in

O humor e non a guerra

falece Pedro Brandariz

Facer rir é moito máis difícil que facer chorar. Pero que é máis necesario?

O calendario pode darnos algunha pista. O 25 de febreiro é o Día Internacional da Commedia dell’Arte. E aínda que neste sintagma o termo ‘comedia’ non remita a un subxénero teatral concreto, oposto á traxedia, senón ao oficio teatral en si mesmo, non é menos certo que os canovaccios conservados dan boa conta do caracter netamente cómico, satírico e grotesco deste particular estilo de facer teatro saído das cidades italianas do quatrocento. E, que se saiba, non existe un día internacional da traxedia.

Facer rir é moito máis difícil que facer chorar. Hoxe o teatro está máis de moda ca nunca, domina as redes sociais e as plataformas de vídeo baixo demanda a través da súa exitosa herdeira fílmica. A audiovisual non é máis que unha determinada execución escénica filmada e reproducida. O único que diferencia ao cine do teatro é o feito de que na séptima arte a mímese mediata de accións humanas está filmada en ausencia de público e posteriormente editada e enriquecida con recursos tecnolóxicos, pero sempre sen que a base, que é a dramaturxia, note os cambios. De feito, se hai un lugar onde a Poética de Aristóteles se toma como un manual de creación de historias é a industria cinematográfica.

Publicidade

Pois ben, despois de todo este tempo e toda esta variedade, aínda non fomos quen de saber para que serve o teatro. E por moito que o racionalismo marxista de Bertolt Brecht intentase botala por terra, a vella resposta da Poética de Aristóteles pode seguir sendo válida: o teatro ten unha función terapéutica. A catarse, ese proceso de purga ou purificación que pretende curar unha enfermidade provocando os seus síntomas, segue o mesmo mecanismo que o das vacinas que nos están a salvar o cú contra o becho coronado. Vale, pode que a cousa na arte non sexa tan exacta. Desde logo, non nos é doado aquelar as evidencias científicas que demostren a efectividade do noso tratamento, pero se no máis duro do duro confinamento subiron os índices de lectura, por algo sería. Non será que as ficcións nos reconfortan? Non será que a arte saca algo de nós?

Hai anos botaba pestes dos libros de autoaxuda. Parecíanme vendedores de fume, mentiras facilonas argalladas por embaucadores e charlatáns. Pero o certo é que hoxe a miña idea é ben distinta. O que pasa é que a efectividade desa auto-axuda non está en quen a quere vender senón en quen a sabe atopar. Non se necesita un subxénero específico porque toda a literatura, toda a a arte, é quen de axudarnos. Pintar relaxa aínda que non sexan mandalas igual que respirarmos ben e esquecernos dos problemas axuda aínda que non sexa de 20:00 a 21:00 na clase de ioga.

Ler un libro, ver un filme, ir ao teatro. Son actividades que deteñen o tempo. Dámoslle ao pause da rapidez da vida e abrimos unha paréntese a través do cal podemos coñecernos. Sempre hai identificación. Sempre, de fondo, as preguntas. Que faría eu nesa situación? Que opino eu desa decisión? Que se supón que debería opinar? Tempo sen tempo, as ficcións son espazos seguros que nos dan a posibilidade de vivir outras vidas e soñar outros soños, pero tamén de planificar e analizar as nosas propias vidas e interpretar e avaliar os nosos propios desexos.

Cando a sociedade está enferma, e unha sociedade que se permite unha guerra é unha sociedade enferma, a arte é un refuxio. O sentido do humor, que nunca tivo límites, suavizou o shock do confinamento, foi un bálsamo cuxos memes aliviaron a alerta apocalíptica. O humor, que é un can vello, é tan xeneroso e sabio que vén cando menos se lle espera e cando máis se lle necesita.

A guerra non é cousa de risa. Pero como a violencia xenera violencia e nós non temos armas, só nos queda o humor. Etimoloxicamente, o termo relaciónase coa mesma raíz latina presente na palabra humus, que non é un puré de garavanzos con sésamo, senón unha fonte nutritiva para as plantas: terra, o nome do planeta.

A morte dunha persoa sempre é unha traxedia. Pero que morra un cómico é unha ironía desas que usaba Sófocles para que fósemos conscientes dos actos equivocados, do insistente erro tráxico (a hybris) do protagonista. A primeira imaxe que me veu a cabeza cando escoitei pola radio que acababa de morrer Pedro Brandariz no medio dunha actuación foi a de Moliere interpretando o enfermo imaxinario. Eu conducía o meu coche vermello na autovía mentres el morría co seu camisón amarelo no escenario.

Aquela noite só se falou da crise do PP. Ata que a Putin se lle foi a pinza.

Se hai un demiurgo aí fóra a escribir a historia, se esa dramaturga surrealista que é a entropía pretende que aplaudamos a súa xenial escrita automática, non hai dúbida de que debemos agradecerlles o seu uso do sentido do humor. Morre Pedro Brandariz e vai Rusia e invade Ucraína. Entran as risas de lata. Evidentemente é unha completa casualidade que só unha mente neurótica sería quen de relacionar. Pero é que por se fose pouco, tamén é casualidade que todo isto pase na semana na que recibimos os días grandes do Entroido! E o Entroido sempre foi máis de rir que de chorar, filosofías que se acaban fusionando no Enterro da Sardiña, que é un mero rir chorando.

Como cómico, Pedro Brandariz, coa súa imaxe icónica, traballaba moi ben a partir da cercanía, do cariño, do amor. O seu humor podía ser ferinte con terceiras persoas, maiormente anónimas ou típicas, pero sempre establecía unha conexión co público a través dun recoñecmeneto recíproco aparentemente sinxelo que en realidade é a aspiración de calquera artista e algo difícil de conseguir. Tan difícil como facer rir, sobre todo en tempos nos que o que nos pide o corpo é chorar.

Publicidade

Facer rir é moito máis difícil que facer chorar. Que é máis necesario? Oura posible resposta está na anécdota que nos contou o actor Fabio Mangolini, mestre versado na Commedia dell’Arte que influíu a varias xeracións de actores e actrices da Galiza e a un bo número de docentes de interpretación da ESAD, a cuxo anfiteatro exterior acudiu para celebara a efeméride do Día Internacional da Commedia dell’Arte.

Alá polos anos noventa, Mangolini actuou na cidade chilena de Concepción. A obra era un espectáculo unipersoal baseado en diferentes máscaras do Capitano, ese militar fanfarrón e botaporfóra que ao final sempre acaba amosando a sua covardía e poñéndose en ridículo. Segundo parece, ao principio da representación o público non reaccionaba, non ría. Era como se lles custase, como se tardasen en arrancar. Mais conforme foi avanzando, a xente, paseniño como un motor diésel que mellora nas marchas largas, foi atrevéndose a sorrir, despoir a rir, logo a escachar coa risa, para acabar nunha enorme gargallada estrondosa que obrigou ao actor, gozoso do seu éxito, a extender a duración do espectáculo por medio da improvisación. Depois da función, Mangolini, sedento de curiosidade, preguntou polo acontecido. Por que reaccionaran así? Por que tardaran tanto en reaccionar? E unha vez que se soltaron, por que riran daquel xeito tan intenso? A explicación que recibiu ben serve para apropiármonola e empuñala como arma catárquica en traéndoa ao noso contexto máis actual: había máis de vinte anos que Concepción fóra masacrada polos golpistas de Pinochet, e as persoas do público levaban máis de vinte anos sen rir dos militares.

Que a morte de Pedro Brandariz, que faleceu traxicamente facendo o seu traballo, que era facer rir, non sexa en balde. Fagámoslle unha homenaxe de creación masiva. Non con flores, recordos ou palabras, senón con feitos. Con accións. Fagamos o que el facía. Fagamos rir, non chorar.

Publicidade
Publicidade
Roi Vidal Ponte

Roi Vidal Ponte

(Santiago de Compostela, 1982). Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela e egresado en Dirección de Escena pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Docente, investigador, director de escena e escritor. Como dramaturgo gañou o XII Premio Abrente con 'Poesía. Instrucións para montar unha escena de cama' (2017) e o XII Premio Barriga Verde con 'Marcha fúnebre para un monicreque' (2017); foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales co texto 'O asasinato de Zinaida Reich' (2016) e participou no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG con 'Boisaca ou a divina desgraza', que foi unha das obras elixidas para formar parte do espectáculo 'Neorretranca e posmorriña' (2019). Exerceu a crítica teatral no Faro de Vigo e na erregueté. É membro co-fundador de DramaturGa (Asociación de Dramaturxia de Galicia) e da sección teatral O Galiñeiro, do xornal Praza Pública. Na actualidade
forma parte do Consello de Redacción da erregueté.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

A Casa Vella |

A Casa Vella abre unha convocatoria internacional para residencias artísticas e de investigación

CDG teatro inclusivo

O CDG estrea un sistema pioneiro de teatro inclusivo en todas as funcións do Salón Teatro