Revista Galega de Teatro

Revista Galega de Teatro

Expresión dramática infantil

CRÍTICA LITERARIA

Expresión dramática infantil

de Peter Slade

Editorial Santillana, 1988

Colección Aula XXI

Libros de vello / Libros de saldo

 

Malia a teima de moitas revistas ditas de impacto, manexado e medido o tal impacto por axencias de “rating” que funcionan na mesma maneira en que o fan con bancos ou coa débeda soberana dos países e con prácticas tan pouco aconsellables (eu cítote, ti cítasme, citámonos…), en demandaren aos autores e autoras citar bibliografía moi recente, sempre convén botar man dos clásicos. Hai campos como o da física teórica onde seguen tendo moita actualidade, e un impacto real, artigos publicados nas dúas primeiras décadas do século por un tal Albert Einstein. Outro tanto podería pasar con traballos escritos con tanta sabedoría como aquel que Vitor Manual de Aguiar e Silva titulou Teoria da literatura (1967), ou o que Raúl Castagnino publica como Teoría del teatro (1956), pero tamén Idea del teatro (1946) de José Ortega y Gasset. Que dicir de Paradoxe sur le Comédien, de Diderot, publicado en 1830 e escrito contra 1775, que inaugura o pensamento científico sobre a arte da interpretación? Hai un de Viola Spolin, Improvisation for the theatre (1963), do que tiraron moito partido outras voces mais sen citar ese magnífico estudo da discípula de Neva Leona Boyd, mestras indiscutidas en tantas cousas, pero tamén temos algúns traballos de Kurt Lewin que promoven o estudo das dinámicas de grupo, o concepto de campo, ou a investigación na acción, ideas tan importantes na práctica do teatro (La teoría del campo en la ciencia social, 1988).

Nesta sección, Libros de vello / Libros de saldo, presentamos traballos substantivos nas diferentes disciplinas que conforman o campo dos estudos teatrais pero tamén as que se acollen baixo a denominación de disciplinas da creación teatral, tamén ditas ciencias do teatro. Son libros ata hai pouco difíciles de atopar, pero o auxe das librerías de vello permítenos atopalos e mercalos a un prezo realmente módico, case de balde, o que é unha verdadeira regalía considerando todo canto eses libros esquecidos poden achegar ás nosas librerías pero sobre todo ás nosas cabezas (e corpos). Ademais son librerías que ofrecen un servizo normalmente de primeira calidade e os libros chegan en pouco tempo e en magníficas condicións.

Para a primeira presentación da serie escollemos un volume editado en 1954 como Child drama e publicado en castelán como Expresión dramática infantil en 1978, sento o tradutor desta versión Ángel Rivera Pérez, quen realiza un traballo excelente, que comeza na tradución do título. O autor do libro é Peter Slade, un dos máis importantes promotores da educación dramática e da educación teatral en Inglaterra, e un dos autores máis relevantes do campo en países de expresión inglesa.

O texto vai precedido por unha presentación para a versión en castelán asinada por Santillana, en tanto casa editorial, que xa sirve para explicar o alcance dun traballo tan singular, no que se diferencia con claridade e precisión entre Expresión Dramática e Expresión Teatral, e as razóns que aconsellan tal proposta epistemolóxica, ao seren dúas disciplinas con obxectivos diferentes, malia que partillen moitas cousas, entre elas procedementos como xogos dramáticos, dramatizacións ou improvisacións. Tamén hai un breve prólogo de Sybil Thorndike (actriz memorable, formada con Elsie Fogerty, a creadora da Central School of Speech and Drama pero tamén promotora dunha metodoloxía renovadora na formación teatral), que en apenas cincuenta liñas partilla con quen lee algunhas ideas brillantes, relevantes. E logo chega a palabra de Brian Way, outro gran mestre británico, quen igualmente achega ideas substantivas na consideración do alcance educativo de ambos modos expresivos, o dramático e o teatral. Entre elas destacaremos a idea de actuar, como práctica social necesaria na vida cotiá de todos e todas nós, a súa importancia, e a necesidade de promover a súa aprendizaxe.

Tras as presentacións, reveladoras e suxestivas, segue un total de vinte longos capítulos, estruturados en tres partes, nos que Peter Slade vai debullando aspectos moi importantes da praxe educativa asentada neses modos expresivos citados, prestando atención especial ás maneiras en que esa praxe se vai transformando ao tempo que os rapaces e rapazas medran e se desenvolven, e destacando sempre a importancia do xogo, algo sobre o que escribirá páxinas memorables Donald Woods Winnicott en Playing and Reality (1971), subliñando a súa importancia na conformación da identidade e na creación de fenómenos transicionais, sendo o teatro un deses fenómenos. Podemos dicir que se trata dunha das primeiras aproximacións da Psicoloxía do desenvolvemento (ou Evolutiva) ás educacións dramática e teatral, que logo continuarán autores moi diversos, desde David Courtney (The dramatic curriculum, 1980) ata Jorge Eines e Alfredo Mantovani (Teoría del juego dramático, 1980).


Publicidade

Nas páxinas de Expresión dramática infantil, ao contrario do que ocorre noutros volumes editados naquela altura, non atopamos listas de exercicios, nin receitas para este ou aquel problema ou caso, pero si unha reflexión continua e permanente sobre prácticas propias e alleas, explicacións atinadas das causas das moitas cousas que adoitan acontecer nas clases en que se xogan xogos dramáticos ou improvisacións, para construír unha sistemática da intervención, unha sorte de didáctica, en fin, aplicable á Expresión Dramática e igualmente á Expresión teatral, pois tamén se analiza ese tránsito que nos leva do xogo da vida ao xogo da arte. Son máis de cincocentas páxinas, e en todas e cada unha delas alentan ideas e propostas que seguen tendo unha enorme validez en todos os escenarios educativos, formais ou non formais, nos que teña sentido falar de Pedagoxía Teatral.

Hai quen reclama unha dimensión terapéutica nas propostas que nos achega Peter Slade, e na súa promoción da espontaneidade ou en xogos de expresión libre e fluída hai vínculos certos coas terapias teatrais concibidas e desenvolvidas por Jacob L. Moreno, e moitos coñecidos médicos psiquiatras e especialistas en psicodrama (lembramos traballos notables de Eduardo Pavlovsky ou Carlos Martínez Bouquet), utilizan técnicas ben similares ás que se adiviñan por detrás dos discursos que se constrúen neste volume. Pero o estudo e aplicación desa dimensión terapéutica corresponde aos especialistas en Ciencias da Saúde ou da Conduta, persoas especialmente capacitadas e, sobre todo, “habilitadas” para traballar no campo.

Nós falamos de educación, e en toda a súa extensión, pois o ámbito de uso dalgunhas ideas de Peter Slade, que recollen propostas anteriores de persoas pioneiras (bastantes mulleres, coma Winifred Ward, das que iremos falando e dos seus libros), non remata na escola, senón que é de aplicación en todas as escolas. Un concepto transversal en todo o libro é o que recolle a expresión “como se”, tan querida a Stanislavski, coa que Peter Brook en 1968 lle pon o ramo a un libro, The empty space, transcendental para a práctica teatral contemporánea e que na súa versión castelá remata coa frase “Una obra de teatro es juego”. Sobre o xogo asenta Brook a súa visión do traballo de actores e actrices, como tamén o facía Joan Littlewood, unha das mellores directoras de escena no século XX, cun método de traballo que foi recollido por Clive Barker no volume Theatre Games (1977), traducido para o galego como Xogos teatrais (2011).

É aquí onde nena e actriz se atopan, pois que se trata de aprender a actuar, no escenario social e na escena. En ambos casos, este libro de Peter Slade resulta fundamental pois desvela e revela principios fundamentais da actuación entendida como dramaturxia, presentación, realización e avaliación da acción, tamén para abeirala a aquel paradigma socio-crítico defendido por Jürgen Habermas, que no eido educativo se define como “pedagoxía crítica”.

Ficha do libro

Peter Slade, Expresión dramática infantil

Editorial Santillana, 1988

Colección Aula XXI

520 páxinas

(Castelán)

Compartir

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Subscríbete ao boletín á newsletter

Recibe no teu email as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

Back to Top
Ads Blocker Image Powered by Code Help Pro

Ad Blocker Detectado!!!

Parece que capaches a nosa publicidade... Os anuncios da nosa páxina permiten á erregueté manterse activa. Desactiva o Ad Blocker e refresca a páxina para poder desfrutar dos nosos contidos con normalidade.

close

Log In

Forgot password?

Forgot password?

Enter your account data and we will send you a link to reset your password.

Your password reset link appears to be invalid or expired.

Log in

Privacy Policy

To use social login you have to agree with the storage and handling of your data by this website. %privacy_policy%

Add to Collection

No Collections

Here you'll find all collections you've created before.