in

Hellen Keller, a muller marabilla?

⠨⠁ ⠍ ⠥ ⠇ ⠇ ⠑ ⠗ ⠍ ⠁ ⠗ ⠁ ⠃ ⠊ ⠇ ⠇ ⠕ ⠎

"Hellen Keller, a muller marabilla?". Imaxe de Chévere.
"Hellen Keller, a muller marabilla?". Imaxe de Chévere.

“Not even girls want to be girls so long as our feminine archetype
lacks force, strength, and power. [..] Women’s strong qualities
have become despised because of their weakness.”
William Moulton Marston, a propósito da creación de Wonder Woman.i

Que curiosa é a vida. Na miña última crítica para a sección Palcos LGBTIQ+ da páxina web da Erregueté ׀ Revista Galega de Teatro falaba dunha obra, representada no Auditorio do Concello de Vigo, insultante e radicalmente non inclusiva, onde se facía burla a través da denigración de colectivos vulnerábeis como o LGTBIQ+, as persoas racializadas ou as persoas con diversidade funcional e cognitiva.

Días despois, no mesmo lugar, asistimos a unha peza que propón todo o contrario: un espazo onde o respecto e a inclusión son o motor da proposta escénica e a crítica social e a reflexión, o motor da dramaturxia. Esta é Hellen Keller, a muller marabilla?, a última peza de Chévere, coproducida co Centro Dramático Nacional e que anda esta tempada de xira polo noso país.

Curiosamente, no artigo anteriormente mencionado, preguntábame pola idoneidade na elección dos temas ou materiais seleccionados para montar unha peza de teatro. Por que esta peza, agora mesmo?

Esta pregunta tamén xurdiu cando tiven noticia de que Chévere andaba a traballar sobre a vida e obra de Hellen Keller, muller xordocega de sona mundial e mito de superación persoal nos EEUU, mais practicamente esquecida na nosa actualidade.

Curiosamente, a vida tróuxoa de novo á palestra a través do odio que ultimamente invade as redes sociais, xa que Hellen Keller, falecida no 1968, é agora a protagonista dunha “campaña” de desinformación, unha “teoría da conspiración” esparexida a través da rede TikTok onde se cuestiona se os seus logros foron reais ou, mesmamente, se esta muller chegou a existir xamais. Falando de TikTok, X/Twitter ou outra rede social semellante, calquera rigorosidade e seriedade documental queda por suposto descartada.

Mais o feito fala dos tempos nos que estamos a vivir, onde unha onda de fondo rexeitamento cara aos avances sociais e de igualdade do século XX está a ser cada vez máis protagonista da nosa actualidade. Un movemento que nace da contrapropaganda da política ultraconservadora e fascista.

Por iso Hellen Keller volve a nós, como no seu día fixera Wonder Woman, personaxe de cómic creada polo psicólogo William Moulton Marston e o ilustrador H.G. Peter para DC Comics no 1941 e que tomou á propia Keller como unha das súas fontes de inspiración.

Curiosamente, Chévere escolle esta personaxe como foco para o seu novo traballo (unha idea orixinal da actriz e pedagoga teatral Chusa Pérez de Vallejo) e lánzanos unha pregunta á que debemos atopar resposta durante o espectáculo: Era realmente Hellen Keller a Muller Marabilla?

Esta pregunta lévanos a unha das cuestións sobre as que pivota esta peza, como é a da manipulación mediática. A persoa de Hellen Keller foi convertida en personaxe e icona social por unha prensa interesada en fabricar historias que vendesen xornais. A biografía persoal dunha rapaza limitada na visión e no ouvido e que chegou a falar varios idiomas e a escribir 14 libros era sen dúbida materia de primeira para a especulación.

Keller foi alcumada “A pequena salvaxe” porque non era capaz de comunicarse co seu entorno até que a mestra Anne Sullivan logrou comezar a ensinarlle a linguaxe de signos táctil. Alí comezou un camiño de descubrimento no que a rapaza atopou acougo por fin para a súa desesperación, nacida da imposibilidade de entender e facerse entender.

Aquí aparece outro dos temas da peza, no que Chévere acada facernos chegar a particularidade do mundo dunha persoa que entende a realidade dun xeito diferente. A cuestión é, poderiamos dicir, a “normalidade” ou como unha maioría establece como debe ser o mundo. Confrontados ante a percepción dunha persoa que non pode ver nin escoitar ao xeito que pode facer a maioría, os que si podemos ver e escoitar atopamos unha primeira barreira para achegarnos a este espectáculo.

Primeira, porque Hellen Keller, a muller marabilla? está chea de barreiras como están cheas de barreiras as vidas diarias das persoas con diversidades. Este, entendo, é o maior dos acertos da peza: trasladar ao patio de butacas os atrancos que o resto do mundo lles poñemos ás persoas que non o viven e non o poden vivir do mesmo xeito.

A peza é, polo tanto, unha peza que investiga novas maneiras na recepción, feita de grandes silencios, reflectindo o mundo interior dunha persoa xorda, tanto como é unha peza feita de sombras, como podemos entender as persoas videntes que será a realidade dunha persoa cega.

Por iso mesmo, Hellen Keller é unha proposta difícil, que supón un reto a un público acostumado a empregar os cinco sentidos para recibir a información. Así foi evidente no propio patio de butacas, onde moitas persoas chegaron mesmo a aburrirse e boquexar durante a función.

E isto é marabilloso. Hellen Keller acada facernos chegar as dificultades diarias dunha persoa con diversidade de moitos xeitos e un deles é, sen dúbida, a reflexión sobre o que damos por feito: unha persoa vidente, unha persoa sonora, non se cuestiona empregar os seus sentidos doutro xeito que non sexa o habitual. Así, pode chegar a aburrirse cando a información que se lles ofrece limita, precisamente, o aspecto visual ou auditivo.


Publicidade

A asunción dun xeito “maioritario” na recepción é unha porta aberta ás políticas exclusivas, e así foi que converter a Hellen Keller nunha icona de superación, nun “modelo” ou exemplo a seguir, afastouna do seu propio público de referencia, xa que cada diversidade é única e non todas as persoas temos as mesmas capacidades.

A crítica implícita trasládase ao sistema funcionalista, unha das bases do capitalismo que tanto e contra o que tan denodadamente loitou a mesma Keller. Obviamente, en canto esta “muller marabilla” comezou a defender o socialismo e o comunismo, a prensa deixou de prestarlle atención.

Este é outro dos grandes momentos da peza: cando Chévere fai aparecer en escena o que non está. Na vida dunha muller tan popular e tan fotografada como Hellen Keller, a proposta decide salientar xusto as imaxes que non están, mais que se cadra son máis importantes que as que si están, significando así a enorme cantidade de loitas sociais nas que se implicou (de clase, feministas, políticas, raciais…) e como, aínda así, foi unha muller manipulada e mutilada polo seu propio entorno.

Unha manipulación que podemos intuír en escena grazas ao emprego dun manequín que pasa de ser modelo a obxecto de autopsia e a estatua/icona, unha metáfora idónea do que foi a vida desta muller.

A dirección de Xron propón moitos matices. Dos xa sinalados que nos levan a entender a vivencia dunha persoa con diversidade ao emprego dos sobretítulos e linguaxe de signos, coa que mesmo se chegan a provocar intres de verdadeira coreografía, ou o diálogo permanente entre as mulleres en escena (diálogo no que se inclúe á propia Keller).

Unha proposta que pide un público especialmente activo e atento, se cadra anticipando a dificultade que, cada vez máis, temos no mantemento da atención na nosa sociedade da saturación sensorial.

Para potenciar que o foco está no tema, a proposta de espazo escénico é austera e case de pericia forense: un par de mesas con caixas de onde extraer o material documental, un ciclorama onde proxectar os materiais audiovisuais (obra de Lucía Estévez), e o manequín que representa á nosa protagonista.

A proposta acada tamén o patio de butacas, grazas ao diálogo directo con nós, ao emprego da linguaxe de signos (polas tres intérpretes da peza), á especial atención ao público con necesidades diversas, ou ao emprego de aparellos de audioescoita.

Estamos falando dun coidado no detalle, nunha atención a non dar nada por feito.

Curiosamente, en poucos días pasamos dunha peza onde se nos quería facer crer que todo o mundo é racista, homófobo e non-inclusivo, onde a xente ría as burlas que se facían sobre persoas marxinadas a outra onde os chistes que aínda a día de hoxe circulan sobre Hellen Keller e as súas diversidades non facían graza, senón que evidenciaban o maltrato e a crueldade social.

Que importante é educar ao público, non si?

 

i. Moulton Martson, W. “Why 100,000,000 Americans Read Comics”, The American Scholar. Vol. 13, No. 1. WINTER 1943-44.

Hellen Keller: A muller marabilla?, de Chévere

En escena: Patricia de Lorenzo, Chusa Pérez de Vallejo, Ángela Ibáñez
Dramaturxia e Dirección: Xron
Comunicación: Xana García
Espazo sonoro: Xacobe Martínez Antelo
Iluminación: Fidel Vázquez
Axudantía de dirección: Borja Fernández
Gráfica: Tristán Ron
Espazo audiovisual: Lucía Estévez
Espazo escénico: Nononon.lab
Vestiario: Uxía Vaello
Idea orixinal: Chusa Pérez de Vallejo
Creación: Chévere
Asesoramento e apoio en inclusión: Chusa Pérez de Vallejo
Asesoramento en lingua de signos: Ramón Costoya Lens
Adaptación a LSE: Ángela Ibáñez, Chusa Pérez de Vallejo
Programador subtítulos: Iñaki Ruiz
Prints: Antía Martín
Audiodescrición: Nieves García, Susana Longueira
Produdión e administración: Inés Portela

Unha coprodución de Chévere co Centro Dramático Nacional e o Teatre Lliure, con apoio da AGADIC/Xunta de Galicia e en colaboración co Centro Dramático Galego, Concello de Ames, ONCE e Sala Ártika de Vigo.

Vigocultura. Auditorio do Concello, Vigo. 9 de marzo de 2024.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe de Jacques Callot.

Nancy

Libre coma os Paxaros

A AAAG concédelle o Premio de Honra Marisa Soto a María Barcala