in

Teatro… es ti

Teatro es ti
First Row Orchestra, Edward Hopper

Teatro es ti, porque sen ti non hai teatro.

É a segunda persoa, o ti, a que funda a arte dramática.

A segunda persoa é a que xera a acción.

“Quérote!”

“Que che pasa hoxe?”

“Teño algo para ti”…

Sempre que aparece a segunda persoa na lingua, establécese unha relación. E toda relación implica uns roces, uns acordos, uns desacordos, un conflito, un movemento. Se hai relación, entón, acontece algo. Drama é acción. Algo ten que pasar.

Alén diso, a nós atráenos a arte. A arte dramática ou arte da acción.

A acción transcendida pola arte, polo oficio, polo artificio (a dedicación, a profesión, a atención ao detalle). Esa acción que se funda na relación, no ti, e que, como arte, é poesía e vai alén.

Pero que é poesía?

Aí non teño outro remedio que recorrer ao tópico do poeta romántico por antonomasia:

“Que é poesía? Dis mentres cravas

na miña pupila a túa pupila azul.


Publicidade

Que é poesía? E ti pregúntasmo?

Poesía… es ti.”

Gustavo Adolfo Bécquer, neste hit poético, ponse dramático, dirixíndose á segunda persoa, ao ti. E non só nos fala da poesía, senón do amor, ou sexa, do teatro. Porque o teatro é cousa de amor ou non é. Porque o teatro, como delata a etimoloxía, é cousa de cravar as pupilas noutras pupilas, é cousa da mirada, é o lugar da visión. Porque o teatro non é sen ti, sen a relación directa coa espectadora, co espectador. O teatro é conexión e poesía. Conexión poética.

Xa hai moitos anos que son profe de persoas, polo xeral persoas novas, que queren facer teatro. Non canso de insistirlles que estudar teatro non é como estudar unha carreira desas nas que o importante é a competitividade e o individualismo. Non agochedes os apuntamentos, colaborade, facede equipa, buscade cómplices, abride as portas de par en par… Ninguén pode facer teatro só! E dígollelo eu que son medio misántropo, por non dicir misántropo enteiro! Pero eu agora sou profe e non estou a facer teatro. Cando o fixen foi porque econtrei cómplices e cando o volva facer ha ser polo mesmo.

Non é figurado, non é unha metáfora, senón algo literal: ninguén fai teatro só. Escribir un texto teatral, por exemplo, pode ser unha parte do proceso, pero non é teatro. O teatro faise en comunidade, corpo a corpo.

O teatro é unha arte milenaria e resistente. Resistiu as Guerras Mundiais, resiste os gobernos que tentan retirarlle os medios e os espazos, resiste os poderes que o censuran. Non hai quen esgane nin afogue o teatro. El sempre vai estar aí porque é connatural ao ser humano. Isto é incontestable e sinto poñerme así de taxativo, pero é. Non hai civilización humana sen teatro e canto menos teatro, menos civilización e menos humanidade. De tal xeito que esta arte se transforma nun paradigmático medidor do grao de civilización e humanidade dun país ou dun ecosistema cultural. Se cadra é por iso que, sempre que se fala ou se teoriza sobre o teatro, se acaba por falar de valores éticos e da propia condición humana.

Penso que isto, fronte a outras artes como a literatura, pode deberse a que o teatro, ao depender directamente da comunidade, é unha praxe artística que require dos corpos, das vontades, dos espazos e dos medios. Require das relacións, de ti, e nelas os valores sempre se poñen en xogo.

Unha boa novela, un bo libro de poesía pode escribilo unha persoa culta soíña, cun bolígrafo barato e un papel, mentres ca un espectáculo teatral require dun espazo especial, dunha equipa artística e dun tempo de investigación e preparación, un tempo de dedicación no que coincida toda esa equipa. Por iso é tan difícil facer unha compañía de teatro, que se manteña e que chegue a estrear espectáculos, sobre todo cando os espazos públicos para as artes escénicas son poucos e están a meirande parte do tempo desocupados e pechados. A ver se chega un día no que sexamos capaces de abrir os teatros e auditorios das cidades galegas, non só un par de días á semana, senón toda a semana.

Mentres tanto, o teatro ha seguir resistindo e ha sobreporse á pandemia e á burremia, incluso ao estrangulador afán crematístico.

Sen ti non hai un eu. E sen teatro non hai un nós.

 

27 de marzo, Día Mundial do Teatro

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Evaristo Calvo

Evaristo Calvo asina o Manifesto Galego polo Día Mundial do Teatro

Janet Novás e Mercedes Peón

Janet Novás nomeada bailarina destacada do 2020 polos Premis de la Crítica d’Arts Escèniques de Catalunya