A XLIII Mostra de Teatro Galego de Cariño celebrarase do 8 ao 20 de agosto e contará con compañías teatrais de público infantil e adulto que actuarán durante dúas semanas en diferentes espazos do municipio.
O día inaugural da Mostra de Cariño, domingo 8 de agosto, Barafunda Animación representará Barcos de Ortegal, outra creación específica da compañía para Cariño que comezará a partir das 12:30 horas de modo itinerante polas rúas do municipio acompañados polos músicos de Os Bregadiers. Ás 20:30 horas terá lugar o acto oficial de presentación na Praza do Campín, no que se entregará o premio do público e o premio do público infantil da pasada edición a Companhia Chapitô e a súa obra Electra e a Teatro do Andamio con O sal do mar e outros contos mariñeiros. Ademais, como colofón, Nova Galega de Danza porá sobre as táboas o seu espectáculo Leira.
A primeira semana estará dedicada ao teatro infantil e para toda a familia. No Auditorio e sempre ás 12 horas representaranse Carapuchiña non faiado de Teatro do Andamio o 9 de agosto; Voa, voa de Talía Teatro o 10 de agosto; Ningures de Teatro Ó Cubo o 11 de agosto; Rubicundo de Teatro Ghazafelhos o 12 de agosto e Quixote de Pedras de Cartón o 13 de agosto.
O teatro na rúa chegará á Praza do Campín o 14 de agosto; ás 12 horas a multipremiada Só de Xampatito Pato e ás 20:30 horas Emportats de La Trócola Circ; e o 15 de agosto ás 13:15 horas con Eu cociño, ti cociñas? de Mamá Cabra e ás 20:30 horas o Rock Cirk de Rolabola chegará á pista polideportiva da Pedra.
Ademais, o xoves 12 de agosto a partir das 20:30 horas o poeta cariñés Paulo Mestre, gañador do Slam Poetry Compostela 2019 presentará o seu traballo Ritual poético do fauno do orballo na praza do Campín e o domingo 15 de agosto Troula Animación desfilará polas rúas do municipio con O estrano caso do dentista dá rúa Brasov.
A segunda semana centrarase no teatro adulto. No Auditorio Municipal e sempre ás 22:15 horas representaranse o 16 de agosto SÓS de Malasombra Producións, o 17 de agosto O mozo da última fila de Redrum Teatro, o 18 de agosto A lingua das bolboretas, o 19 de agosto Napoleão ou ou Complexo de Épico da Companhia do Chapitô e a clausúra o 20 de agosto correrá a cargo de Culturactiva Producións coa súa obra Conexión Pingüín.