in

Déjà vu

Deja vu 1 |
Imaxe de Rosinha Rojo

Fuxida onírica

Cando os días se suceden, todos iguais, presos da rutina; ás veces, a única saída para fuxir da loucura é abrazar o surrealismo ou mesmo o absurdo, pero tamén imaxinar o que cremos imposible e quereriamos ter ou o ser. Soñarse outra, non só pola noite senón tamén durante o día; pechar os ollos por un momento ao fastío da realidade que nos consome.

Déjà vu, da compañía Manolo Alcántara, que gañou este ano o Premio do público da MIT de Ribadavia (xunto con Cris, pequeña valiente, da compañía El Espejo Negro), e que volve este outono a Galicia (estivo hoxe no FIOT e vai estar o 30 de outubro en Vigo, dentro da programación Vigocultura, e 28 de novembro en Santiago de Compostela…) é unha peza de teatro físico que emprega elementos circenses e na que destacan as accións físicas precisas pero cunha fondura poética, que conectan e xogan coa escenografía e os obxectos, nun delicado diálogo onírico. De feito, en Déjà vu sobresae tamén a escenografía, cunha elaboración artesá coidada ata o último detalle, quen de levarnos a esa oficina chea de arquivadores que se converten en portas e labirintos e se transforman continuamente para manter a ilusión.

Por outra banda, todo iso se combina co diálogo cos obxectos (coa cama-balancín, coa lámpada…) e coa presenza da música en directo (a través da versatilidade de Laia Rius como cantante, violinista e compositora), que contribúen a ese xogo bañado de melancolía entre os dous planos de realidade.


Publicidade

A artesanía non só está presente na escenografía, senón tamén dentro da propia dramaturxia, como na inclusión da confección do traxe en escena, e hai un xogo continuo cos elementos do dispositivo escénico: o xogo de espello entre os dous actores, a parodia das rutinas propias da burocracia, o xogo físico cos caixóns e portas, que abren, que pechan, que deixan caer, que absorben, que expulsan, que xiran…  Ademais, a duplicidade non só se dá nos actores, senón tamén coas marionetas, e búscase o contraste de escalas, como na marioneta miniatura do actor e no sombreiro xigante.

Soñámonos outras pero a clave está en que decidimos facer cando volvemos abrir os ollos.

Déjà vu

Idea, creación e dirección: Manolo Alcántara
Composición musical e arranxos: Laia Rius
Intérpretes: Laia Rius, Manolo Alcántara e Andreu Sans/Silvia Compte
Soporte intérpretes: Joan Trilla
Deseño iluminación e son: Ivan Tomasevic
Técnico luz e son: Ivan Tomasevic/Pep Arumí
Deseño e construción marioneta: Toni Zafra
Vestiario: Rosa Solé
Attrezzo e acabados pictóricos: Xavi Erra
Deseño escenografía: Manolo Alcántara
Construción escenografía: Eduardo Fernández e Cia. Manolo Alcántara
Produción musical: Pep Pascual e Laia Rius
Enxeñeiro de son, mesturas e máster: Pep Pascual
Xestión e produción: Clàudia Saez

Distribución nacional: Portal71
Distribución internacional: Alapista
Produción: Cia. Manolo Alcántara
Soporte á produción: Alfred Fort e Clàudia Saez para La Destil·leria
Coprodución: Grec Festival de Barcelona
Soporte: ICEC-Generalitat de Catalunya, INAEM e o Institut Ramon Llull.
Coa colaboración de: Teatre Principal de Olot, Teatres en Xarxa, Teatre Núria Espert de Sant Andreu de la Barca, Teatre Clavé de Tordera, Teatre Bartrina de Reus, Social Antzokia de Basauri e Teatro-Circo de Murcia

MIT de Ribadavia. 25 de xullo de 2021.

Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva

Actriz, creadora escénica multidisciplinar e dramaturga; é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, licenciada en Xornalismo pola USC e doutora en Comunicación pola UVigo. Desenvolve tamén diferentes actividades de investigación, difusión e mediación cultural; entre elas están levar a sección de artes escénicas no Diario Cultural Zeta da Radio Galega e a subdirección da Erregueté.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

front view books with glasses |

Convocado o VIII Premio de Textos Teatrais Varela Buxán

Ivan Villar Mejor Interprete Masculino de Danza Premios Max |

Iván Villar gaña o Premio Max ao Mellor Intérprete Masculino de Danza por ‘Leira’, de Nova Galega de Danza