Pazos tamén estreará o 14 de abril a produción do CDG ‘Ás oito da tarde, cando morren as nais’ no Salón Teatro de Santiago de Compostela e no mes de xullo ‘Safo’, con Christina Rosenvinge, no Teatro Romano de Mérida
O Gran Teatre del Liceu de Barcelona presentou a súa programación para a tempada 2022-2023, nomeada Salto al vacío, que conta entre os seus pratos fortes a ópera ‘Alexina B’ de Raquel García-Tomás (Premio Nacional de Música 2020), na que a directora de escena Marta Pazos asume a dirección de escena. A estrea de ‘Alexina B.’ no Gran Escenario suporá un fito para a historia do Liceu: é a segunda ocasión que o teatro estrea unha ópera composta por unha muller nos seus 175 anos. A primeira ocasión foi hai case 50 anos, cando no 1974 Matilde Salvador estreou Vinatea.
Pazos acepta o reto de dirixir na escena o universo sonoro de García-Tomás, con quen xa colaborou en Je suis narcissiste (finalista dos International Opera Awards), e que, ao igual que nas súas últimas montaxes, afronta un traballo no que pon en cuestión os prexuízos, o heteropatriarcado e o binarismo de sexo e xénero. Nesta ocasión, ademais, tamén teñen presenza a violencia das institucións médica e relixiosa.
‘Alexina B.’, cuxo libreto asina Irène Gayraud, parte das memorias de Adélaíde Hérculine Barbin (tamén coñecida como Alexina B.) persoa intersexual nada en Francia no 1838, a quen lle atribúen o sexo feminino ao nacer. Crece nun convento e, co tempo, traballa de institutriz, ocasión na que se namora dunha das súas compañeiras. Porén, nunha sociedade na que a aceptación da diferenza era complicada e a heterosexualidade a norma, Alexina reivindícase como home: cambia de sexo legal e de identidade para ser Abel Barbin. Mais, incapaz de adaptarse, suicídase na súa soidade.
A estrea absoluta de ‘Alexina B.’, unha produción propia do Liceu, será o 18 de marzo de 2023. No calendario chegará logo da creación ‘7 deaths of Maria Callas’, de Marina Abramovich. Nesta ópera, Pazos contará cun equipo conformado por profesionais como Max Glaenzel (escenografía), Silvia Delagneau (vestiario), María Cabeza de Vaca (coreografía) e Nuno Meira (iluminación). No ámbito musical, acompañarase da Orquestra Simfònica del Gran Teatre del Liceu, dirixida por Josep Pons, e cun reparto no que destacan Lídia Vinyes-Curtis, Alicia Amo, Elena Copons, Xavier Sabata, Mar Esteve e o Cor Vivaldi-Petits Cantors de Catalunya baixo a dirección de Òscar Boada.
Un ano de estreas para Marta Pazos
‘Alexina B.’ é un dos principais proxectos que Marta Pazos afrontará esta tempada, na que tamén sumará novas direccións de espectáculos á súa traxectoria. A primeira montaxe que se poderá ver será ‘Ás oito da tarde, cando morren as nais’, unha produción do Centro Drámático Galego baseada no texto de AveLina Pérez, no que Pazos asina a dirección, e que se estrenará o vindeiro xoves 14 de abril no Salón Teatro compostelán.
Xa de cara ao mes de xullo, a creadora galega presentará no Teatro Romano de Mérida, no marco do 68º Internacional Festival de Teatro Clásico extremeño, unha das propostas máis agardadas da tempada: ‘Safo’, un proxecto compartido con Christina Rosenvinge (dramaturxia, dirección musical, composición musical de cancións orixinais e interpretación) e María Folguera (dramaturxia e texto). En ‘Safo’, producido polo Teatre Romea, o Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida e Grec 2022 Festival de Barcelona, Marta Pazos asume a dirección de escena, a escenografía e a dramaturxia.
‘Safo’ aborda o imaxinario da gran poeta de Lesbos, venerada e enigmática, que compuxo máis de dez mil versos, dos que case non se conservan poemas completos. En contraste coa ausencia da súa obra, a súa figura lendaria non fixo máis que medrar co tempo. Nesta proposta escénica, as tres creadoras percorren o universo sáfico a través do imaxinado, o proxectado, o especulado por investigadoras e artistas ao longo dos séculos, e reconstrúe a partir do coñecido o que puido ser e o que supón Safo nun canon -na sua meirande parte masculino- que durante séculos tentou reinterpretar a súa figura segundo os valores e prexuízos de cada época.