A pandemia da COVID-19 trouxo algunhas novidades ao noso sector, alén das restricións na capacidade dos teatros. Entre as máis graves están as cancelacións e a non programación coa que algúns teatros públicos, municipais, incumpren os dereitos constitucionais, humanos e até lóxicos, de acceso á cultura por parte da cidadanía. Hai concellos que, de xeito impune, están aproveitando a pandemia para non investir diñeiro na programación de danza, teatro e circo, nos espazos públicos que xestionan co diñeiro de todas/os. Se algunha compañía protesta, pode ser que, despois, non volva ser programada e semella que as asociacións sectoriais tampouco acaban de funcionar como sindicatos dun amplo colectivo profesional que está sendo maltratado de maneira case sistemática.
Está claro que, mentres non haxa unha lei das artes escénicas que garanta uns mínimos, cadaquén vai facer o que lle pete segundo a cor política e, sobre todo, o nivel cultural e a sensibilidade de quen goberne e xestione.
A carteleira de artes escénicas, a súa difusión e promoción, son un indicador directo do nivel cultural dos alcaldes, maioritariamente homes, e concelleiros, que mandan sobre as/os técnicas/os de cultura. Lembremos que en provincias, ou sexa en Galiza, non hai o posto de dirección artística nos teatros públicos, como acontece nas cidades e nos lugares que son centro e que gozan dun certo prestixio, como poden ser Barcelona, Madrid, O Porto, Lisboa, ou máis pequenas, no veciño Portugal, como Guimarães ou Braga. Direccións artísticas moi cualificadas, por un tempo determinado, para desenvolver un proxecto cunhas liñas de programación, mediación, produción, coprodución, residencias, formación, etc. Diso, de maneira plena e emancipada (institucións teatrais de xestión independente), en Galiza, en provincias, non temos.
Pois ben, a pandemia veu a acentuar aínda máis esa fenda, coa coartada de que hai que pechar a hostalaría nos momentos nos que a curva de contaxios se agrava, por que non pechar tamén os teatros e auditorios? Porén, nos teatros e auditorios, non imos consumir, bebidas nin alimentos, podemos ter a máscara posta e manter a distancia sanitaria. Nos teatros e auditorios pode haber unha renovación do aire, tal cal piden as autoridades sanitarias, para garantir a seguridade fronte ao contaxio do virus. Non hai comparanza respecto ao exemplo da hostalaría ou dos locais do denominado ocio nocturno, tipo discotecas.
Coas restricións na capacidade non sae rendible economicamente, a nivel de billeteira, programar espectáculos. Ollo! Pero, non nos equivoquemos, tampouco saía cobrando 5 ou 10 euros de entrada cando non había restricións no número de espectadoras/es. Por tanto, esa coartada tampouco xustifica os peches e cancelacións.
Trátase dun investimento en cultura, nunha arte que require de medios e de espazos e que contribúe ao benestar das persoas. Trátase dun investimento necesario nun ben comunitario, como poden ser a educación e a sanidade, en países que socializan estes bens converténdoos en dereitos da cidadanía.
En consecuencia, é inexplicable e inxusto que algúns concellos cancelasen e deixasen de programar danza, teatro e circo, mentres outros si que o fan e está a funcionar moi ben, pese á pouca difusión e importancia que, ás artes escénicas, se lle dá na nosa contorna.
Reivindico, explicitamente, o meu dereito a poder ir ao teatro, independentemente do poder adquisitivo que teña, independentemente de onde viva. A pandemia distribúenos por “áreas sanitarias” e, en cada unha delas, ademais de haber un hospital importante de referencia, tamén hai teatros e auditorios construídos con diñeiro público (que para gastar en tixolos e na construción si que andan listos os políticos) pero, polo xeral, infrautilizados.
Reivindico que as cidades galegas tamén poidan ser centro de si mesmas e deixar de ser cidades de provincia e para iso necesitamos do prestixio que a vida cultural, e moi especialmente a carteleira de artes escénicas, favorece.
Reivindico a importancia do sector profesional das artes escénicas, tan digno como calquera outro sector e, se cadra, tanto ou máis necesario nestes tempos de illamentos, depresións e falta de ilusión.