Co obxectivo de estimular a escrita teatral e promover tanto a súa tradución como a súa difusión nos diferentes territorios que configuran a Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador (PLATTA), convócase o III Premio PLATTA de Teatro Breve en portugués. O prazo de admisión dos orixinais remata o 20 de agosto de 2021.
Un ano máis, a Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador (PLATTA), convoca o Premio PLATTA de Teatro Breve en portugués.
Bases
PRIMEIRO
O Premio PLATTA de Teatro Breve estruturase ao longo do ano en tres certames que se corresponden coa lingua do territorio que acolle cada un dos festivais transfronteirizos:
– Premio PLATTA de Teatro Breve, de Castilla y León (castelán).
– Premio PLATTA de Teatro Breve, de Galicia (galego).
– Prémio PLATTA de Peças Curtas de Teatro, de Portugal (portugués).
SEGUNDO
O III PREMIO PLATTA DE PEÇAS CURTAS DE TEATRO–PORTUGAL está aberto a todas as persoas interesadas coa única condición de presentaren o seu traballo en portugués.
TERCEIRO
As obras, de temática libre, serán completamente inéditas e terán unha extensión de 5 a 10 páxinas. O material deberá enviarse por correo electrónico [email protected] en formato PDF (DIN A4, letra Times New Roman 12) e con marxes de 3 cm (superior e inferior, dereita e esquerda). O texto levará no seu inicio o TÍTULO, que aparecerá tamén no asunto do correo. Do mesmo xeito, noutro correo electrónico que levará como asunto TÍTULO DO TEXTO – AUTORÍA, xuntarase un documento no que figure o TÍTULO e AUTORÍA (nome, apelidos, enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico).
CUARTO
O prazo de admisión dos orixinais para a presente convocatoria remata o 20 de agosto de 2021.
QUINTO
O texto gañador será levado á escena nos obradoiros de lecturas dramatizadas en tres linguas que se desenvolven dentro do programa do II Festival Transfronteirizo de Teatro Amador de Viana do Castelo. A peza gañadora será publicada en tres linguas nos Cadernos PLATTA da erregueté | Revista Galega de Teatro. Cada autor ou autora premiada será agasallado con 15 exemplares do caderno e un diploma acreditativo.
SEXTO
O xurado estará formado por un secretario con voz e sen voto designado pola organización e tres persoas relacionadas co mundo teatral. A composición do xurado farase pública no momento de se producir o seu ditame. O xurado actuará en pleno, en sesión única e o seu ditame será inapelable.
SÉTIMO
O xurado terá de prazo 10 días útiles a contar desde o peche de cada un dos prazos para comunicar a súa decisión, que se dará a coñecer á prensa e aos premiados.
OITAVO
A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.