in ,

O CDG estrea un sistema pioneiro de teatro inclusivo en todas as funcións do Salón Teatro

CDG teatro inclusivo
Función da peza 'A Peste' no Salón Teatro

O Centro Dramático Galego vén de poñer en marcha no Salón Teatro, en Santiago de Compostela, un sistema pioneiro de teatro inclusivo que permite dispoñer en todas as funcións das producións propias do organismo de interpretación en lingua de signos, subtítulos e audiodescrición. Trátase dunha aplicación específica que funciona co programa de son Qlab e permite ir axustando en directo estes servizos, que ata o de agora só estaban dispoñibles en sesións puntuais.

Deste xeito, as persoas con discapacidade visual ou auditiva poden asistir a calquera representación e terán á súa disposición audiodescrición a través de receptores individuais proporcionados polo CDG, interpretación en lingua de signos proxectada sobre as columnas situadas a ambos lados do escenario e subtítulos que poden descargar nos seus dispositivos móbiles, converténdose así o Salón Teatro no único espazo que ofrece todas as súas funcións adaptadas.

O sistema foi deseñado polo técnico do Centro Dramático Galego Guillerme Vázquez, recoñecido co galardón ao proxecto coa temática máis innovadora dos III Premios empregados públicos innovadores da Axencia Galega de Innovación. Con el buscouse superar as dificultades derivadas do carácter único e efémero das representacións teatrais para a sincronización entre materiais gravados e o directo escénico.

Publicidade

Xa en marcha con A peste

A medida está xa en funcionamento nas representacións de A peste, a montaxe inspirada na obra de Albert Camus que está en cartel no Salón Teatro ata o 13 de marzo. Nesta mesma liña de cara á accesibilidade, todos os mércores se ofrecen sesións descontraídas, con condicións de son e luz especiais para persoas con pouca tolerancia a espazos pechados, aos ruídos ou á escuridade. Ademais, ata o de agora víñase culminando a programación das producións propias cunha sesión inclusiva, con audiodescrición e interpretación de signos, o que xa non será preciso co novo sistema.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

falece Pedro Brandariz

O humor e non a guerra

Premio Abrente 2021 Imaxe da MIT 3 |

A MIT de Ribadavia convoca o 17º Premio Abrente de Textos Teatrais