in

Convocados os XXV Premios María Casares

Premios María Casares
Imaxe de Alberte Peiteavel

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) abriu o prazo de inscrición de espectáculos hoxe, luns 19 de abril, e pecharase o vindeiro 10 de maio ás 15.00 h. Poderán concorrer todos os espectáculos  en lingua galega estreados ao longo de 2020. Como novidade e para achegar maior flexibilidade, os espectáculos estreados no  primeiro trimestre de 2021 e  o último trimestre de 2019 que non se presentaran na edición anterior, tamén poderán inscribirse.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) convoca os XXV Premios de Teatro María Casares. O prazo de inscrición está aberto xa desde hoxe, 19 de abril, e pecharase o vindeiro 10 de maio. Nestas semanas, as compañías de teatro poderán inscribir os seus espectáculos, como tamén os/as profesionais que participan nos mesmos, nos galardóns de teatro, que neste 2021 chegan á súa vixésimo quinta edición. Poderán participar todos os espectáculos de teatro en lingua galega estreados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020.

Ademais, nesta atípica edición e para achegar maior flexibilidade ás bases, as obras estreadas no primeiro trimestre de 2021 e no último trimestre de 2019 que non concorreran xa aos premios na edición anterior, poderán participar na convocatoria deste 2021. Tras o prazo de inscrición, abrirase a primeira rolda de votacións para que o censo (conformado por preto de 450 persoas da profesión, entre asociados/as da AAAG, finalistas e gañadores/as de anos anteriores, programadores da Rede Galega de Teatros e Auditorios, críticos ou xornalistas culturais) escollan a relación de finalistas en cada un dos 14 apartados no que se dividen os Premios. Ao longo do verán, terá lugar a segunda quenda de votacións, da cal sairán os/as gañadores/as, que se darán a coñecer  o 9 de setembro nunha entrega que se celebrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña adaptándose ás medidas sanitarias que poidan estar vixentes nesa altura.


Publicidade

Os Premios de Teatro María Casares, organizados pola AAAG coa inestimable colaboración de entidades e institucións como a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE, o Padroado de Cultura do Concello de Narón ou Gadisa,  entregáronse por vez primeira en 1997 e dende aquela son o gran escaparate do teatro, así como a gran festa para todos os profesionais do sector. En total, os galardóns contan con 14 categorías: espectáculo, espectáculo infantil, actriz protagonista, actor protagonista, actriz secundaria, actor secundario, dirección, adaptación-tradución, texto orixinal, música orixinal, iluminación, escenografía,  maquillaxe e vestiario. Na entrega, lerase o Manifesto Galego no Día Mundial do teatro –que neste 2021 corre a cargo de Evaristo Calvo–  e recollerase o Premio de Honra Marisa  Soto.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Illas desertas

Illas desertas

FEGATEA

A FEGATEA recibe o Premio da Cultura Galega 2020