in

A Casa Vella abre unha convocatoria internacional para residencias artísticas e de investigación

A Casa Vella scaled |
A Casa Vella

A Casa Vella vén de publicar a súa primeira convocatoria de residencias artísticas e de investigación para compañías ou artistas con residencia en Portugal e para compañías ou  artistas con residencia noutros países do Programa Iberescena (Arxentina, Bolivia, Brasil, Colombia, Costa Rica, Chile, Cuba, Ecuador, O Salvador, México, Panamá, Paraguai, Perú e Uruguai).

O proxecto A Casa Vella, con sede en Amiadoso, Allariz, concíbese como un espazo de creación artística e acción social no rural, para a investigación e formación artística, o uso creativo e saudable do corpo, o respecto polo medio natural e a posta en valor dos seus recursos endóxenos e o patrimonio cultural inmaterial; como un espazo para a conexión, a relación e a reunión, favorecendo a reflexión e o diálogo; o encontro interxeracional, un lazo de unión entre o rural e o urbano, entre a arte, os corpos e os ecosistemas natural e social.

Convócanse residencias de investigación e creación de artistas individuais ou equipos de máximo 3 persoas, de curta ou media traxectoria profesional, que fundamenten o seu traballo artístico arredor do movemento e o corpo. Valoraranse positivamente os proxectos que experimenten con fórmulas de arte comunitaria e interxeracional, abrindo portas a novas formas de habitar e convivir.

O programa de convocatorias 2022 está apoiado por Iberescena e a Xunta de Galicia e o período de aceptación de solicitudes abrangue dende o 16 de febreiro ao 15 de marzo de 2022. Para participar na convocatoria haberá en enviar un correo electrónico ao enderezo [email protected] a seguinte documentación, con asunto CONVOCATORIA RESIDENCIAS: un dossier descritivo dos obxectivos da residencia, contidos, proposta de actividade de mediación e ligazóns a traballos anteriores (máximo 5 páxinas); currículo (máximo 1 páxina por artista); cédula de identidade das persoas participantes na residencia e país de residencia; carta de motivación (máximo 1 páxina).

A resolución da convocatoria darase a coñecer como moi tarde o 15 de abril de 2022 e as residencias desenvolveranse dende o 1 de xuño ao 31 de agosto de 2022, cunha duración máxima de 15 días.


Publicidade

O espazos destinados ás residencias son a sala de ensaio, o espazo residencial – aloxamento, os espazos naturais da Reserva da Biosfera, os espazos nos centros educativos do Concello (escola infantil, primaria e IES) e o Fogar dos Maiores.

A entidade correrá a cargo dos desprazamentos internacionais e locais, aloxamento e manutención así como o persoal necesario para o acompañamento artístico do proceso. Ademais porase á disposición das artistas o rexistro documental, fotografía e vídeo.

Pola súa banda, as artistas comprometeranse a realizar a residencia no período acordado por ambas partes; realizar unha actividade de mediación coa comunidade local e/ou comunidade artística de Galicia ao finalizar a residencia ou no transcurso da mesma (encontro, mostra, apertura de proceso participativo,…); realizar unha memoria descritiva da residencia (máximo 5 páxinas) e entrega nun prazo máximo de 1 mes desde a finalización da residencia; autorizar ao rexistro en vídeo e foto da residencia e respectar as instalacións e o entorno.

Bases da 1ª convocatoria internacional de residencias artísticas na Casa Vella

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fugas |

Fugas e Interferencias recibe propostas de comunicacións para o seu VII congreso sobre a arte de acción

falece Pedro Brandariz

O humor e non a guerra