O método Stanislavski non funciona. Pero tranquilidade, podemos seguir indo a terapia.
A sistematización da interpretación feita polo “pijo” ruso, tanto a memoria emotiva como o MAF (Método das Accións Físicas) esgotouse. Aos seus sucedáneos —escolas de interpretacións, cursos de fillos de vellas glorias do primeiro método…— quédanlle algunhas temporadas, coma ao horóscopo en relación á numeroloxía evolutiva, que é o máis! E iso débese a que xa non hai visión textocentrista no teatro. Asi de sinxelo.
Temos no ADN a análise textual en base a unhas “intencións” e uns “obxectivos” que veñen escritos na peza. Ese é o seu elemento rector.
Mais iso, na práctica teatral, o de partir dun texto creado, xa se vai desbotando. A maioría das veces comezamos creando arredor dunha acción que non sabemos a que emoción nos vai levar. Outras veces, dunha forma estética, ao chou ou porque gostamos dela; e dende esa experiencia estética, sen prexuízos, xogamos libremente. Incluso xogamos coas palabras facendo textos.
As emocións, tanto nosas como do público, son descoñecidas e ímolas desvelando a través do estudo amplo da recepción. Asi é como a creación resulta estimulante, para quen a executa e para quen a recibe. É unha forma de traballar unha interpretación fresca, a través do estímulo da forma (sonora, lumínica) e dende ese lugar de pracer egoísta, non de traumas, deitamos a emoción no escenario, que fica fresca, nova e feita no presente. Nese aquí e agora tan imperante nestes días. Asumimos que, se temos un día frouxo ou enérxico, deixamos que se vexa no escenario, facemos do noso sentir “profesional” un tecido de transmisión poroso, e gózase máis que coa represión e a disciplina rusa.
Quero lembrar un exercicio que propoñía Peter Brook que se trataba de ensaiar tal e como viñamos ese día, coa emoción que traiamos. Pois na liña, pero un paso máis á fronte, fagámolo tamén na función. O mesmo que o público ou as condicións da cada función son diferentes, tamén as interpretacións, e non nos resta profesionalidade. Xa o dicía Bruce Lee naquel anuncio do que tanto gostaba: “Be water, my friend”.
Para compoñer buscamos todo tipo de recursos nos elementos da escenificación e se podemos atravesar fronteiras e aportar novas ferramentas dende outros campos, mellor; mais sempre dende o traballo práctico da escena, o que se desvele no ensaio, no proceso, nunha parataxe caleidoscopia que só se pode dar no proceso de ensaio aberto, horizontal e a peito descuberto.
Non repriman os enfados, xentes da dramaturxia, pero tampouco píen por facer dramaturxia da escena, en pista, escrita escénica ou como queiran denominala. Ou, mellor aínda, enfadémonos con esa mala hostia que move pedras de muiños e asumamos que a pureza non nos leva a nada bo. Deixemos fluír a escrita, a dirección e o realismo segundo nos preste, porque a creación vai coma un río!