o seu desenvolvemento profesional.

 

O Camiño Expandido

Alén dos espectáculos e do encontro profesional, Escena Norte achega actividades paralelas co nome de O Camiño Expandido, que inclúe unha exposición titulada Ultreia. Que foi Camiño Escena Norte 2019? do 14 ao 30 de setembro na Biblioteca Pública Ánxel Casal, e tamén encontros online coas compañías participantes, para profesionais e abertos ao público, ademais de actividades de mediación arredor dos espectáculos que se programan.

 

Camiño Escena Norte, o proxecto

Camiño Escena Norte é un proxecto artellado arredor dun novo itinerario de intercambio cultural que toma a ruta histórica do Camiño de Santiago do Norte como referencia para unha intensa programación escénica, expandida ademais nos eidos das sinerxias sectoriais, a mediación co público ou a reflexión.

Camiño Escena Norte xorde co obxectivo de coñecer máis e mellor aos nosos veciños e veciñas, dando a posibilidade ao público de ter acceso a producións escénicas doutros territorios ás que doutra maneira non accederían. Aproveitando esta ruta cultural e histórica que nos une dende hai séculos creamos un novo camiño de cultura con espectáculos de teatro e danza, encontros, obradoiros, xornadas ou residencias de creación, no que mostrar a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes escénicas da produción galega, asturiana, cántabra e vasca.

Este proxecto está promovido polas asociacións de produtoras escénicas de cada unha das autonomías implicadas: Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE (Cantabria) e Eskena (Euskadi). Está apoiado en Galicia pola Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, a Deputación de Lugo e o Concello de Lugo, ademais do INAEM e o Ministerio de Cultura e Deporte.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

plataforma |

Arranca o festival de artes performativas Plataforma

cortinateatro |

Convócase o II Premio Platta de Teatro Breve – Galicia 2020