in

Nova Galega de Danza, Elefante Elegante e Tanxarina seleccionadas no Camiño Escena Norte

Camiño Escena Norte
'Dreaming Juliet , de Elefante Elegante. Imaxe de Cristina Astorgano

O programa de intercambio artístico e profesional entre Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, seleccionou os espectáculos de teatro e danza que actuarán en 32 recintos das catro comunidades autónomas entre o 12 de setembro e o 10 de outubro nesta terceira edición. O proxecto, que conta co apoio da Xunta de Galicia, inclúe o espazo de encontro e residencias Cruzamentos, do que formarán parte as compañías galegas Caramuxo Teatro, Pedras de Cartón, Ibuprofeno Teatro e Licenciada Sotelo.

Camiño Escena Norte afronta neste 2021 a súa edición máis ambiciosa. A iniciativa de intercambio artístico e profesional amplía nesta terceira tempada a súa programación coa incorporación de novas sedes e compañías, o que permitirá achegar as artes escénicas a un público cada vez máis amplo e diverso nas catro comunidades participantes: Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi.

As comisións profesionais de selección artística de Camiño Escena Norte, formadas por destacados xentes do sector de cada comunidade autónoma, xa escolleron as compañías e espectáculos que participarán nesta terceira edición no programa de exhibición, nomeado Itinerario Constelacións. No caso galego, as seleccionadas para levar os seus espectáculos a Asturias, Cantabria ou Euskadi son Elefante Elegante (con Dreaming Juliet), Tanxarina (A galiña azul) e Nova Galega de Danza (Leira).

Pola súa banda, as representantes asturianas son A66 Producciones (Abre el ojo), Meraki Cía (Amalgama) e Adrián Conde Espectáculos (Recuerdos); mentres que as cántabras son Anabel Díez Producciones (La casa de Bernarda Alba), Babirusa Danza (La naturaleza del silencio) e La Machina Teatro (Olivia y las plumas). Finalmente, Marie de Jongh (Ikimilikiliklik. Mi pequeña) e Ados Teatroa (Lloviendo ranas) son as compañías vascas seleccionadas este ano.

As funcións e actividades paralelas que conforman o Itinerario Constelacións desta terceira edición do Camiño Escena Norte, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), terán lugar entre o 12 de setembro e o 10 de outubro. Este ano o proxecto mantén as súas sedes habituais e incorpora novos espazos nas catro comunidades, ata acadar un total de 32 lugares de exhibición ao abeiro desta rede de produción escénica que se vertebra a través do territorio que percorre o Camiño do Norte.  Así, en Galicia, á rede conformada por Arzúa, Lugo, Mondoñedo, Negreira, Ribadeo, Santiago de Compostela, Sobrado dos Monxes e Vilalba, únese nesta edición Melide. Nas comunidades polas que tamén transcorre a ruta xacobea, súmanse espazos culturais das vilas de Pola de Lena, Potes e Eibar.

Desde xeito, o público galego poderá gozar ao vivo do teatro da danza producidas en Asturias, Cantabria e Euskadi en nove puntos: a Praza da Quintana e o Salón Teatro (Santiago de Compostela), a Praza da Catedral (Mondoñedo), o Auditorio Municipal Gustavo Freire (Lugo), o Auditorio Municipal Hernán Naval (Ribadeo), a Capela da Madanela (Arzúa), o Auditorio Municipal de Melide, o Auditorio Municipal Carmen Estévez (Vilalba) e o Mosteiro de Sobrado dos Monxes.

No caso cántabro, as sedes estableceranse en Santander, Laredo, Comillas, Orejo, Unquera, Potes, Santoña, Torrelavega e Castro Urdiales. En Asturias, Camiño Escena Norte desenvolverase en Ribadesella, Grado, Xixón, Oviedo, Navia, Pola de Lena, Llanes, Villaviciosa e Mieres. Finalmente, en Euskadi os espazos de exhibición estarán en Arratzu, Forua, Hondarribia, Mutriku e Eibar.

Programa de residencias Cruzamentos

Ademais das representacións con público, unha das características máis salientables de Camiño Escena Norte é a realización de Cruzamentos, un programa de intercambio escénico, artístico e profesional, a través de residencias, que promove a creación, investigación e formación escénica. Á vez, a iniciativa favorece a xeración e fortalecemento dun tecido de espazos cómplices entre Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi que conecten o traballo de creadores e compañías dos catro territorios.

Neste 2021 desenvolveranse catro residencias, unha en cada comunidade participante, e cadanseu intercambio contará cun mínimo de dúas compañías de diferente orixe. O programa de encontros, que se desenvolverá entre a segunda quincena de agosto e as dúas primeiras semanas de setembro, celebrarase en sete sedes diferentes. No caso de Galicia, os espazos nos que se darán os intercambios serán a Cidade da Cultura e o Auditorio de Negreira.


Publicidade

As propostas seleccionadas pola Comisión Profesional de Camiño Escena Norte para o intercambio, no caso galego, son Licenciada Sotelo, Ibuprofeno Teatro, Caramuxo Teatro e Pedras de Cartón. A relación de Cruzamentos é a seguinte:

Galicia | Cidade da Cultura e Auditorio de Negreira
Licenciada Sotelo (Galicia) e Babirusa Danza (Cantabria).

Investigación arredor do proxecto Mortais e vulnerables.

Asturias | Laboral Ciudad de la Cultura (Xixón)
Saltantes Teatro
e Luz de Gas Teatro (Asturias) e Ibuprofeno Teatro (Galicia)

Traballo arredor do proxecto Tejiendo cordura con hebras de locura.

Cantabria | Enclave Pronillo-Fundación Santander Creativa (Santander) e Teatro Municipal Concha Espina (Torrelavega)
Zig Zag Danza
(Asturias) e Escena Miriñaque (Cantabria)

Desenvolvemento do proxecto para a primera infancia Mímesis.

Euskadi | Centro de Innovación en Producción Escénica Harrobia Eskena (Bilbao)

Caramuxo Teatro e Pedras de Cartón (Galicia) e Marie de Jongh e Teatro Paraíso (Euskadi).
Estudo sobre dous proxectos: Crisálida e Lázaro de Tormes

Camiño Escena Norte

Camiño Escena Norte é un proxecto cultural promovido polas entidades profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria) e Eskena (País Vasco). Todas elas conforman a supraentidade Camino Escena Norte Agrupación de Interés Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto.

Camiño Escena Norte promove desde 2019 o encontro entre profesionais no ámbito das artes escénicas que desenvolven o seu labor nos territorios vertebrados por un simbólico itinerario de produción escénica que toma como referencia os vieiros que conforman o Camiño de Santiago do Norte. A base desta proposta é unha intensa programación escénica que se expande á fin de promover sinerxías, encontros co público e a reflexión no propio sector; ademais de  pór en valor a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes das producións galega, asturiana, cántabra e vasca.

A iniciativa conta co apoio económico de gobernos e institucións das catro comunidades autónomas implicadas, así como do Goberno de España a través do Ministerio de Cultura e Deporte e do INAEM. En Galicia, Camiño Escena Norte conta co apoio destacado da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, ademais da Fundación SGAE, a Deputación de Lugo, a Deputación da Coruña e o Concello de Lugo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Teorema

Teorema

Canseira

Canseira