in

O Festaclown regresa un ano máis con clown e circo ás rúas de Vilagarcía

Festiclown Vilagarcía

O Festaclown 2021 converterá Vilagarcía, un ano máis, na capital galega do clown e das risas do 16 ao 21 de agosto. 

As protagonistas do Festaclown serán as compañías galegas: Pedras de Cartón, Circo Chosco, Dani García, A Vela Circo, Sue Moreno ou Assircópatas. Completan a programación grandes nomes a nivel estatal e internacional como Tchyminigagua, Bergamotto Clown, Mayte Guevara, Rudi Dudi ou Eddy Eighty.

“Tras máis dun ano marcado pola covid, que volvan o clown, o circo e a cultura é agora máis necesario que nunca. Non sabemos se a risa é a mellor medicina, pero sen dúbida demostrou ser imprescindible para resistir”, afirma Nacho Fungueiriño, coordinador do Festaclown.

O compromiso social segue sendo o signo distintivo do Festaclown, como sinalan desde a organización, contando con actividades como o CheckPoint Clown de Pallasos en Rebeldía ou os espectáculos de narración oral pola igualdade e a diversidade, a cargo de Larraitz Urruzola e Xarope Tulú.

Para ir quecendo motores o 12 de agosto comezarán as actividades previas. Ese mesmo día terá lugar a celebración dos 20 anos de clown de Fran Rei e Pedro Brandariz cunha escolma dos seus mellores momentos cómicos. O día 13 o grupo de teatro Clámide celebrará os seus 40 anos de historia co seu particular Enfermo Imaxinario e o día 16 as rúas de Vilagarcía encheranse de ambiente e música con Troula e Somdolilá.


Publicidade

Vinte anos de historia

O Festiclown comezou sendo un soño de Iván Prado no ano 1999 dentro do Cultura Quente de Caldas, e que de vagar materializouse nun Festival Internacional de Clown que 20 anos despois acabou sendo referente internacional do circo comprometido. Hoxe é o único festival de clown que leva a risa, a rebeldía e a esperanza a distintos puntos do globo, un festival vivo e nómada que está onde o precisan.

Segundo os seus organizadores, Festiclown é unha forma de ser e de entender o mundo a través do clown, unha escola onde ensinar e onde aprender. É unha referencia global do humor solidario que ten deixado pousos en Galicia, Asturias, Madrid, Catalunya, Río de Janeiro, Bogotá, Wirikuta, Santa Catarina, Rio grande do Sul, Kariris Xocó e Palestina, onde se celebrou o primeiro festival de circo do mundo árabe e que xa vai pola V edición.

O Festiclow levou a risa ás rúas, a hospitais, teatros, campos de refuxiados, comunidades indíxenas, favelas.. Máis de 500 artistas teñen actuado no festival e uns 2.000 formáronse no mesmo.

Programación do Festaclown de Vilagarcía

Programación Festaclown Vilagarcía 2021

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Quixote de Pedras de Cartón

A Mostra de Cariño 2021 encherá a vila con teatro infantil e adulto durante dúas semanas

XVII Gala Manicómicos

O Festival Manicómicos cumpre vinte edicións enchendo de bo humor A Coruña