in , ,

Comeza a V edición do Metro Cadrado no FIOT de Carballo

Metro Cadrado
Creación propia

A mostra das pezas finalistas da V edición do Certame de Microescenas Metro Cadro do FIOT comeza mañá e continuará os sábados 16 e 23 de outubro, en diferentes espazos non convencionais do Concello de Carballo.

Mañá, día 9, abrirán a mostra A/O pesar do tempo, de David Rodas González, na Ponte do San Martiño, e Des-abonar, de Arroutadas (con Lydia Prada e Mario Rodríguez López), no Horto urbano (rúa Nardos, s/n).

O sábado 16 poderán verse Na sombra, unha árbore, de Ana Abad de Larriva, na Biblioteca Rego da Balsa, e Os crocodilos son bichos extremadamente vaidosos, de Núñez & Is (Jimmy Núñez e Ernesto Is), na cafetaría do Xardín Municipal.

E, por último, o sábado 23, será a quenda da peza A miña casa é un palco de música, de Sara Guerrero, no palco da música do Parque do Anllóns; e de OldPlay, de Antón Coucheiro, no parque infantil no Parque do Anllóns.

Todas as pezas son estreas absolutas e de todas haberá catro pases (un ás 12.30 horas, outro ás 13.30, outro ás 18.00 e outro ás 19.00), e é preciso reservar previamente a praza no escribindo ao enderezo de correo electrónico [email protected] (indicando nome do espectáculo, horario, nome e apelidos do espectador e teléfono de contacto). Tanto na web do FIOT como no programa de man desta 30ª edición do FIOT pódese consultar a información detallada de cada peza.


Publicidade

Logo o público asistente poderá votar para escoller a mellor interpretación e o mellor espectáculo.

Cinco anos de microteatro

O Certame de Micro-escenas Metro Cadrado nace ao abeiro do FIOT como unha proposta específica do festival de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes. Á vez que se difunde e visibiliza o seu traballo, as artistas son quen de xerar, no marco dun festival, novas experiencias teatrais en contextos non habituais para a representación escénica.

Ao longo destes cinco anos, Metro Cadrado acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (180) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese de creadores e creadoras de múltiples perfís  (tanto de creadores individuais, coma de equipos integrados por 3-5 persoas), da veciñanza e mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

The witch de Diana Sieira

Diana Sieira estrea ‘The Witch: un espectáculo ritual’ na Coruña

Galicreques

A 26ª edición do Festival Galicreques recupera o seu cariz máis internacional