in

Diana Sieira estrea ‘The Witch: un espectáculo ritual’ na Coruña

The witch de Diana Sieira
Foto: Iván Castro

A cita é este venres 8 de outubro, ás 20.30 horas, no Fórum Metropolitano da cidade herculina.

Diana Sieira presenta hoxe The Witch: un espectáculo ritual na Coruña. A montaxe, que conta a historia dunha das miles de mulleres acusadas por bruxería na Idade Media, preséntase no Fórum Metropolitano ás 20.30 horas despois de pasar polo programa Residencias Cruzadas do Centro Dramático Galego (CDG).

A través dunha dramaturxia fragmentaria, Sieira relata en escena, desde a comedia e a farsa, a historia da caza de bruxas en Europa. Esta menciñeira, ocupada entre plantas e ungüentos, agarda polo seu xuízo mentres o público realiza pequenos rituais desde o patio de butacas antes de decidir a sorte final da muller: queremos queimar á bruxa ou desexamos a súa liberación?


Publicidade

Diana Sieira, ademais da interpretación, desenvolve a dramaturxia e a dirección de The Witch. Completan o equipo deste ritual escénico, Germán Gundín na iluminación, Natalia ‘Pajarito’ na axudantía de dirección, Isa Vila na videocreación e a gráfica, Ezra Moreno na escenografía, Anahí Taraburelli no vestiario e Nacho Martín no espazo sonoro. Os intérpretes Manuel Lourenzo e Marita Martínez prestan, tamén, as súas voces na montaxe.

The Witch

The Witch é unha invocación aos elementos. Unha palabra máxica. Unha liberación. Un espectáculo ritual que convida ao público a vivilo. Dentro, Ela-Actriz, Ela-Menciñeira e Ela-Witch entrelazan as súas historias a través da palabra, a imaxe e a acción para rematar nunha danza catárquica que as levará á fogueira (ou non). Pois as tres son unha. E unha son as tres. A Inquisición observa, pero neste ritual, o público é soberano.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

PLATTA

Arranca o Festival Transfronteiriço de Teatro Amador – PLATTA en Viana do Castelo

Metro Cadrado

Comeza a V edición do Metro Cadrado no FIOT de Carballo