in

Chévere recupera a memoria de Vite co proxecto Dramawalker

Dramawalker Vite Chévere
ECG

O proxecto, desenvolvido polo Centro Dramático Nacional en colaboración con outros teatros e compañías nacionais e internacionais, baséase en ficcións sonoras xeolocalizadas, para seren escoitadas dando un paseo.

Saír dos teatros á procura da memoria urbana das cidades e comunidades de proximidade. Unha experiencia que toma como punto de orixe as artes escénicas, a pegada do teatro radiofónico e o teatro comunitario para explorar as posibilidades das narrativas espaciais ou artes locativas, todas aquelas prácticas nas que o relato se constrrúe en relación a lugares polos que temos que transitar para poder acceder ás distintas partes da historia. Esta é a definición do proxecto Dramawalker que o Centro Dramático Nacional (CDN) vai desenvolver con outros teatros e compañías nacionais e internacionais, entre os que se atopan o Grupo Chévere e o Centro Dramático Galego (CDG).

Publicidade

Máis alá da historia oficial do barrio, Dramawalker pretende construír unha intrahistoria a partir dos testemuños da poboación, potenciando o seu vínculo emotivo e identitario e achegando ao resto da cidadanía a un novo mapa de vivencias por descubrir. Buscamos historias que viven no cotián, no máis próximo, nas prazas, nos bares, na xente que atopamos pola rúa. Para iso, traballarase en colaboración cos axente máis activos e implicados coa propia comunidade do barrio, para que poidan guiar ás compañías participantes na procura de historias. O resultado final será unha serie de ficcións sonoras elaboradas a partir das historias recollidas no barrio coa participación de escritores, escritoras, actores e actrices locais. Poderemos escoitar as historias ficcionadas do barrio nos lugares onde realmente ocorreron, utilizando unha plataforma web que sitúa cada relato e percorrido nun mapa virtual do barrio.

Dramawalker Vite

Chévere, con Xesús Rón na dirección artística e Manuel Cortés no proceso de documentación, contará coa coprodución do CDN e do CDG, e desenvolverá o seu Dramawalker en Compostela, concretamente no histórico barrio de Vite. Ademais de Ron e Cortés, participarán neste proxecto arredor da memoria, Xacobe Martínez Antelo no rexistro e produción sonora, e Xana García no apartado de comunicación.

Vite 1 |

Na década de 1950 o turismo ligado ao mito xacobeo condicionou a planificación e desenvolvemento urbano de Santiago de Compostela. Provocou cambios de uso radicais en edificios históricos como o antigo Hospital Real, convertido en hotel en 1954. Obrigou a abrir novas vías de acceso directo ata a catedral, eliminando os camiños tradicionais de conexión da cidade histórica coa periferia, como pasou coa apertura da Avenida Xoán XXIII a finais dos anos 50. Afastou a urbanización do norte da cidade coa instalación dun albergue de peregrinos temporal para o ano santo de 1965, o Burgo das Nacións, cuxos barracóns foron reconvertidos e funcionaron como residencia de estudantes durante case tres décadas e como supermercado da droga nos oitenta. E desde os anos noventa acelerou o proceso de substitución do comercio tradicional do casco histórico por tendas dirixidas ao consumo rápido de turistas e o proceso de abondono das vivendas, transformadas en hoteis e aloxamentos turísticos.

Pero Santiago de Compostela non é só a súa cidade histórica. É moito máis. A persoa que teña a curiosidade necesaria para ir máis alá dos fitos sinalados nas guías turísticas, ten que nos acompañar para descubrir un dos seus barrios máis populares: Vite, sen o que non se podería contar completa a historia da cidade dos últimos 50 anos. Un barrio poboado maioritariamente por persoas con escasos recursos procedentes doutras zonas da cidade, que foron realoxadas en pisos de protección oficial. Un barrio que é o reverso da cidade turística, que representa a vertente máis social do planeamento urbano, que enfronta e conecta o desarrollismo franquista coa Transición, que integra comunidades diversas, que acolle un orgulloso tecido social e comunitario, que sabe o que significa ter que loitar para conseguir infraestruturas básicas e mellorar a vida da súa veciñanza, que leva marcada na pel a pegada das drogas e que inventou aquel berro de autodeterminación que facía a diferencia na cidade a comezos dos noventa: Vite Nazón!

Dramawalker Vite propón un paseo audioguiado desde o corazón da cidade histórica ao barrio de Vite para mergullarse nos relatos que retratan a súa memoria urbana.

 

Máis información sobre este proxecto na web do Grupo Chévere

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Bases do Premio Abrente

Convocado o XVI Premio Abrente de Textos Teatrais

St

Superando a Stanislavski (sen traumas!)