in

Cariño

ALBERTE BELLO 04 scaled |
'Cariño', de VAIEMBORA. Imaxe de Alberte Bello.

A danza do bisonte

Cariño é o primeiro espectáculo de Vaiembora, unha nova compañía que xorde na ESAD de Galicia e que ten toda a pinta de quedarse durante uns anos no panorama teatral galego.

Durante pouco máis dunha hora, Grial Montes defende vitoriosa un monólogo sobre a violencia de xénero que está baseado nun relato de Montse Fajardo. A actriz encarna a voz de Sara, unha vítima do bullying e do control da súa parella, empregando o relato como fío condutor e camiñando pola delgada liña do posdramático.

Grial arrástrase polo chan de terra, baila, transita entre a luz e as sombras, xoga co equilibro, ri e chora. Sentada no chan, fronte ao público, ábrese ao drama dunha Sara que conseguiu fuxir dos seus males grazas á danza. Como a Sara da historia, Grial tece unha comparativa cunha relación tóxica do seu pasado nun efecto espello que remata por encoller ao público.

A dirección e dramaturxia de Diego Chamizo apunta o camiño polo que quere transitar a peza e non sempre o consegue. Ao meu modo de ver, a obra adoece nalgúns momentos de maior ritmo e definición que xere contraste entre escenas, principalmente, no xogo de traballo físico e de danza. As distintas coreografías que compoñen Cariño, pese a súa beleza, non se levan ao máximo e non rematan por chegar ao seu clímax. A proposta entra nunha enerxía constante, ás veces un pouco etérea, que non axuda a que a interpretación se poida beneficiar do estado físico que o propio traballo de movemento xera na respiración e tamén na emoción. Por que non apoiarse na extenuación física que xera a danza para chegar á emoción que ás veces ten que forzar a actriz?


Publicidade

Estes son pequenos matices que deben apuntalar dende a dirección e que non desmerecen a proposta, que é fermosa e sinxela. Compre destacar momentos que achegan o público a unha realidade máis recoñecible, como son o repaso ás letras das cancións de Teresa Rabal. Composicións musicais da infancia da xeración dos 70 e 80 repleta de tópicos machistas. É unha mágoa que non se afonde moito máis neste momento de osixenación pop, porque foi realmente marabilloso. Especialmente interesante é a danza do bisonte, unha imaxe empoderada da muller na que Grial baila cunha máscara étnica de forza simbolista.

O espazo escénico e a iluminación crean unha realidade plástica moi atada ao terreal. A terra, as árbores secas, o fume e a iluminación con luz rasante, compoñen un cadro pictórico de natureza morta. Semella un bodegón ou unha paisaxe erma de intranquilidade, pero tamén unha sorte de terrario onde a propia Sara-Grial-réptil non pode fuxir.

Desfrutei moito desta peza e aledeime de ver nacer unha compañía de xente nova que ten moitas cousas que contar. Porque en Cariño hai frío e calor, febleza e fortaleza, humor e drama, inocencia e ansias de comerse o mundo. Auguro que Cariño evolucionará e chegará a máis. A xente que conforma Vaiembora ten aínda moito que dicir no panorama teatral galego, veñen cheos de humildade, algo moi gustoso neste mundo de egos e malas miradas.

Cariño, Cía. Vaiembora

Texto orixinal: Montse Fajardo

Dramaturxia e dirección: Diego Chamizo

Interpretación: Grial Montes

Escenografía: Carmen Casal e María Torres

Iluminación: Violeta Martínez

Vestiario e deseño gráfico: David Vila

Coreografía e asistencia de interpretación: Sofía Rodal

Caracterización e asistencia de vestiario: Alberte Bello

Produción: Vaiembora e Centro Dramático Galego

Sala Ártika de Vigo, 20 de novembro de 2021.

Javier Lojo

Director de escena, xornalista e marketing dixital. Membro da erregueté e das compañías Señora Supina e Feira do Leste. Na actualidade, coordina o proxecto editorial Á Feira de textos teatrais e novas dramaturxias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Figuras do limiar

O Centro Coreográfico Galego estrea as coproducións ‘Credo’, ‘Tabú’ e ‘Figuras do limiar’

Ilustración de Isaac Díaz Pardo

Encher os teatros