A XXII edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo) desenvolverá máis de 40 actividades do 1 ao 5 de setembro a cargo de 25 compañías de variada procedencia. Unha cita ineludible para encher de luz, música e monicreques á vila dos viadutos, logo de dous anos de pandemia, no que Redondela volve situarse na vangarda internacional dos festivais teatrais, tal e como sinalou Luis Crespo, director do FIT, na presentación en rolda de prensa, acompañado do Concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa; o director da Axencia Galega das industrias Culturais, Jacobo Sutil; a deputada provincial de Cultura e Igualdade, María Victoria Moreno, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.
A situación epidemiolóxica obrigou a retrasar as datas do Festival, que conta cun protocolo de seguridade sanitaria, polo que será preciso retirar entrada para todas as funcións, tanto de sala como para as de rúa. Este ano volverán os tradicionais espectáculos itinerantes, que estarán sempre en movemento para evitar aglomeracións e para os que a organización pide acudir con máscara e en grupos de convivintes.
A billeteira para os espectáculos de sala abrirá dende este mércores ao venres, en horario de 10:00h a 13:00h, e tamén a vindeira semana de luns a venres, cun prezo único de 5€. Estará ubicada no Multiusos da Xunqueira.
Para as propostas de rúa, con aforo limitado e numerado, co patio de butacas organizado por núcleos de convivencia respectando as distancias de seguridade, tamén será preciso mercar entrada, cun prezo simbólico de 1€, no mostrador do Multiusos, de mércores a venres desta semana e de luns a venres da vindeira, en horario de 10:00h a 14:00h, e os venres de 17:000h a 20:00h. No mesmo horario, nos exteriores do recinto, poranse á venda as tradicionais camisolas e chapas desta edición do Festival, cuxa personaxe rende homenaxe ao títere de cachiporra.
Programación de sala
A programación de sala dará comezo o mércores 1 de setembro ás 20:00h coa obra Fábulas da montaña, unha proposta que combina varias técnicas de manipulación e música ao vivo no que a vasco-galega Larraitz Urruzola fai un repaso polos contos que Concepción Arenal escribiu trala morte do seu pai. O xoves, no mesmo auditorio do Multiusos da Xunqueira e á mesma hora, Moving Compass escenificará a historia da meiga Gaia Baba, e o venres será a quenda dos valencianos de Bambalina Teatre Practicable, coa súa particular versión do Quijote.
Os franceses de Teatro Saco de Huesos protagonizarán a fin de semana coa pre-estrea de Edgar, que poderá verse no auditorio o sábado ás 20h e o domingo ás 19:00h. Nesta montaxe, a compañía fundada por Ángel Navarro inspírase no universo de Edgar Allan Poe nos seus últimos anos de vida para percorrer as rúas dunha Nova York chea de sombras.
Monicreques e música nas rúas dende o xoves
A partir do xoves, 2 de setembro, as rúas da vila volverán a encherse do mellor teatro de monicreques con dúas funcións a cargo de Tanxarina e os rusos de The Fifth Wheel. O escenario do Salgueiral acollerá o Titiricircus da premiada compañía redondelá ás 18:00h, mentres que no Paseo da Xunqueira poderá desfrutarse do Cabaret sobre fíos ás 19:00h. Esta montaxe, onde os números musicais vanse sucedendo como se dunha viaxe se tratase, propón un fermoso percorrido polo mundo e a súa diversidade, e poderá verse tamén o venres ás 18:00h no mesmo emprazamento. Alauda Teatro, de Castela e León, comezará unha hora máis tarde, ás 19:00h, con Cristóbal Purchinela no Salgueiral.
Xa o sábado e domingo, os días fortes do Festival, as principais prazas da vila ateigaranse de monicreques e música cunha multiprogramación, en espazos e horarios, cos espectáculos de Mircromina Teatro de Títeres, Alauda Teatro, Le Guignol Orthopédique, Uxía Lambona e Banda Molona, Les Grandes Personnes, Educateatro, Opakark, Turre´s Band, Spaghetti Títeres, Cachirulo Títeres, Cazando Gamusinos Teatro, As Efémeras, Paporrubio Cía, Los Dixie Kings e a Fanfarria Taquikardia.
Intervencións urbanas a cargo de Cachirulo e Peus de Porc
Redondela volverá ser un escaparate coa exposición ’35 anos de Títeres Cachirulo’, que sae da sala do Multiusos para invandir, coas creacións da súa traxectoria, as fachadas do comercio local. Os locais colaboradores, acollerán as pezas museísticas desta senlleira compañía dende este venres.
Xa na fin de semana do festival, o sábado 4 e domingo 5 de setembro, a compañía catalana Peus de Porc instalará os seus Retablos Mecánicos na Praza do Concello. Unha intervención urbana na que o publico poderá descubrir as diferentes rutinas inspiradas no teatro tradicional de monicreques manipulando as distintas escenas mediante pancas e botóns.
O que si non terá lugar, debido á situación sanitaria e para evitar aglomeracións, é o Mercadinho Titiriteiro e a programación Off de Títeres pola Gorra.
Consulta a programación completa do Festival de Títeres de Redondela de 2021.