in

Serva me, servabo te

Serva me, servabo te
Imaxe de Miramemira

Unha viaxe sensorial

Ás veces hai que ir máis alá para poder atoparnos no mesmo lugar que estabamos, distintas nós e distinto el, despois da viaxe, ou despois do noso novo xeito de ollar. Texturas e densidades, calidades e velocidades, veladuras, superposicións…; a última produción do Centro Dramático Galego, Serva me, servabo te, é unha peza que se encadra dentro das artes do movemento e que aposta pola forza sensorial da escena para atrapar a atención da persoa espectadora. Belén Bouzas, Fran Martínez e Diego M. Buceta asinan a dirección e a dramaturxia dunha montaxe que mantén a poética de Pálido Domingo na construción dun espazo simbólico que busca rachar cos límites do espazo e do tempo. Os tres forman parte tamén do elenco, que completan Olga Cameselle, Bal Castro, Raquel Crespo, María Llanderas e Cris Vilariño.

Serva me, servabo te é unha peza intensa e, ao tempo, unha peza demorada. Unha peza de tensións que se van desenvolvendo paseniño, paseniño, ata que baten, como dous trens, nesa viaxe que nos leva a outro plano, outra dimensión, dende esa fenda aberta pola que sae fume coa que comeza a peza, e pola que podemos coarnos, se decidimos reducir a actividade acelerada da mente e entrar no xogo que se nos propón. Serva me, servabo te, ao igual que Non hai que ser unha casa para ter pantasmas, convida a unha atención case meditativa. Non hai unha historia; non hai estímulos fáciles: hai movementos e accións que van provocando unha miríade de imaxes e sensacións.

Corpos espectrais que se moven a cámara lenta, velados; nos que se pousan ecos doutros corpos que con eles se cruzaron algunha vez, noutro lugar, noutro tempo. Figuras que pasan dunha dimensión á outra e que, pouco a pouco, van tomando consciencia de onde están e con quen están e se van relacionando; como poden, como saben, como lles deixan. Ás veces queren quererse e acaban por baterse, e outras queren baterse e rematan abrazándose; en ocasións queren afastarse e fuxir uns dos outros e, noutras, buscan, de xeito desesperado, entrar nos outros corpos, indo máis aló dos límites físicos.


Publicidade

Serva me, servabo te é unha peza sobre os afectos e sobre a violencia; pero non queda só nunha loita de opostos, senón que sabe moi ben xogar cos matices de todas as gamas intermedias. É un conxunto de corpos que viaxan por diferentes estados para encontrárense a eles mesmos e para encontrárense entre eles, cargados de verdade grazas á entrega e dedicación do elenco; levándonos por ese espazo desolado que se vai cargando ata que descarga na treboada e unha chuvia mol lava todo.

Ademais, na montaxe destaca o xeito en que o resto de elementos do dispositivo escénico (vestiario, iluminación, escenografía, proxeccións, música…) fan tamén esa viaxe, nunha conxunción que conecta directamente co título (axúdame, axudareite).

Dirección e dramaturxia: Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez
Elenco: Belén Bouzas, Olga Cameselle, Bal Castro, Raquel Crespo, María Llanderas, Diego M. Buceta, Fran Martínez, Cris Vilariño

Equipo artístico:
Escenografía: Laura Iturralde e Carmen Triñanes
Vestiario: Xoel Álvarez
Iluminación e videocreación: Laura Iturralde
Dirección musical: Xavier Bértolo
Asistencia coreográfica: Roberta Ferrara
Asistencia de dirección: AveLina Pérez
Asistencia de produción: Xandre Vázquez

Realizacións:
Escenografía e utilería: Equipo técnico do CDG
Vestiario: Equipo técnico do CDG
Coordinación e corrección de textos: Rosa Moledo
Fotografías e vídeos: Miramemira
Deseño gráfico: Trisquelia

Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva

Actriz, creadora escénica multidisciplinar e dramaturga; é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, licenciada en Xornalismo pola USC e doutora en Comunicación pola UVigo. Desenvolve tamén diferentes actividades de investigación, difusión e mediación cultural; entre elas están levar a sección de artes escénicas no Diario Cultural Zeta da Radio Galega e a subdirección da Erregueté.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

O Museo como performance

O museo como performance

Estrea ECO 1 |

O CDG e AveLina Pérez estrean ‘ECO’, unha peza inspirada nas mensaxes que deixaron os presos da Guerra Civil no Mosteiro de Oia