in

El buen hijo

El buen hijo
Imaxe de Alba Pasamontes

Todos os fillos son bos

Coñecín El buen hijo nas clases de interpretación con Sergio Macías durante os meus estudos de Dirección e Dramaturxia na ESAD de Galicia. O texto de Pilar G. Almansa é un texto duro, áspero, sen concesións, onde os termos vítima e agresor se confunden en moitos estratos, tanto na propia confrontación dos roles como no universo do individual. Poida que semelle manido, mais é de todo pertinente observar que antes que agresor, un é vítima e que a vítima, tamén, ten a súa parte de responsabilidade.

Por iso, non é nada doado achegarse a este texto e propoñer unha versión que fuxa dos clixés e dos prexuízos. A mostra que nos presenta Territorio Violeta, a través dos ollos de Cecilia Geijo (unha das creadoras de La Pitbull Teatro), é un exemplo: dende o primeiro momento ofrécensenos uns personaxes nos que sabemos (ou adiviñamos e logo certificamos) que o bo é bo e o malo, malo. Para min, esta é a maior eiva da proposta, xa que malia que se nos ofrezan os traumas dun home que non acepta o seu papel de agresor, ou a falta de coidado dunha muller, por despiste ou exceso de confianza (nela mesma, no sistema que debería tela protexido, no mesmo agresor que logo tentará violala), a peza non ofrece dobreces, non hai claroscuros nos que adiviñar as contradicións dos personaxes, nos que atopar unha dimensión humana de dúbida, pracer ou sadismo.

Así, a mesma escenografía representa esta frontalidade: un espazo baleiro, no que habitan catro cadeiras que, en si mesmas, lembran tanto ás reixas dos cárceres como ás cadeiras da pena de morte; tralo que se ergue un enorme enreixado metálico especificamente obvio na súa lembranza de prisión. Este enreixado é practicable e con el xogan os actores a cambiar dimensións escénicas e mesmo personaxes, mais fica polo demais desaproveitado en toda a súa enormidade: quedan sen usar os niveis medios e superiores, a súa lonxitude ou os ocos –grandes e pequenos – mais que coma portas, perdendo así a oportunidade de xogar os intérpretes co que está a acontecer no espazo de representación (diante das reixas), cando non están no mesmo.

Diante deste espazo, a area. Hai na proposta un xeito como de soltar aos reos na area para loitar contra as bestas. E certamente, as bestas aparecen, na pel dun home ao que lle vemos medrar a rabia por momentos, ou dunha muller á que lle acontece o mesmo co medo. Bestas sen misericordia, como o preso que agrediu á psicóloga, ou o seu avogado, ou a mesma nai, enferma terminal, do home do que agora estamos a presenciar o seu proceso.

Porque a peza é un proceso, un proceso de anagnórise na que un condenado por violación acode ás sesións coa psicóloga do centro, para avaliar a súa conduta e traballar no seu problema (un “problema grave de conduta sexual” afirma o dossier da compañía). Nestas sesións, Tirso ou o “Cachorro”, como o chaman os seus compañeiros de cela, chega a entender o que ata o momento negábase a aceptar: que efectivamente violou a unha muller. Que a súa denuncia non foi unha vinganza. Que o seu silencio e a súa pasividade durante o acto sexual non obedecían a un gusto polo mesmo, senón ao pánico pola posibilidade de perder a vida. Que o aceptar unha cea, ou subir ao seu coche, non eran aquiescencias ou seducións, senón falta de ferramentas para poder dicir “non”. Que, de feito, os ”non” que ela lle dixo, nin os escoitou. Estamos ante unha confrontación directa de moitos dos mitos do home heterosexual actual (e diría eu, que de tódolos homes independentemente do seu gusto íntimo). O problema, penso, non é tanto sobre o comportamento sexual en si, como a falta absoluta de escoita da persoa que está diante: unha incapacidade para recoñecer a humanidade dx outrx, porque non somos quen de recoñecer a nosa, de tanta dor, represión e impotencia acumulada. Así acontece que non se é quen de ver como un ser humano á muller que se ten diante, reducíndoa a un monte de tetas, coño e cu.

Son, precisamente, os momentos de confrontación directa entre o preso e a psicóloga encargada do caso (con antecedentes como vítima de violencia sexual por un outro preso) os mellor trazados nesta proposta, podendo saborear o proceso de análise e toma de conciencia do reo e o traballo polo miúdo, a atención plena da profesional. Nótase o asesoramento por parte dunha psicóloga profesional, especialista no eido, como Zulema Altamirano, Subdirectora de Tratamento do Centro Penitenciario de Madrid III (Valdemoro).


Publicidade

Con todo, a peza cae en repetidas ocasións en recursos de dubidoso gusto e eficacia, como o sinalamento directo a mulleres do público cando se nomean as outras supostas vítimas do preso, ou a alusión aos homes do público como posibles agresores sexuais. Se ben podo entender o propósito desta elección (salientar que todxs podemos ser vítimas e todxs podemos ser agresores), o certo é que non se ten en consideración a un público do que nada se sabe, para un asunto que pode ser resolto dende outros lugares menos ordinarios.

Non é, ao meu parecer, a única solución de éxito cuestionable. Especialmente confusos son os cambios de personaxe, rápidos e sen delimitar, que fan que non acabemos de entender que agora, os actores están a xogar outros papeis. Tampouco a música, unha selección de temas coñecidos que non achegan nada singular á trama, e que moitas veces soan por riba das voces dos intérpretes, aos que deixamos de escoitar. Isto acontece nun dos momentos clave da peza, como é a lectura do poema que o preso lle envía á súa psicóloga e que nos deixa o medo no corpo, coa dúbida de se este home está en verdade rehabilitado ou pola contra vaise converter no seu acosador. Este momento, unha lectura moi interesante do texto orixinal, queda a medias por unha música que o enxordece.

Con todo, o reparto entrégase por completo a este xogo de violencia, cunha Rosa Merás (recoñecible polo gran público grazas ás súas numerosas aparicións en series de TV) como a psicóloga que loita contra o seu propio monstro interior; e un Josu Eguskiza que toma o ingrato papel dese home desfeito e que non sabe relacionarse coas mulleres máis que a través da agresión. Eles dous serán quen interpreten tamén o resto de personaxes que aparecen na peza, de forma máis ou menos episódica.

Precisamente nesa entrega reside o feito de que o público acabe conmocionado, revolto no seu asento e reflexionando sobre o que acaba de ver.

El buen hijo, Territorio Violeta sobre un texto de Pilar G. Almansa

Dirección: Cecilia Geijo
Dramaturxia: Pilar G. Almansa
Reparto: Rosa Merás e Josu Eguskiza
Asesora: Zulema Altamirano
Espazo Escénico: Diego Ramos
Produción: Silvia Pereira e Rosa Merás
Iluminación e Son: Cristina Gómez
Espazo Sonoro: Pepe Bornás
Vestiario: Susana Cerro
Fotografía: Alba Pasamontes
Vídeo: Centro de Documentación Teatral Audiovisual Irene Curieses
Deseño Gráfico: Al Rodríguez
Unha coprodución Territorio Violeta e Clásicos Contemporáneos

Sala Ártika de Vigo. 21 de marzo de 2021.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Auditorio Municipal Ourense

Pérez Jácome pretende licitar a xestión privada do Auditorio Municipal de Ourense

Celestina

Celestina, la tragiclownmedia