Os Premios Max das Artes Escénicas, organizados pola Fundación SGAE, celebraron esta tarde a súa XXIV edición no Teatro Arriaga de Bilbao , na que o bailarín galego Iván Villar obtivo o Premio Max ao Mellor Intérprete Masculino de Danza polo espectáculo Leira, de Nova Galega de Danza. A peza competía tamén ao Premio Max ao Mellor Espectáculo de Danza.
Leira xa fora distinguido, na 36ª edición da MIT de Ribadavia, co Premio do Público ao mellor espectáculo, compartido ex aequo xunto a Hoy puede ser mi gran noche, de Teatro en Vilo.
Leira
O corpo e a terra fortalecen os seus lazos nun espectáculo que nos transporta á dura beleza do traballo no campo. A muller no centro desta conexión telúrica; día e noite, día tras día repetidos nunha inesgotable sucesión de estacións. O sol e a choiva, o vento xeado, as paraxes do clima cru habitados só por unha coreografía humana que baila entre os regos arados da terra. Leira é, tamén, unha alegoría do traballo realizado coas mans, coa valentía do corpo a corpo. A celebración dunha Galicia intemporal e máxica.