in

Rosa Álvarez recibe o Premio de Honra da Fundación Aisge

ROSA ALVAREZ04 |
A recoñecida actriz ourensá Rosa Álvarez (Carballeda de Avia, 1950) é destinataria do Premio de Honra que concede a Fundación AISGE. A artista recibirá o galardón en recoñecemento ao conxunto da súa traxectoria o 3 de outubro durante a cerimonia de clausura do Festival Internacional de Cine de Ourense a mans da tamén actriz Isabel Blanco, patroa da Fundación e delegada de AISGE en Santiago de Compostela.

 

Natural de Carballeda de Avia, Rosa Álvarez é unha das intérpretes e directoras teatrais pioneiras da escena galega e unha artista particularmente admirada entre os seus compañeiros de AISGE, entidade á que pertence desde 1991 e na que consta co número de socia 515. Implicada co teatro desde os anos setenta e con numerosas aparicións nas montaxes do Centro Dramático Galego, a partir de 2001 deu forma á compañía teatral Lagarta Lagarta, fundada xunto ao seu marido, Ernesto Chao, falecido no verán de 2018.

Álvarez comezou a súa traxectoria no mundo do cine con Esperanza (Chano Piñeiro, 1986) e Divinas palabras (José Luis García Sánchez, 1989) e Sempre Xonxa (Chano Piñeiro, 1989) peza que se considera xénese da cinematografía galega moderna. Outros filmes destacados son El baile de las ánimas (1993), La rosa de piedra (1999), Trece badaladas (2002), La vida que te espera (2004) ou Os mortos van ás présas (2009) no que desenvolvía o papel de Carmiña, polo que tivo unha nominación aos Premios Mestre Mateo como mellor actriz secundaria.

A súa carreira foi distinguida con galardóns como o Premio Mestre Mateo á mellor actriz secundaria por De bares, o Premio á mellor actriz protagonista por La Buena Caligrafía nos festivais de Zaragoza, Pasaia (Ikiska-Xapón), Xerez ou Torrelavega. Nos María Casares, levou o premio á mellor actriz protagonista en dúas ocasións: por Fobias e por Compañía. Recibiu, ademais, o premio Maruxa Villanueva á traxectoria no ano 2003. Tamén recibiu o Premio Fetega en 2014 á mellor actriz por O país do pato Donald,  o Premio Xociviga á traxectoria profesional e o Premio de Honra Marisa Soto en 2018.

Pioneira das artes escénicas galegas

Rosa Álvarez iniciou a súa implicación co teatro nos anos setenta, converténdose nunha auténtica pioneira nas artes escénicas de Galicia. O seu labor en favor da escena iniciouse así nunha época na que todo estaba por inventar. Formou parte do grupo de fundadores/as que puxeron en marcha primeiramente a Agrupación Cultural Abrente –da que chegou a ser presidenta– e, pouco despois, as primeiras Mostras de Teatro de Ribadavia. Ambos fitos son considerados, xunto ao teatro independente que agromou na Coruña a finais dos sesenta, como pasos imprescindibles para a fundación do teatro profesional en Galicia en 1978.

A súa pegada como pioneira non remata aquí, xa que tamén impulsou a creación da Sala Carral de Teatro de Vigo, da compañía Teatro do Malbarate (compañía formada integramente por actrices xunto a Mabel Rivera e Marisa Soto) ou da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), da que ostenta o número 1 de asociada e da que exerceu como presidenta entre 1994 e 1996.


Publicidade

Actriz e directora teatral, Rosa Álvarez conta cunha dilatada traxectoria que a levou a participar nun gran número de montaxes de compañías privadas e do Centro Dramático Galego (CDG). Ademais, realizou abondosas incursións no audiovisual, tanto no formato televisivo coma no cinematográfico.

No CDG, Álvarez ten participado nalgunhas das producións máis emblemáticas da entidade. Formou parte do elenco do Woyzeck dirixido por Xúlio Lago de 1984, montaxe fundacional da institución pública de teatro. A partir dese momento, converteuse nunha habitual nas obras desenvolvidas polo Centro. Dese xeito, participou en pezas como Os vellos non deben de namorarse (1985), O enfermo imaxinario (1986) ou As alegres casadas (1986). Ao longo dos anos noventa, continuou a súa colaboración coa institución actuando en O incerto señor don Hamlet (1991), Un soño de verán (1992), Lisístrata (1996) ou Memoria de Antígona (1998). As súas últimas interpretacións no CDG chegaron con Eu estaba na casa e agardaba que a chuvia viñese ou A boa persoa de Sezn.

No seu labor coas compañías privadas, Rosa Álvarez -ademais de traballar con formacións como Teatro do Atlántico, Teatro Artello, Redrum ou a xa citada Mabarate- fundou xunto a Ernesto Chao a compañía Lagarta Lagarta, na que traballou de actriz e directora. En montaxes como Aeroplanos, Cásting, O segredo dos Hoffman e Unha hora na vida de Stefan Zweig exerceu como directora, mentres que nas lembradas Fobias e As últimas lúas traballou como intérprete. Actualmente, podemos vela en escena no espectáculo As virxes salvaxes, de Teatro do Noroeste, baixo a dirección de Eduardo Alonso.

 

 

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

A lingua das bolboretas

Sarabela estrea a versión teatral de ‘A lingua das bolboretas’

fetega |

O Fetega leva ‘A farsa das zocas’ polo mundo e inicia unha Escola de espectadores