Revista Galega de Teatro

Revista Galega de Teatro

O charco de Ulises

CRÍTICA LITERARIA

O charco de Ulises

de Santiago Cortegoso

Edicións Positivas, 2020

Colección ‘O papel do Teatro’ nº 6

“Cabalo branco non é cabalo”, contan que escribiu un filósofo chinés de nome Gongsun Long (ca. 320 a.C-250 a.C), no tratado titulado Gongsun Longzi (dispoñible en inglés), quizais para explicar que as cousas nin son o que parecen nin o que nós pensamos que parecen, ou que son. Todo merece, mesmo esixe, unha reflexión demorada. Tal demanda o texto de Santiago Cortegoso que queremos comentar.

Afírmase na capa do volume, editado por Positivas, que se trata dunha “versión libre da Odisea, traspasada a un contexto transatlántico”, sendo entón versión dun clásico, ou dramaturxia a partir dun clásico, con vontade certa de actualización ou de apropiación. Despois de varias lecturas podemos concluír, sequera de forma provisional, que non estamos ante unha versión libre senón ante unha versión extremadamente libre, ben que as aparencias indiquen xusto o contrario.

Pois en efecto, se A Odisea consta de vinte e catro cantos, tamén O charco de Ulises ten catorce, amais dun epílogo no que se quer explicar “O que significa Ítaca”. E se no primeiro dos textos hai unha sorte de división por partes (Telemaquia, Retorno, Vinganza), tamén o segundo semella seguir esa ordenación, máis alá dalgunha licencia lóxica na adecuación das peripecias. Outro tanto acontece co nome dos personaxes, dos lugares e dos costumes, que seguen a pauta establecida polos poetas e poetisas que crearon, recolleron, e/ou divulgaron, ese mundo de historias que Aristarco de Samotracia, discípulo de Aristófanes de Bizancio, e tamén bibliotecario no gran tempo do saber de Alexandría, presentou en magnífica edición crítica, ou iso afirman especialistas en filoloxía grega clásica e na súa literatura. Hai algunha excepción: Bos Aires, boliche, tango, perico, Boca. E despois, outras vinganzas.

Atendendo á estrutura superficial, á tona textual, O charco de Ulises efectivamente pode entenderse como unha versión libre. Mais logo, cando nos debruzamos no texto, atentos a como se articula ese traspaso ao “contexto transatlántico”, comprobamos, na nosa lectura, que a tal versión vai alén do anunciado, moi especialmente ao mesturar dous cronotopos (marco espazo-temporal dunha determinada narrativa), ben diferentes: o que lle é propio á vella narrativa homérica e o que derivaría dos contos e historias, mesmo personaxes, da emigración galega, coa súa propia épica. Por iso dicimos nós que se trataría dunha versión “libérrima”. E nese confronto de cronotopos, tamén abrollan os propios da persoa que se aplica na lectura, coas súas expectativas e coa súa historia persoal. Velaí, na nosa opinión, a causa dalgúns problemas de composición que poden provocar perplexidade e mesmo desafección, cando o lector pode chegar a pensar que non se trata tanto dunha versión senón dun “tuneado”. O caso Néstor, por exemplo, entre outros máis, ou os actos de fala destes ou daqueles personaxes, que por veces semellan desaqueloutrados.

Escribía George Steiner (en Errata. An examined life, Yale University Press, 1997, p.19) que un clásico non se lee, ou si, pero que o texto tamén nos le a nós, e seguramente haxa máis do segundo que do primeiro. Iso acontece ao enfrontar un texto como o Ulysses, de James Joyce, en aparencia unha versión extremadamente libre da Odisea, pero en esencia, na súa estrutura profunda, unha versión moi leal co espírito do clásico grego. E para mostra o capítulo último, no que Molly Bloom enfía un dos máis mellores monólogos que se teñan escrito na literatura do século vinte. Nese monólogo magnífico, especialmente no plano formal, temos unha actualización portentosa do personaxe de Penélope. Falaremos do capítulo 15, “Circe”.

O texto de Joyce, co ir e vir das palabras e das páxinas, está lendo en nós o que saibamos ou non da Odisea, interrogando as nosas lecturas, a nosa comprensión. E nesa súa lectura de nós, o texto tamén provoca que, para alén da Odisea, abrollen todas as lecturas que levamos feito, experiencias e vivencias, a nosa bagaxe cultural, social, emocional…, todo aquilo que está depositado na nosa memoria a longo prazo, nese arquivo inmenso no que hai cousas que nin nós mesmo sabemos, pero tamén todo o que a memoria de traballo asocia en cada palabra ou imaxe. Por iso cada lectura é diferente, porque en cada lectura somos unha persoa diferente, e por iso cada persoa sempre le un texto diferente, por moito que sexa a mesma, o mesmo. As teorías da Gestalt fornecen interesantes visións arredor da percepción, tamén para, neste caso, buscarlle forma, estrutura ou configuración ao que xa no orixinal clásico semella relación fragmentaria de fitos e feitos. Fractais.


Publicidade

É no personaxe de Penélope, na Penélope última, onde as miradas dos dous autores convocados semellan confluír, e por aí ben podería abrollar unha certa vindicación das teorías alternativas sobre a autoría da Odisea, se pensamos no escrito por Samuel Butler (1835-1902), ben coñecido pola súa obra Erewhom (1872), en relación a unha cuestión periférica nos estudos homéricos pero ao mellor máis transcendental do que parece. Por iso tal vez, nesa visión última da volta, encontro e acollida, hai unha crítica implícita, tamén explícita, do heroe, que non encontra nin paz nin descanso, prolongando a condena, e facendo imposible o retorno anhelado. Non hai catarse de integración, en palabras de Jacob L. Moreno.

E así chegan as palabras últimas do texto, no que se formula en modo retórico a vella pregunta arredor do significado de Ítaca, e tamén aquí as lecturas poden ser moitas, xa que pode entenderse como unha ida, e así o fai Konstantino Kavafis no poema homónimo, no que pide entender a vida desde aquel carpe diem presente no Poema de Gilgamesh, nas palabras coas que Siduri tan sabiamente aconsella ao heroe que persegue un imposible. Tamén cabe entendelo como volta, e para ese caso o vello poeta da cidade inesquecible que viviu Lawrence Durrell, legounos outro poema, “La ciudad”, curiosamente, e dalgún xeito, formulación anterior do “No future” que tanto se berraba a mediados dos setenta do século pasado (“ni caminos ni barco para ti”).

Seica dicía Jorge Luis Borges que na literatura toda que se ten escrito nesta civilización, ou declamado e cantado, podemos atopar catro narrativas, estando todas moi relacionadas con esa vontade “transatlántica” que aboia no mar de palabras que nos propón Cortegoso: partida, conquista, retorno, sacrificio. Catro narrativas que podemos documentar nas historias de emigrantes de todos os lugares e de todos os tempos. Dalgunha maneira as catro tamén aparecen nos contos populares, como ben explicou V. Y. Propp en Morfología del cuento, o que constitúe outra maneira de volver á Odisea e ao drama de países como Irlanda, Galicia, Portugal.

Volvemos ao profesor Steiner. Non só os clásicos nos len. Somos alimento para cada texto que ollamos e debullamos, pois cada un deles nos provoca e produce, nos concreta, ilumina, incomoda, mellora. E por iso me atrevo a dicir que ao mellor pagaría a pena, para alén de xuízos e valoracións, que tampouco non serven de moito pois “in pulverem reverteris”, considerar os textos a partir do que nos fan, de como nos deixan, de como saímos da aventura de ler, pois cada lectura é unha nova escrita, enceta unha reflexión. Como escribiu o poeta nipón Taneda Santôka, “Estoy calado por el agua / que esa nube ha dejado caer” (Saborear el agua, Hiperión, 2004, p.63).

Grazas, Santiago.

Ficha do libro

Edicións Positivas, 2020

Colección ‘O papel do Teatro’ nº 6

102 páxinas

Compartir

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Subscríbete ao boletín á newsletter

Recibe no teu email as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

Back to Top
Ads Blocker Image Powered by Code Help Pro

Ad Blocker Detectado!!!

Parece que capaches a nosa publicidade... Os anuncios da nosa páxina permiten á erregueté manterse activa. Desactiva o Ad Blocker e refresca a páxina para poder desfrutar dos nosos contidos con normalidade.

close

Log In

Forgot password?

Forgot password?

Enter your account data and we will send you a link to reset your password.

Your password reset link appears to be invalid or expired.

Log in

Privacy Policy

To use social login you have to agree with the storage and handling of your data by this website. %privacy_policy%

Add to Collection

No Collections

Here you'll find all collections you've created before.