Trátase dunha rede de estancias de intercambio escénico, artístico e profesional entre Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi. Este proxecto de intercambio cultural terá lugar do 12 de setembro ao 10 de outubro en diferentes localidades das catro autonomías.
Camiño Escena Norte abriu o prazo para que as compañías se presenten ao programa “Cruzamentos” de intercambio escénico, artístico e profesional entre Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi. Trátase dunha estancia de intercambio en cada unha das autonomías participantes entre, polo menos, dúas compañías de diferente procedencia.
O obxectivo é crear un tecido de espazos cómplices ao longo das catro comunidades do proxecto, con sete sedes que posibilitan o encontro entre elas para conectar o traballo de creadores/as e compañías dos catro territorios, nos ámbitos da creación, a investigación, formación, coprodución e, en xeral, o intercambio profesional. As estancias terán unha duración máxima de 10 días.
Estas estancias terán lugar entre a segunda quincena de agosto e a primeira de setembro. O prazo para presentar unha proposta -a través da web do proxecto- remata o venres 28 de maio. Poderán presentarse á convocatoria de “Cruzamentos” calquera compañía de artes escénicas profesionais con domicilio social nalgunha das catro autonomías.
Os espazos que acubillarán estes intercambios son os seguintes:
- Galicia: Salón Teatro, Cidade da Cultura e Auditorio de Negreira.
- Asturias: Laboral Ciudad de la Cultura.
- Cantabria: Enclave Pronillo-Fundación Santander Creativa (Santander) e Teatro Municipal Concha Espina (Torrelavega).
- Euskadi: Centro de Innovación en Producción Escénica Harrobia Eskena (Bilbao).
Camiño Escena Norte 2021
Este ano, Camiño Escena Norte comprimirá a súa programación nun mes, entre o domingo 12 de setembro e o domingo 10 de outubro de 2021. Programaranse un mínimo de 8 funcións en Galicia, Asturias e Cantabria, e 4 funcións en Euskadi. Participarán compañías seleccionadas das catro autonomías que toman parte no proxecto que levarán a cabo un máximo de catro funciones cada unha. O programa constará dun mínimo de 8 espectáculos diferentes.
Camiño Escena Norte é un proxecto de intercambio cultural por medio das artes escénicas que pretende conectar a produción cultural do Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia tomando como referencia e fío condutor o percorrido dos Camiños a Santiago do Norte, trazados que poñen en contacto estes 4 territorios e sobre os que queremos crear un territorio cultural común, cunha relación fluída no intercambio e a relación cultural entre os nosos sectores escénicos que ata o de agora non existía.
É un proxecto promovido polas entidades profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria) e Eskena (Euskadi), unidas na supraentidade Camino Escena Norte Agrupación de Interés Económico, creada específicamente para o desenvolvemento deste proxecto.
Consulta na web https://escenanorte.com as bases deste programa