Revista Galega de Teatro

Revista Galega de Teatro

Acciones concomitantes

CRÍTICA LITERARIA

Acciones concomitantes. Un método para la actuación teatral

de Jaroslaw Bielski

Publicaciones da Asociación de Directores de Escena de España, 2020

Serie: Debate, nº 28

Idioma: castelán

Presentamos Acciones concomitantes. Un método para la actuación teatral, libro editado en 2020 pola Asociación de Directores de Escena de España, e asinado polo profesor e director de escena Jaroslaw Bielski, que contén na súa contracapa unha frase que fundamenta o discurso que nos acompaña ao longo de máis de cento cincuenta páxinas: “El teatro es un engaño, un engaño pactado”. A cuestión, entre outras, radica na articulación dese engano.

Bielski, profesor no seu día do Instituto del Teatro de Asturias ou da RESAD en Madrid, opera agora desde Replika Teatro, Centro Internacional de Creación que funciona como Sala e como Escola, ben cerca da vella Facultade de Pedagoxía da Complutense, en Madrid. A súa formación inicial ten lugar na Akademia Sztuk Teatralnych w Krakowie, onde aprende a mellor tradición rusa e soviética no campo da formación para a creación teatral, mantida e desenvolvida por persoas que coñeceron e traballaron con grandes mestres, coma Constantin Stanislavski, o que ten especial relevancia se consideramos as maneiras en que en Europa Occidental ou nas Américas se presentou a súa teoría e a súa praxe, por veces con tantos erros.

Ao falarmos, onda nós, dos grandes mestres rusos e soviéticos, facémolo desde a recepción que dos mesmos se ten feito nesta parte do mundo, moitas veces a través de traducións indirectas de materiais diversos, en ocasións desde fontes terciarias. Porén, nos países do que se chamou Europa Oriental ou na propia Unión Soviética, esa recepción asenta en fontes primarias, nun proceso continuo de transmisión de prácticas, de formas aprender a facer. Velaí unha diferenza substantiva. Espazos de formación coma o GITIS (Academia Rusa da Arte Teatral), manteñen esa tradición, e aí estudaron Jerzy Grotowski, Eimuntas Nekrosius ou Anatoly Vasiliev.

Por iso, cando Don Richardson escribe un volume como Interpretar sin dolor. Una alternativa al método (1993), as súas críticas certeiras fronte a un psicoloxismo enfermizo, non se dirixen ao gran mestre ruso, senón a un conxunto de profesores norteamericanos que construíron a súa técnica desde unha lectura parcial, incompleta e mesmo errada de Stanislavski, quen xamais propuxo provocarlles agonía, sufrimento e rabuñaduras emocionais ou existenciais aos intérpretes. Todo o contrario.

Neste volume Bielski parte de dous mestres da interpretación que constitúen un exemplo magnífico do que en Teoría da Interpretación se podería denominar Paradigma Indutivo, fronte ao Paradigma Dedutivo que propoñen Vsevolod Meyerhold e Bertolt Brecht. Falamos, xa que logo, de Stanislavski e Grotowski, sendo este último o gran continuador das investigacións últimas do gran mestre ruso, do seu mestre, como el mesmo recoñeceu e como tamén diría Meyerhold.


Publicidade

Sostén Bielski que se Stanislavski deseña un modelo a partir do concepto de “partitura das accións físicas”, Grotowski asenta o seu na “partitura de impulsos internos e accións físicas”; con ambos, constrúe a súa propia visión da interpretación, desenvolvida, probada e calibrada en tantos anos de docencia. Sen renunciar, en ningún momento, a unha necesaria mirada crítica, como a de Ludwik Flaszen, un dos artífices do cambio de rumbo do Teatr 13 Rzędów (Teatro das 13 Filas) en 1959, camiño do Teatr Laboratorium.

Na páxina 40 o autor achega unha definición do concepto de Acción Concomitante, suma das diferentes accións (ficticia, real e formal) que conflúen no momento en que o causante do engano e o cómplice necesario se encontran nese espazo que chamamos teatro. Desde aí e ao longo de cinco capítulos vaise debullando e mostrando, con exemplos, unha metodoloxía de traballo, unha técnica de actuación nas súas propias palabras, coa que busca, como Stanislavski, que actrices e actores realicen o seu traballo de forma consciente, reflexiva e orgánica. Con intelixencia.

Un libro relevante, cheo de motivos de reflexión, de propostas de traballo e de interrogantes. Para seguir avanzando na sistemática da interpretación.

Ficha do libro

Publicaciones da Asociación de Directores de Escena de España, 2020

Serie: Debate, nº 28

176 páxinas

(Castelán)

Compartir

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Subscríbete ao boletín á newsletter

Recibe no teu email as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

Back to Top
Ads Blocker Image Powered by Code Help Pro

Ad Blocker Detectado!!!

Parece que capaches a nosa publicidade... Os anuncios da nosa páxina permiten á erregueté manterse activa. Desactiva o Ad Blocker e refresca a páxina para poder desfrutar dos nosos contidos con normalidade.

close

Log In

Forgot password?

Forgot password?

Enter your account data and we will send you a link to reset your password.

Your password reset link appears to be invalid or expired.

Log in

Privacy Policy

To use social login you have to agree with the storage and handling of your data by this website. %privacy_policy%

Add to Collection

No Collections

Here you'll find all collections you've created before.