in

Canseira

Canseira
Scene in club lounge, Thomas Rowlandson (1798)

Non sei se é cansazo estacional ou que, nisto das artes escénicas, somos persoas multitarefa. O caso é que comeza a haber proliferación de actividades e case todo o mundo, cando lle preguntas que tal, responde: canso ou cansa.

Se cadra é que vimos de máis dun ano cun certo estancamento, por causa dos confinamentos, os peches perimetrais, as dificultades para encontrármonos e para poder actuar dun xeito un pouco fluído e despreocupado.

Se a cousa, desde a crise económica de 2010, estaba máis que difícil, case imposible e hiper precarizada, a crise sanitaria actual aínda veu a complicala e agravala máis aínda. Disto temos falado, do que non se fala tanto, quizais, é da canseira acumulada por todas as circunstancias.

Para o sector da danza, do circo, do teatro, sacar adiante unha produción e logo conseguir que chegue ao público, que se programe, se difunda e teña algunha repercusión, resultan un labor titánico. Ou un castigo, como o de Sísifo, veña a empurrar costa arriba.

Un sector que sobrevive grazas á autoexplotación, ao voluntariado, ao feito de facer varios traballos etc. De feito, a maioría das compañías de Galiza están formadas por parellas ou núcleos familiares, que garantan, alén do entendemento que se lles presupón, a explotación. Á túa parella ou a alguén do clan familiar podes deberlle cartos sen que te denuncie. Tamén podedes facer das tripas corazón e botar máis horas das que ten o ciclo solar. En Galiza se non tes parella (da profesión) é difícil que fagas teatro. Parece unha brincadeira, verdade?. Quizais o é. Non obstante, o outro día púxenme a facer unha lista das compañías e ganaban por goleada os negocios familiares, as parellas.


Publicidade

Alén destas cuestións, parellas ou non, é como se, no noso país, caese unha maldición sobre as persoas que se queren dedicar a isto. E, no entanto, sabemos que ningunha sociedade humana, que queira avanzar e acadar un certo benestar, pode prescindir da cultura e das artes escénicas.

Para sacar adiante un proxecto fai falta moita ilusión, unha equipa cómplice coas competencias artísticas e coa confianza necesarias. E fai falta verse, encontrarse, falar, ensaiar, probar, investigar, documentarse, moverse, viaxar, compartir momentos, ideas, obxectos, soños, equivocarse, fracasar… Tarefas que a crise sanitaria veu a arrefriar e a dificultar moito. E, por suposto, tamén a encarecer moito os procesos. Todo isto, o feito de controlar máis que nunca as distancias, as máscaras, etc., foi acumulando cansazo. Tamén que as cousas parecía que ían mudar e…

Agora, grazas á vacina, semella que comeza a haber unha certa relaxación e que todo comezan a fluír. Non obstante, a pandemia segue activa e nós querémoslle ganar a partida, unha vez máis, con sobre-esforzo. Imos ver onde chegamos.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Camiño Escena Norte

Nova Galega de Danza, Elefante Elegante e Tanxarina seleccionadas no Camiño Escena Norte

Programación do CDN

A próxima tempada do Centro Dramático Nacional terá acento galego