O teatro infantil galego é o protagonista
As compañías galegas son as protagonistas deste MOTI, no que Trécola Teatro estreará, o martes 22, Fíos de Moti, unha peza que simboliza a volta dos nenos e nenas confinados á maxia do teatro que supón esta mostra.
O sábado 26 será o momento de Pedras de Cartón coa súa versión do clásico Lázaro de Tormes. Unha peza que levou a mención especial no Festival de Almagro deste ano e que ben seguro desfrutarán os nenos de máis de cinco anos. O mesmo día, o grupo Geppetto, estreará Coñecendo a Pippi no Auditorio Municipal. A nena peculiar da infancia de moitas xeracións de pais, volve para contar a súa historia.
O luns 28 será a hora dos títeres de Viravolta e os seus Contos ao pé da cama, no Teatro Principal. Ademáis, Trécola tamén porá en escena o contacontos O león azul, será na Biblioteca Pública con aforo limitado.
A danza chegará da man da compañía Caramuxo Teatro e Catro. Será o martes 29 con dobre pase, un de mañá e outro de tarde. Unha peza visual que xoga coa vida, coas formas, co son e as texturas e que xirará en torno ao número catro.
Lixo, de O Baul da Tía Tola, fará as ledicias do público a partir de 2 anos e ensinará aos máis pequenos a coidar o medio ambiente e a importancia de reciclar.
A comedia de Culturactiva, Dous no camiño, interpretada por Isabel Risco e Fran Rei, porá as lendas xacobeas populares á man dos máis pequenos grazas a unha dramaturxia de Roi Vidal e Xurxo Barcala. Será o mercorés 30 no Teatro Principal. O mesmo día, pero no Auditorio Municipal, Baobad Teatro porá sobre as táboas O Lobo e a Lúa, peza de monicreques galardoada co Barriga Verde no 2014.
Novo circo, comedia clown e teatro musical
Nesta edición, son cinco as compañías de fora da comunidade que representarán as súas obras na MOTI. Traerán a esta cita xéneros coma o novo circo, musical, clown ou danza aérea para entreter á cativada.
O domingo 27, Ultramarinos de Lucas, compañía de Castela A Mancha, estará no Teatro Principal con Soy un niño. Un canto á liberdade dos nenos, con música en directo, que contará con pase de mañá e de tarde.
Ese mesmo día, Spasmo Teatro, de Castela León porá sobre as táboas a comedia clown Viaje al centro del cuerpo humano. Será no Auditorio Municipal.
O musical Orejas de mariposa, da compañía madrileña Espiral Mágica, estará no Auditorio Municipal o luns 28. Unha proposta interesante para que os nenos acepten a diferencia do outro a través da historia de Mara, unha nena coas orellas grandes.
O circo contemporáneo e o teatro xestual chegarán a Ourense da man da compañía aragonesa D’Click o martes 29 no Auditorio Municipal. Será coa obra Isla, unha ensoñación sobre os límites que buscan os particulares náufragos dunha illa deserta.
Los viajes de Bowa será a última cita do MOTI co novo circo. A compañía madrileña La gata japonesa xogarán coa poesía, a acrobacia e o humor o mércores 30.
Para máis información sobre horarios, prezos e programación pode consultalo en: www.motiourense.blogspot.com