O Concello de Ribadavia, a través da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, vén de publicar as bases da decimo sétima edición do seu premio de dramaturxia galega, o Premio Abrente de Textos Teatrais. Á convocatoria poderán presentarse textos inéditos, escritos en lingua galega, de temática, estilo e extensión libre, e o prazo de recepción está aberto ata o día 17 de xuño de 2022.
O xurado reunirase no marco da 38ª MIT, que terá lugar entre o 15 e 25 de xullo de 2022. A dotación económica deste premio anual é de 3.500 €, xunto coa edición e o apoio para a procura de posibilidades de posta en escena da obra galardoada. O dramaturgo Ernesto Is foi o gañador da edición pasada con Profetas, texto que se dará a coñecer este ano editado na colección de libros da Editorial Difusora.