in

Positivas publica ‘Só un home bo’, de Raúl Dans

Raul Dans
Edicións Positivas vén de publicar a obra Só un home bo, de Raul Dans, coa que o autor da Coruña gañou recentemente o II Premio Laudamuco de Textos Teatrais que convocan o Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas.

 

O xurado do Laudamuco destacou sobre esta obra que “ademais da súa alta calidade teatral, a vontade explícita que propón para a súa representabilidade, cuestión que vén definida tanto polo razoable número de personaxes, catro intérpretes, como a economía de medios con que pode ser resolto o espazo escénico”. Igualmente, en Só un home bo o xurado recoñecía “unha voz dramática firme e poderosa, unha autoría solidísima, cun uso da lingua limpo e rotundo. É tamén necesario ponderar a sabia disposición do entramado escénico que logra relacionar o ritmo do argumento co tempo do discurso”.

Só un home bo é unha historia, en palabras do autor, “moi negra”, sobre un home que raptou e asasinou unha rapaza. A obra comeza no momento en que sae do cárcere e o pai da moza decide secuestralo para saber onde deixou o corpo da filla.

Raúl Dans (A Coruña, 1964) é autor teatral, guionista e actor de dobraxe. Coa súa primeira obra, Matalobos, gañou o Premio Rafael Dieste de Teatro (1993). Un ano despois gañou o Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais con Lugar, estreada polo Centro Dramático Galego en 1999. Outras das súas obras son Derrota (XXII Premi Born de Teatre, 1997), Estrema (1998), A chamada (2001), Nachtmahr (2008), Chegamos despois a unha terra gris (Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais 2010 e Premio AELG de Teatro 2011), Unha corrente salvaxe (gañadora do Premi Born en 2012 e editada pola erregueté no seu número 75), As cancións que lles cantaban aos cativos (Premio SGAE de Teatro Jardiel Poncela 2015 e editado no número 88 da erregueté) e o ensaio Confesións dun practicante. As aventuras dun dramaturgo en Galicia (2004).


Publicidade

Creador, argumentista e dialoguista de series de ficción para Televisión de Galicia (A miña sogra e máis eu, Pratos combinados, A vida por diante, Padre Casares”), Dans obtivo o Premio Mestre Mateo de Guión por Terra de Miranda (2003) e As leis de Celavella (2005).

Recentemente, Laiovento publicou outras dúas obras de Dans: Unha corrente salvaxe, coa que o autor gañou o XXXVII Premi Born de Teatre 2012, e Historia dunha descoñecida.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Set de Paula Quintas

Comeza en Lugo ‘Cartografía en movemento’

Carlos Alonso

Carlos Alonso: “Quen se dedica a poñer en pé espectáculos sobre o que nos rodea ten que desenvolver un sentido absoluto da observación”