Dúas mulleres, dous espellos
| Iván Fernández |
| Foto: Jacobo Gayo |
Preséntase en Vigo a compañía Olivas Negras, conformada polas actrices Sonsoles Cordón e Cecilia Vázquez e a escenógrafa e iluminadora Beatriz de Vega, cunha peza de autoafirmación: 12 uvas, 2 mulleres e 1 oliva, estrea que foi adiada polas causas que todxs sabemos e que agora, por fin, podemos desfrutar.
A través da metáfora das badaladas de Fin de Ano, vemos os soños e desilusións de dúas mulleres que (de non ser por algunhas características particulares) poderiamos ser calquera de todxs nós. Digo o de particulares porque a peza é necesariamente feminina e, malia que moitos homes vémonos reflectidos na desfeita dos soños vitais que nos contan, é importante para o espectáculo o seu sentido e mirada feminina, coa particularidade precisa do seu universo.
Así, estamos envoltos nunha análise da nosa sociedade (luceiros abelianos de Nadal incluídos) e como esta afecta ao deseño das nosas ilusións: ser famosa, fermosa, influencer, cantante… Soños que escachan contra unha botella de champaña que as observa, burlona, dende a súa altura inaprensíbel, reflexo da realidade que se escapa das nosas mans. Será isto ou que non somos quen de aprehender o que en verdade temos diante de nós?
Con todo, a peza non fica na mera reflexión social ou filosófica. Primeiro, porque a dita reflexión pasa do social ao persoal, encarnado nas policromías que nos amosan ámbalas actrices sobre das táboas cando interpretan unha, dúas, catro, cen, mil mulleres diferentes. Segundo, porque das personaxes viaxamos ás actrices, nun camiño no que se desdebuxan as fronteiras entre rol e persoa, e asomámonos ao abismo que agroma entrambos.
A peza, de característico ton cómico, contén de todo: números musicais, monólogos cómicos, programas de cociña/wellness en directo, coreografías, pelexas e un sen número de cambios de vestiario (fermosísimos todos, por certo) con strip-tease incluído (destacar a formación en burlesque das intérpretes). O conxunto compón un cosmos no que poder ver a nosa vaidade como sociedade e pensar ben que queremos desexar para o ano vindeiro, non vaia ser que remate por cumprirse.
12 uvas, 2 mulleres e 1 oliva, Olivas Negras.
Autoría e dirección: Marián Bañobre.
Elenco artístico: Sonsoles Cordón e Cecilia Vázquez.
Axudante de dirección: Laura Porto
Escenografía e deseño de iluminación: Beatriz de Vega.
Deseño de son: Marián Bañobre, Sonsoles Cordón e Cecilia Vázquez.
Vestiario: Cecilia Vázquez.
Confección de vestiario: Marcos Carrera.
Coreografías: Sonsoles Cordón e Cecilia Vázquez.
Música: VV.AA.
Auditorio Municipal de Vigo. 21 de novembro de 2020.